Arquivo da categoría: Película Familiar

Zapico: filmando filmacións

Que o cinema represente o cinema non é algo novo. Desde os comezos o cinema detívose na estrutura en abismo que é o propio proceso cinematográfico filmando a rodaxe dun filme, o cineasta, os actores… Nun principio este interese debeuse a certo criterio humorístico máis, pouco a pouco, foise erixindo coma unha clara reflexión polo medio onde descifrar a súa natureza e a súa singularidade.

Pero que idea agocha esta dinámica dentro do cinema afeccionado? Ao longo dos arquivos de Proxecto saen á luz estes fogonazos ontolóxicos máis é no caso de Zapico onde aparecen dunha maneira máis frecuente. Obviamente a intención de Zapico e os seus coetáneos posúe algo máis. Estes filmes están afastados da intención narrativa e collen a necesidade de representar o momento que fuxe.

Estes filmes aprisionan a sorpresa de atoparse con outro “conxénere”. Fixarse nunha filmación supón recoñecer o elevado grado de improvisación do proceso cinematográfico afeccionado. A filmación faise sen un plan preconcibido, non hai elementos pensados nin guións previos. Ao aparecer en plano unha persoa cunha cámara acesa as alarmas e este motivo tórnase transcendente xa que existe certo grado de fixación da mirada. A imaxe tórnase dupla, en dobre sentido, coma un espello de dobre cara. Zapico morde o anzol e busca fixar o cinema dentro do cinema para dar conta da súa excepcionalidade.

A filmación fica dentro dunha secuencia que é o motivo da filmación polo que supón un alto no camiño. Un respiradoiro incontrolado, azaroso e inconsciente. O tema que se quere filmar normalmente ten certa importancia ou espectacularidade que motiva o anhelo de filmar. Mais a irrupción doutra filmación produce un desprazamento de intencións que fala ben as claras dos sendeiros que se cruzan na vontade dun cineasta afeccionado.

Tamén poden ser elementos inconscientes dunha consistencia documental de como era o emprego das cámaras cinematográficas sobre todo na década dos 70. A disposición dunha cámara cinematográfica no seo dunha familia era unha cuestión nada gratuíto porque precisabas dispor dunha posición económica saneada. Esta cuestión choca co nivel medio da economía dunha familia a finais do franquismo. E por iso que os cineastas filmados seguían a pauta de sacar a cámara de viaxe e depositar a mirada sobre outras realidades.

Zapico non estaba so.

O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30

 

proxecto-socheo-a-guarda-joaquin-garcia

Os filmes foron feitos por Joaquín García Portela, alcumado “Costiña”

As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República

Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes

O Proxecto Socheo vén de sacar á luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na década do 1930.

Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

Tras un estudio previo por parte de Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.

Autor

Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 –  14 de xullo de 1957). Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.

Características dos filmes

 Os rolos dos filmes son de 9,5 mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30.

Tralos primeiros visionados hai unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano 1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.

Malia que a maioría da metraxe son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. E tamén aparecen secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… A parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.

Xestións para a dixitalización as imaxes

 Proxecto Socheo púxose en contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que resulta inasumible para a filmoteca galega.

Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos. Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 

Dende o Proxecto Socheo solicítase a colaboración de todo aquel que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez, poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

 A maior parte deste traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

O Curro da Valga (anos 90)

Outra gravación de curros. Filme caseiro feito en vídeo no que se rexistra unha visita familiar ao curro da Valga, Concello de Oia, Serra da Groba. A gravación pode situarse a comezos da década dos anos 90.

Esta viaxe pódese facer grazas a Iván Fernández que nos cedeu as imaxes. Se queres colaborar, contacta: proxectosocheo(arroba)gmail.com

Romaría da Festa da Monte (1976), de Enrique Barreiro

Película familiar que filmou Enrique Barreiro durante a romaría da Festa do Monte no ano 1976. Un dos grandes documentos históricos sobre como se celebraba o Dia do Monte Trega a mediados da década dos anos 70.

PASEO POLA PRAIA DAS EIRAS, DE ENRIQUE BARREIRO (1976)

Película familiar que filmou Enrique Barreiro sobre un paseo na praia das Eiras en 1976. Nela podemos ver como un avó pasea cos netos e un can pola ribeira do Miño.