Arquivo da categoría: Cine

O cinema doméstico na Guarda

Grazas ao traballo de Proxecto Socheo xa podemos dicir que a etapa máis pródiga en actividade de creación cinematográfica na Guarda deuse co cinema doméstico. Antes de nada hai que advertir que o calificativo de “cinema doméstico” carrexa certa polémica dentro da historiografía xa que que normalmente é un campo moi complicado de acoutar. O cinema doméstico é un cinema producido, creado, proxectado e divulgado no ámbito familiar. Malia isto hai certo tipo de cinema doméstico que desexa transcender a súa áurea e facer patente as súas ínfulas asumindo referentes do cinema comercial. É neste punto cando o cinema doméstico pasa a denominarse “cinema afeccionado”.

familiar2

Mais este non é o caso, na Guarda non houbo este problema porque as actividades cinematográficas descubertas até o día de hoxe mantéñense neutras e dentro do cinema doméstico, é dicir, cómodas dentro da súa clasificación. Mais isto non hai que velo como un demérito senón como unha extraordinaria asimilación dun novo medio de rexistro audiovisual á vida cotiá. Estas persoas non sentían unha especial predilección polo medio cinematográfico, non eran asiduos ao cinema, non eran cinéfilos. A chegada a este cinema doméstico hai que velo como un paso coherente lóxico pasando da fotografía ao mundo da imaxe en movemento. Hai que dicir o volume de produción non é moi grande. A laboriosidade do proceso cinematográfico fixo que estes cineastas tiveran unha produción reducida que, se a medimos por rolos, vai de entre 6 e 12 películas de media. Unha filmografía que na maioría dos casos se pode delimitar en 3-4 anos seguidos. Este déficit de produción propia se suplía coa compra de pequenas cintas comerciais.

Entón, porque nos facemos eco deste fenómeno na Guarda? Pois merece salientarse porque até o que levamos investigando xa xurdiron un número considerable de guardeses que podemos constatar a súa actividade cinematográfica: Juan A. Uris, José Quintas, Luís Lomba “Ayón”, Ramón Pérez, José Elías Rebollar “Bixurro”, Milo Valterra, Pedro Carrera, J. Antonio González Pacheco “Laxeiro”, Antonio Bento, Florentina Andrés, Antonio Vicente “Pirucho”, José Benito González “O da Sabina”, Jesús Zapico…

familiar3

Esta efervescencia deuse nun período moi concreto no tempo que se axusta, perfectamente, na época onde se popularizou o Súper 8, o formato de cinema familiar máis espallado. A actividade do cinema familiar na Guarda podemos situalo desde o ano 1974 até o ano 1984. Este abano coincide coa época de ouro do cinema familiar en España, coincide nun contexto histórico de adquisición de liberdades polo cambio de réxime político até un cambio de paradigma no campo tecnolóxico: o paso do cinema ao vídeo.

A maioría das persoas que fixeron este cinema doméstico eran homes. Eran sobre todo profesionais liberais; médicos, farmacéuticos, banqueiros… Mais tamén había outro grupo importante e significativo que eran os mariñeiros. Este gremio foron vehículos perfectos de difusión da tecnoloxía grazas as súas constantes viaxes, especialmente ás Canarias. Tanto Las Palmas de Gran Canaria como Tenerife eran portos francos onde se podían adquirir estes trebellos a baixo custe se o comparamos cos prezos na Península. Os mariñeiros mercaban tanto para eles como para familiares, amigos e coñecidos. A compra constaba de todo equipo: cámara e proxector. A maiaría de equipos son sen son pero vemos como hai algúns casos puntuais onde aparecen cineastas que tamén teñen cámaras con este complemento.

Mais o Súper 8 precisaba dunhas prestacións constantes. Había que mercar rolos de película virxe, había que ter acetona para as montaxes rudimentarias, aparellos para a edición e, sobre todo, o revelado das películas. Para todo isto había que ir a Vigo a locais de fotografía como Vigofoto. Este contacto se podía facer en persoa, trasladándose á cidade olívica, ou empregando de intermediarios a fotógrafos locais como Cadilla ou Rivas.

familiar22

Algúns dos cineastas tiñan contacto entre eles. Non era que formasen un grupo nin nada parecido, eran un grupo de amigos que quedaban nalgunha casa a ver películas, se consultaban cousas, se asesoraban, se prestaban cousas e se animaban a facer cousas.

O que máis retrataban eran os eventos familiares: casamentos, comuñóns, cumpleanos, bautizos… Asemade se levaba a cámara para rexistrar paseos, excursións, viaxes, vacacións… Tamén se recolleron festividades importantes para o pobo, tanto relixiosas como laicas. Entre as primeiras destacan filmación do Día do Señor (coas célebres alfombras florais), Semana Santa, Santa Trega… E entre as segundas destaca o gran acontecemento guardés por excelencia: a Festa do Monte. Esta festa é un grande espectáculo por si mesma digno de ser cinematografiado: subida, xura, bailes, música, desfeita, xente, acción, paisaxe… Mais sobre todo é no desfile do sábado onde se daban cita máis cámaras tanto locais como foráneas. Era tal a súa densidade que incluso se gravaban uns a outros. Nestes documentos inconscientes pódese saber o nivel de propagación do cinema familiar, o modelo das cámaras, se tiñan son, se ían con cámaras de fotos, a procuras do encadre…

fondo laxeiro

Dito isto podemos dicir que o cinema familiar foi un fenómeno que tivo un grade acubillo na Guarda. Pódese pensar que forma parte dunha moda, que noutras poboacións sería igual ou parecido. Mais despois de todo o material que está saíndo á luz en Proxecto Socheo podemos dicir que o número de cineastas guardeses era bastante significativo. Agardamos que con este artigo sexa motivo para que aparezan máis cineastas e máis películas. E xa para rematar facemos un chamamento aos veciños da Guarda para que rebusquen nas súas pertenencias para atopar estes tesouros. Esta produción creouse dunha maneira desprendida, sen ambicións, mais agora mesmo é un patrimonio excelente que fala moitísimo de nós e do noso pasado recente.

Xurxo González

OS CINEMAS DO BAIXO MIÑO

Ver os filmes nun espazo pechado con pantalla grande e en comunidade é algo que está caendo no esquecemento. Desde as últimas décadas a institución cinematográfica está pasando por unha reformulación severa do que sempre se entendeu por cinema. Unha idea que se construíu ao longo de máis dun século e que agora recondúcese condicionada pola exhibición concentrada en multicines situados nas cidades. Mais isto carrexou como efecto o declive e o peche das salas de cinema de localidades de poboación pequenas. Hoxe o único que fica son as lembranzas da xente sobre os cinemas de pobo e, no mellor dos casos, os predios abandonados ou reconvertidos noutras funcións. Imos pois a facer un repaso das salas de cinema que houbo nos distintos concellos da comarca do Baixo Miño.

Todos os concellos tiveron cinema excepto o de Oia. O establecemento dun cinema tiña que deberse a que había un mínimo de condicións demográficas e económicas. O Concello de Oia sempre foi o máis despoboado da bisbarra polo que non se daban as condicións para asentar un cinema comercial. O número de cinemas por concello tamén se debía a potencialidade do núcleo urbano e dependendo desta entidade houbo unha maior ou menor sucesión de cinemas ao longo do tempo.

Cinemas da Guarda

O segundo núcleo de poboación máis importante do Baixo Miño é A Guarda. É un concello moi condicionado polas súas particularidades físicas, moi pequeno e con un notábel número de habitantes circunstancia que reforza a vitalidade e puxanza do centro urbano. A isto tamén hai que sumar o seu emprazamento xeográfico bastante illado polo que canalizou a oferta cultural dunha ampla zona territorial sumándose a el os concellos próximos.

A tradición cinematográfica das salas permanentes documentadas na Guarda comeza no denominado Trangallada, un local destinado a organizar bailes mas onde tamén tiñan lugar proxeccións cinematográficas esporádicas. Este primeiro cinema do que se ten novas data da década dos anos 20. O lugar, propiedade de Juan Lomba, podía estar destinado a acoller algúns cinematográficos de carácter ambulante.

Tamén sábese que durante a década dos vinte o colexio dos xesuítas de Camposancos tamén dispoña de cinema para o entretemento da súa ampla comunidade académica. Recibía a denominación de Cine Apóstol mais a institución académica que o levaba era o Instituto Num´Alvres xa que estivo instalado no colexio desde 1916 ao 1932. Os portugueses ocuparon este edificio educativo cando o Colegio Apóstol abandonouno para establecerse en Vigo. Mais isto lévanos á pregunta de se o cinema que había no colexio tiña carácter comercial ou era cinema con formatos domésticos.

avenida-guarda

Nos inicios da década dos anos 30, coincidindo coa expansión do cinema sonoro, temos coñecemento da existencia do Teatro-Cine Ideal que tiña por propietario a Adolfo A. Builla. Na posguerra se crea o Cine Avenida, a sala por excelencia a marcar os designios cinematográficos da vila. Este cinema tivo varias etapas de vida e seguiu funcionando até ben pouco: maio de 2005. Hoxe o edificio foi destruído e sobre o seu solar construíuse un bloque de vivendas. Relacionado con este cinema existiu outra sala que recibiu o nome Avenida Parque. As dúas salas compartían o mesmo propietario: Manuel Martínez. A primeira era para teatro e cinema a segunda tiña un carácter máis híbrida xa que acollía bailes, banquetes e proxeccións cinematográficas. O edificio do Avenida Parque aínda está en pé convertido nun bar e nun hotel no centro da localidade.

Alvi

Mais a Guarda tivo unha quinta sala, o cinema Alvi, do propietario Arturo Alonso Sousa. O peculiar desta sala é a súa data de creación, a finais da década dos setenta, un tempo de recesión dos cinemas xa que pronto comezarían a notarse as consecuencias da competencia doutras canles de ocio que desfrutaba a xente. Actualmente o edificio do cinema Alvi permanece intacto xusto ao comezo da subida ao Monte Trega.

Cinemas do Rosal

Ao falar de cinemas no Rosal hai que sinalar, como característica máis importante, a peculiaridade da localización da única sala comercial que tivo o concello: o cinema El Rosal. Este detalle é digno de resaltar porque a situación desta sala non estaba no núcleo de poboación máis importante do Rosal, é dicir, no seu centro administrativo, no Calvario, senón nun lugar estratéxico onde se unía a vía de comunicación máis importante do concello coa estrada nacional, eixo que vertebra toda a comarca do Baixo Miño.

El Rosal

Os anos de actividade deste cinema estiveron acoutados deste do 1949 ata o 1984. O seu primeiro propietario foi Manuel Martínez Martínez mas ao longo da súa existencia houbo moitas persoas que levaron a condución da súa xerencia. Actualmente o edificio do cinema El Rosal aínda segue en pé convertido nun almacén e na parte superior con vivendas.

Cinemas de Tomiño

O Concello de Tomiño contou con dúas salas fixas de cinema; unha sita no Seixo, na capital administrativa, e outra en Goián, o segundo núcleo de poboación máis importante do concello. Esta bipolaridade representa moi ben a organización e o peso específico que tradicionalmente se distribuíu neste concello de superficie e poboación considerábel. Dito isto as ofertas de entretemento personalizadas nos cinemas se repartiron do seguinte xeito: o cinema Avenida no Seixo e o cinema Goya en Goián.

Goya-Tomiño

O máis antigo é o cinema Goya que tivo a súa fundación no ano 1946 polo interese dos seus primeiros propietarios José Gómez Rodríguez e Mariano González Bartolomé. Este cinema contou cunha serie de transformacións ao final da súa existencia coa idea de facelo máis rentable: instalar una cantina, transformalo nun “videograma”, e programar espectáculos de variedades. Actualmente o edificio permanece ergueito mais tivo o uso dunhas oficinas dunha adega.

Avenida-tomiño.jpg

O cinema Avenida comezou a funcionar no ano 1949 de mans de Marcelino Álvarez Vizoso. O cinema chamaba a atención pola súa fachada de estilo arquitectónico rexionalista. Este motivo foi o que motivou ao concello a mercar o predio en 1984 e acondicionalo para instalar alí a Casa da Cultura.

Cinemas de Tui

Desde moi cedo, Tui experimentou unha especial relación co cinema que se deixou relucir na abondosa documentación que existe nos arquivos municipais e do Goberno Civil. Esta consolidación do binomio Tui-cinema veo dado sobre todo polo status que amalgama a cidade onde, a parte de ser o núcleo de poboación máis importante da comarca, conflúen unha serie de aspectos que reforzan esta combinación: o seu pasado como capital de provincia do Antigo Reino de Galicia, cabeza de distrito xudicial, capital de Diocese, poboación fronteiriza e nó de comunicación tanto por estradas como ferroviario.

Desde os primeiros anos da presenza do cinema en Galicia Tui contou con proxeccións de cinema no Teatro Principal de Tui dirixido por Estaban Alonso García alá por finais do século XIX. Eran proxeccións que nun principio servían para complementar outros espectáculos mas pouco a pouco foi gañando como sala cinematográfica estábel. Tamén hai constancia doutros cinematógrafos ambulantes que instalaban o seus barracóns nos campos das festas.

yut

Entre finais do período silente e comezos do sonoro podemos localizar a primeira sala exclusivamente dedicado ao cinema: o Imperial Palais dun empresario do que sabemos unicamente o seu apelido: Diz. A próxima sala en aparecer xa nos leva a 1943 ao Salón Yut dirixido por Apolinar Pita Veiga. Actualmente este predio pervive na zona vella de Tui dedicado a acoller unha discoteca. En 1947 apareceu o cinema García do empresario José García García entorno á localidade de Caldelas de Tui para servir de entretemento aos moitos visitantes que acudían ao seu afamado balneario. Foi en 1965 cando apareceu outro cinema, o Bolívar, de man do empresario Maximino Rodríguez Pumar. A finais dos sesenta e comezos dos setenta houbo outras tentativas de construír cinemas mais que non chegaron a frutificar. Tui tamén contou co cineclube Juvenil auspiciado polos maristas.

Matrix

Finalmente o último cinema que apareceu na cidade tudense foron os Multicines Matrix do empresario Martin Klaversteijin Sozzo no ano 2000. Recorreuse ás multisalas no intento desesperado de afianzar as fórmulas de distribución cinematográfica que triunfaban nas grandes urbes. Mas todo foi inútil, estes cinemas tiveron unha vida moi limitada de pouco máis dun lustro desaparecendo, desta maneira, o último cinema do Baixo Miño.

Xurxo González

A GUARDA VIDEO-FILMCOMISSION

Proxecto Socheo deseñou este video sobre o Concello da Guarda para reflectir nel as localizacións e os filmes que se realizaron no seu territorio. Conformamos así o esquema dun video-filmcomissión para divulgalo pola rede para atraer posibles rodaxes. Este vídeo pode ser copiado por outros concellos ou territorios para facer algo atractivo e ameno un inventario de localizacións.