Visita a cidade portuguesa do Porto. Viaxe en coche desde Tui e logo un paseo pola ribeira do último tramo do Douro, concretamente nas proximidades onde está a ponte de Luis I.
Arquivo da categoría: Porto
VISTAS DA GUARDA DESDE A CRUZADA (1965)
Imaxes do Fondo Ramón Martínez. Nelas faise unha panorámica do porto da Guarda desde a estrada de circunvalación na altura da Cruzada, ao carón do Palomar.
DESFILE DA FESTA DO MONTE (1981)
Chegamos ao final do Fondo Bixurro coa quinta entrega da colección e, como non, volvemos ao Desfile da Festa do Monte, mais desta vez no ano 1981. Nela podemos ver a José Elías Robollar e familia polo que aproveitamos a ocasión para facerlle público, unha vez máis, o noso agradecemento.
ARCO DA VELLA NA GUARDA (2018)
Documento que inmortaliza un arco da vella na Guarda, concretamente na zona do porto, comeza en Mazaracos alumeado polo sol e pérdese polas Carpinteiras, esvaecido pola humidade cargada de sal das ondas do mar enbravecidas. Vídeo realizado co móbil por José Ramón.
DESMALLANDO SARDIÑAS (2015)
Volvemos ao porto da Guarda nunha noite de verán onde podemos ver unha escena tradicional onde os mariñeiros desmallan as sardiñas das súas redes. Vídeo de Jorge Carrasco.
A foto guardesa de Otto Wunderlich
Descubrimos na base de información Europeana unha fotografía da Guarda realizada polo alemán Otto Wunderlich nunha data englobada no abano entre os anos 1929 e 1936. Tal como podemos ver na biografía do fotógrafo durante este período recorreu España na procura de sitios singulares para facer álbumes que despois comercializaba.
Mais imos coa análise da fotografía que destaca pola calidade do material fotográfico e pola súa depurada técnica (vidreo a la gelatina). Deste xeito vemos unha paisaxe en altura onde podemos contemplar con definición os distintos planos que a comportan a pesares da distancia.
Dito isto o primeiro en sinalar é o lugar desde onde foi sacada a foto: desde o Facho do Monte Trega. Nun primeiro plano vemos a haba do monte aínda que non nos permite observar espazos visibles ou excavados do xacemento do Castro do Trega.
Nun segundo plano xa nos imos á Guarda onde podemos ver a súa fotografía arredor do outeiro do “Castelo” de Santa Cruz. Un levantamento do terreo que ven potenciado pola conformación en base de socalcos e polo que non foi de extrañar que se emprazara na súa cima unha instalación militar complementando a Atalaia que se atopaba no lado sur da boca do porto.
Se atendemos ao urbanismo da Guarda o primeiro que destaca é o espazo do Chan do Conde que nos leva a darnos de fronte co Muro, a muralla medieval da Guarda. Estaba claro que antigamente este eixo axial era o que rexía a vila xa que unía a Ribeira, o Convento das Bieitas, Chan do Conde, porta sur da muralla, rúa Colón, Prazá do Reló (Concello), Igrexa Parroquial e, posteriormente, a entrada á fortaleza de Santa Cruz.
Outro elemento a destacar é a configuración do casco urbano dentro da muralla: en forma de triangulo cun lado ofrecéndose ao mar e o vértice superior na igrexa parroquial. Este é un esquema típico das vilas mariñeiras galegas (Baiona, Noia, Fisterra…).
Sobre o posible peche da muralla da Guarda vemos que no lado oeste o núcleo urbano está moi separado do barrio de Ribadavila. Ese podía ser o límite máis occidental: os muros de peche de atrás dos terreos das casas que se atopan subindo a Rúa Vicente Rodríguez Cachada. Porén, no lado oriental, máis axudado pola pendente, vemos como destaca o muro do Monte Real (praza do mercado) e vemos como se dirixe ao contorno do terreo que estaba ao carón da Igrexa, o que antiguamente chamábase O Eirado. Neste punto cabe preguntarse até que punto esta contrución era por cuestións defensiva ou era un zócalo coa función de conter o terreo e de establecer os límites do espazo urbano da vila.
E por último dicir que a fotografía axúdanos a ver cal foi o crecemento da vila da Guarda a ámbolos lados da estrada que unía con Tui e con Baiona. Unha zona onde se situaba os establecementos comerciais e a residencia do que podemos denominar burguesía. Esta disposición “de arriba” choca coa zona mariñeira disposta máis “abaixo”, fora de muralla, no barrio da Marina. Unha disposición no territorio que podemos ver moi ben na foto e así compréndese as relacións sociais internas entre estes dous grupos predominantes da poboación guardesa. Esta supeditación é un dos contidos que engrosa o estupendo libro de Luis Alberto Gárate Castro titulado Jerarquías sociales en el Bajo Miño (Concellos de A Guarda y Oia): espacio, tiempo e identidad.ajo Miño (Concellos de A Guarda y Oia): espacio, tiempo e identidad.
Polo comentado vemos que esta fotografía guardesa de Otto Wunderlich ten un inmenso aporte documental porque podemos considerala como unha das primeiras “perspectivas aéreas” da vila da Guarda.
BLANCO AMOR NA GUARDA
Cada verán A Guarda énchese de visitantes procedentes da Cidade das Burgas, unha relación estreita entre as dúas localidades miñotas que ten como ilustre precedente a estancia dun dos ourensáns máis senlleiros: Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897-Vigo 1979). Este escritor foi un dos grandes persoeiros da cultural galega do século XX que, como imos ver, nun principio, tivo unha breve estancia na Guarda documentada a través da súa obra.
De Blanco Amor sábese que a súa faceta máis sobranceira foi a de escritor, non obstante tamén se decantou polo xornalismo e pola fotografía. O seu saber na escrita empregouno para recorrer mundo facendo reportaxes relatando as súas viaxes e, claro está, fixando imaxes coa súa cámara. Do seu traballo fotográfico dá conta no libro: Blanco Amor, Eduardo: A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, Vigo, Editorial Galaxia, 2004. Unha publicación que se estructura en distintos capítulos, agrupando as fotografías segundo a súa cronoloxía, temática e teimas estéticas.
Segundo se sabe Blanco Amor gustáballe moito o mar e no 1929 embarcouse nun balandro de pesca chamado “Norita” e percorreu varios portos de Galicia. Desta primeira xeira sabemos que estivo en Baiona mas non sería de estrañar que tamén chegase até A Guarda. Tamén sabemos que viviu longos períodos en Vigo polo que non sería de estrañar algunha que outra visita. Mas si podemos documentar a súa estadía no noso pobo cando tras vinte tres anos de exilio volveu a Galicia en 1958 e a percorreu acompañado polo seu amigo Valentín Paz Andrade. Segundo a datación oficial nesa viaxe sacou fotos na Guarda e dúas engrosan o devandito libro de escolma fotográfica.
Esta viaxe de reencontro con Galicia durou dous meses: xuño e agosto de 1958. Foi unha parada dun periplo que tiña como destino Italia e Francia e que lle propuxo facer a Escuela Superior de Bellas Artes da Universidad de La Plata de Buenos Aires. De Galicia percorreu varias zonas tamén documentadas fotograficamente mais o interese polo Baixo Miño puido vir da súa amizade en Buenos Aires co goianés Eliseo Alonso a quen lle fixo o prólogo do seu libro Contos do Miño en 1956.
A primeira foto leva por título “Pescantina” e é unha vista case cenital sacada nas Laxes, no cruce de rúas entre a Rúa do Medio e un transversal que vai cara Mazaracos. Nesa superficie aparece andando unha muller vestida de rigoroso loito que leva na cabeza un canastro con aparellos de lavar a roupa na fonte, e de supor que sería a da Ribeira. O irregular lousado das rúas están cubertos por aparellos de pesca (rediñas) dispostos xeometricamente causando un grande efecto estético. Lembremos que os motivos mariñeiros eran unha excelente figuración para encarreirar neles os presupostos definidos polas vangardas, tal como no seu momento influíu na fotografía do alaricano José Suárez.
A segunda foto leva o título de “Festa” e é unha espectacular imaxe onde se retrata unha escena da Festa do Monte, este tema permítenos situar máis exactamente cando foi a visita deste célebre ourensán; na segunda semana de agosto do ano 1958. Na fotografía aparece un grupo de homes con varios instrumentos musicais (gaita, caixa e pandeireta) arredor dun home bebendo dun garrafón. Tendo en conta a inclinación sexual de Blanco Amor viuse irremediablemente atraído polo ritual físico da “xura” no que, daquela, unicamente se facía unha ostentación do corpo masculino. Como dato curioso podemos observar como a maioría levan unhas camisetas con debuxos idénticos no que pode ser unha primeira etapa das chamadas bandas mariñeiras. Emporiso a foto vai máis aló dos contidos e destaca polo seu acusado formalismo; unha composición no que a figuración representa 1/3 da foto para retratala ante un amplo ceo e para iso necesita dunha angulación nun contrapicado notábel. Unha imaxe que se adapta moi ben aos esquemas visuais forxados tanto na fotografía como na cinematografía soviética dos anos vinte.
Podemos constatar que a foto Festa está mal datada. Grazas a unha compartiva cunha foto da familia guardesa Álvarez Lomba podemos constatar como a fotografía “Festa” foi feita no ano 1970. As dúas fotos, case de maneira asombrosa, retratan o mesmo instante. Polo tanto, se a fotografía titulada “Pescantina” está ben datada (cousa que habería que cerciorarse) podemos decir que Eduardo Blanco Amor tivo varias estadías na Guarda.
Estas fotografías engrosan o Arquivo Blanco Amor da Biblioteca da Deputación de Ourense, un arquivo fotográfico con máis de tres mil clixés polo que non é de estrañar que se atopen máis imaxes que fagan relación á Guarda ou a concellos próximos. Aproveito a ocasión para que o Concello da Guarda se interese por este legado e programe unha mostra fotográfica no que se poda ver parte destes fondos.
Xurxo González
PORTO DA GUARDA NO INVERNO (1979)
Primeira película do fondo Ramón Pérez (o médico) onde a protagonista é a súa muller. Mais se vemos o fondo permítenos ver o estado do porto tralo paso dun temporal no inverno de 1979. Esta película pódese ver grazas a colaboración da familia, concretamente de María Pérez e do traballo de La Mirada de los Extremeños.
Proxecto Socheo mostra filmacións do médico Ramón Pérez
Estas filmacións domésticas foron realizadas por Ramón Pérez, un antigo e lembrado médico que desempeñou o seu traballo na Guarda desde os años sesenta até practicamente os seus últimos días.
Don Ramón, que así era como o coñeciamos a meirande parte dos seus veciños, naceu en Albeos, Concello de Crecente no ano 1926 e finou en Vigo, en 2009.
As filmacións foron facilitadas pola familia, concretamente pola súa neta, María Pérez, que vive actualmente en Cáceres. As dixitalizacións foron feitas pola Memoria de los Extremeños, proxecto de recuperación cinematográfica da Filmoteca de Extremadura.
Os filmes de Ramón Pérez son caseiros, foron feitos no formato de Super 8, e hai imaxes de Galicia e de distintos viaxes que fixo. As que se mostran en Proxecto Socheo son as imaxes tomadas na Guarda no ano 1979 e 1980. A primeira é unha onde filmación da muller no porto da Guarda cos restos dunha marusía, que polo estado do porte podemos datala en febreiro de 1979. A outra é dun ano despois e recolle o Desfile da Festa do Monte. Concretamente este evento destaca pola cantidade de cámaras que o documentaban.
Os devanditos filmes poderán ser vistos nos vindeiros días na web de Proxecto Socheo: https://proxectosocheo.wordpress.com/
O ATL. GUARDÉS CELEBRA O CAMPIONATO NA FONTE DO MARIÑEIRO
Lolololo, lolololo… Guardés! O Guardés dándose un baño triunfal na fonte do Mariñeiro!