Arquivo da categoría: Costiña

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe, coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonsos.

Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.

Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

A unidade didáctica pódese consultar en https://proxectosocheo.wordpress.com/unidadecostina/

 As filmacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2015 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez  atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.

A maioría da súa metraxe  son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan  secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

FOLLA DE VISIONADO: BACHARELATO

Folla de visionado dos filmes do Costiña. Material didáctico complementario para guiarse na proxección e para pensar as imaxes. Esta guía ten como misión o contextualizar e está adaptada ao nivel de bacharelato para todos aqueles que queiran reforzar os contidos aprendidos na aula.
Pódese descargar aquí en formato .pdf : costina-folla-visionado-bacharelato
Pódese descargar aquí en formato .docx : costina-folla-visionado-bacharelato

Regresar ao índice da unidade didáctica.

cos00001

 

 

FOLLA DE VISIONADO: ESO

Folla de visionado dos filmes do Costiña. Material didáctico complementario para guiarse na proxección e para pensar as imaxes. Esta guía ten como misión o preguntar e está adaptada ao nivel ESO para todos aqueles inconformistas que reborden curiosidade.
Pódese descargar aquí en formato .pdf : costina-folla-visionado-eso
Pódese descargar aquí en formato .docx : costina-folla-visionado-eso

Regresar ao índice da unidade didáctica.

cos00001

 

FOLLA DE VISIONADO: PRIMARIA

Folla de visionado dos filmes do Costiña. Material didáctico complementario para guiarse na proxección e para pensar as imaxes. Esta guía ten como misión identificar e está adaptada ao nivel primaria para todos aqueles que queiran exercitar a mirada.
Pódese descargar aquí en formato .pdf : costina-folla-visionado-primaria
Pódese descargar aquí en formato .docx  : costina-folla-visionado-primaria

Regresar ao índice da unidade didáctica.

cos00001

FOLLA DE VISIONADO: ESPECIAL

Folla de visionado dos filmes do Costiña. Material didáctico complementario para guiarse na proxección e para pensar as imaxes. Esta guía ten como misión o describir e está adaptada ao nivel especial para todos aqueles que acepten o reto.
Pódese descargar aquí en formato .pdf : costina-folla-visionado-especial
Podese descargar aquí en formato .docx : costina-folla-visionado-especial

Regresar ao índice da unidade didáctica.

cos00001

GLOSARIO DOS CAMIÑOS DA IMAXE

costina-verde

Palabras que podes atopar nos distintos contidos desta unidade didáctica.

Polifacético: capacidade dunha persoa que ofrece moitas facetas, condicións e aptitudes.

Autoría: síntomas que outorgan a creación dunha cousa ou actividade a certa persoa.

Datación: atopar a cronoloxía na que se de conta o tempo da realización dunha cousa ou actividade.

Formato: soporte no que se rexistran as imaxes. Poden ser en celuloide, magnético ou dixital. Non confundir co aspecto (16:9, 4:3,…)

Posta en escena: organización da realidade que se quere rexistrar coa cámara.

Contracampo: paso dun encadre a outro nunha secuencia cun plano moi similar. Vese moi ben cando se quere filmar unha conversación singularizando aos seus protagonistas.

Montaxe: escolma e ordenación do material audiovisual rexistrado.

Flash-back: elemento narrativo que induce ao relato a volver a unha acción anterior.

Peche de iris: pechar o abrir el diafragma da cámara.

Panorámica: tipo de plano consistente en un movemento lateral. Pode facerse sobre o eixo da cámara, coa cámara quieta sobre un trípode, ou co movemento lateral da mesma cámara.

Noite americana: filmar un exterior de día pero que debido a parámetros fotográficos da a ilusión de que é de noite.

Experimentación: facer cousas alén do convencional. Normalmente os logros conseguidos de esta maneira posúen unha elevada consideración estética.

Pioneiro: persoa que fai unha cousa por primeira vez.

Autodidacta: persoa que aprende coñecementos sen ninguén que lle ensine. Proceso empírico onde o erro lle serve para perfecionar a súa técnica.

Regresar ao índice da unidade didáctica.

OS CONTEXTOS DO COSTIÑA

Costiña rosa.jpg

O Costiña realizou os seus filmes entre 1926 e 1929, no segundo lustro da década dos 20. Un período de incerteza política que vai entre a I Guerra Mundial e a II Guerra Mundial. Un tempo inestable tanto económico como socialmente que alumeará un gran desenvolvemento cultural coas chamadas vangardas históricas. Unha época que recibirá o sobrenome dos “felices anos 20”. Unhas expectativas que se precipitaron sobre o abismo coa crise do Crack do 29. En España a década estivo marcada pola impopular Guerra do Rif (1911-1927) que fixo minguar a posición colonial española e o sometemento de liberdades coa ditadura de Primo de Ribera (1923-1930). En Galicia se consolida o resurxir do nacionalismo tras o nacemento das Irmandades da Fala e da Xeneración Nós e se empeza a contemplar a modernización de Galicia por medio dunha clase dirixente comprometida formada por intelectuais, empresarios e indianos. Na Guarda esta situación se consolida coa Sociedade Pro-Monte e as numerosas obras civís promovidas polo goberno (espigón do porto) e polos retornados da emigración (Centro de Saúde, escolas, fontes).

Preguntas e respostas:

Que grande obra se pode seguir cos filmes do Costiña?

A casa do Costiña estaba en Mazaracos e en varias perspectivas sae rexistrado como se estaba facendo o espigón do porto da Guarda, concretamente o tramo que  cubriría A Fosella para chegar até O Balueiro.

Segundos os filmes do Costiña cal eran os sectores económicos máis importantes da Guarda nos anos 20?

Podemos ver como a base da economía ou mellor dito o maior número dos habitantes da Guarda se dedicaban á pesca. Un excedente de man de obra que fai pensar nas condicións de vida e nos aportes migratorios. Mais como observamos na casa do Costiña sempre se compaxinaba con aportes agropecuarios onde destacaba o cultivo de patacas e a crianza de gando. Por outro lado toda esta explotación fai supor a presenza dunha comercialización polo que habería un sector de dedicado a actividades comerciais e a dar servizos. Neste último grupo tamén estaría englobado o propio Costiña coa súa actividade como fotógrafo.

Cales eran as forzas motoras das distintas embarcacións que aparecen nos filmes?

Nas imaxes se poden identificar distintos tipos de embarcacións que aparecen definidas pola súa forza motora: vemos gamelas impulsadas a remo e a vela e tamén barcos, tanto de pesca como de viaxeiros, con motores de carbón. Asistimos a un momento onde conviven distintas tecnoloxías aplicadas aos medios de transporte, unha máis tradicional e outra máis moderna.

Que festas aparecen nos filmes do Costiña?

Identifícanse dúas festas da Guarda: a festa da Guía e a de Santa Trega. O indicio que nos leva a recoñecelas é polas presenzas das efixies da virxe e da santa nas súas respectivas procesións. Nestas imaxes podemos ver como eran citas da comunidade, os seus ritos, a afluencia de devotos e o diverso status social da xente.

Regresar ao índice da unidade didáctica.