Arquivo da categoría: cine familiar

Zapico: filmando filmacións

Que o cinema represente o cinema non é algo novo. Desde os comezos o cinema detívose na estrutura en abismo que é o propio proceso cinematográfico filmando a rodaxe dun filme, o cineasta, os actores… Nun principio este interese debeuse a certo criterio humorístico máis, pouco a pouco, foise erixindo coma unha clara reflexión polo medio onde descifrar a súa natureza e a súa singularidade.

Pero que idea agocha esta dinámica dentro do cinema afeccionado? Ao longo dos arquivos de Proxecto saen á luz estes fogonazos ontolóxicos máis é no caso de Zapico onde aparecen dunha maneira máis frecuente. Obviamente a intención de Zapico e os seus coetáneos posúe algo máis. Estes filmes están afastados da intención narrativa e collen a necesidade de representar o momento que fuxe.

Estes filmes aprisionan a sorpresa de atoparse con outro “conxénere”. Fixarse nunha filmación supón recoñecer o elevado grado de improvisación do proceso cinematográfico afeccionado. A filmación faise sen un plan preconcibido, non hai elementos pensados nin guións previos. Ao aparecer en plano unha persoa cunha cámara acesa as alarmas e este motivo tórnase transcendente xa que existe certo grado de fixación da mirada. A imaxe tórnase dupla, en dobre sentido, coma un espello de dobre cara. Zapico morde o anzol e busca fixar o cinema dentro do cinema para dar conta da súa excepcionalidade.

A filmación fica dentro dunha secuencia que é o motivo da filmación polo que supón un alto no camiño. Un respiradoiro incontrolado, azaroso e inconsciente. O tema que se quere filmar normalmente ten certa importancia ou espectacularidade que motiva o anhelo de filmar. Mais a irrupción doutra filmación produce un desprazamento de intencións que fala ben as claras dos sendeiros que se cruzan na vontade dun cineasta afeccionado.

Tamén poden ser elementos inconscientes dunha consistencia documental de como era o emprego das cámaras cinematográficas sobre todo na década dos 70. A disposición dunha cámara cinematográfica no seo dunha familia era unha cuestión nada gratuíto porque precisabas dispor dunha posición económica saneada. Esta cuestión choca co nivel medio da economía dunha familia a finais do franquismo. E por iso que os cineastas filmados seguían a pauta de sacar a cámara de viaxe e depositar a mirada sobre outras realidades.

Zapico non estaba so.

O cinema doméstico na Guarda

Grazas ao traballo de Proxecto Socheo xa podemos dicir que a etapa máis pródiga en actividade de creación cinematográfica na Guarda deuse co cinema doméstico. Antes de nada hai que advertir que o calificativo de “cinema doméstico” carrexa certa polémica dentro da historiografía xa que que normalmente é un campo moi complicado de acoutar. O cinema doméstico é un cinema producido, creado, proxectado e divulgado no ámbito familiar. Malia isto hai certo tipo de cinema doméstico que desexa transcender a súa áurea e facer patente as súas ínfulas asumindo referentes do cinema comercial. É neste punto cando o cinema doméstico pasa a denominarse “cinema afeccionado”.

familiar2

Mais este non é o caso, na Guarda non houbo este problema porque as actividades cinematográficas descubertas até o día de hoxe mantéñense neutras e dentro do cinema doméstico, é dicir, cómodas dentro da súa clasificación. Mais isto non hai que velo como un demérito senón como unha extraordinaria asimilación dun novo medio de rexistro audiovisual á vida cotiá. Estas persoas non sentían unha especial predilección polo medio cinematográfico, non eran asiduos ao cinema, non eran cinéfilos. A chegada a este cinema doméstico hai que velo como un paso coherente lóxico pasando da fotografía ao mundo da imaxe en movemento. Hai que dicir o volume de produción non é moi grande. A laboriosidade do proceso cinematográfico fixo que estes cineastas tiveran unha produción reducida que, se a medimos por rolos, vai de entre 6 e 12 películas de media. Unha filmografía que na maioría dos casos se pode delimitar en 3-4 anos seguidos. Este déficit de produción propia se suplía coa compra de pequenas cintas comerciais.

Entón, porque nos facemos eco deste fenómeno na Guarda? Pois merece salientarse porque até o que levamos investigando xa xurdiron un número considerable de guardeses que podemos constatar a súa actividade cinematográfica: Juan A. Uris, José Quintas, Luís Lomba “Ayón”, Ramón Pérez, José Elías Rebollar “Bixurro”, Milo Valterra, Pedro Carrera, J. Antonio González Pacheco “Laxeiro”, Antonio Bento, Florentina Andrés, Antonio Vicente “Pirucho”, José Benito González “O da Sabina”, Jesús Zapico…

familiar3

Esta efervescencia deuse nun período moi concreto no tempo que se axusta, perfectamente, na época onde se popularizou o Súper 8, o formato de cinema familiar máis espallado. A actividade do cinema familiar na Guarda podemos situalo desde o ano 1974 até o ano 1984. Este abano coincide coa época de ouro do cinema familiar en España, coincide nun contexto histórico de adquisición de liberdades polo cambio de réxime político até un cambio de paradigma no campo tecnolóxico: o paso do cinema ao vídeo.

A maioría das persoas que fixeron este cinema doméstico eran homes. Eran sobre todo profesionais liberais; médicos, farmacéuticos, banqueiros… Mais tamén había outro grupo importante e significativo que eran os mariñeiros. Este gremio foron vehículos perfectos de difusión da tecnoloxía grazas as súas constantes viaxes, especialmente ás Canarias. Tanto Las Palmas de Gran Canaria como Tenerife eran portos francos onde se podían adquirir estes trebellos a baixo custe se o comparamos cos prezos na Península. Os mariñeiros mercaban tanto para eles como para familiares, amigos e coñecidos. A compra constaba de todo equipo: cámara e proxector. A maiaría de equipos son sen son pero vemos como hai algúns casos puntuais onde aparecen cineastas que tamén teñen cámaras con este complemento.

Mais o Súper 8 precisaba dunhas prestacións constantes. Había que mercar rolos de película virxe, había que ter acetona para as montaxes rudimentarias, aparellos para a edición e, sobre todo, o revelado das películas. Para todo isto había que ir a Vigo a locais de fotografía como Vigofoto. Este contacto se podía facer en persoa, trasladándose á cidade olívica, ou empregando de intermediarios a fotógrafos locais como Cadilla ou Rivas.

familiar22

Algúns dos cineastas tiñan contacto entre eles. Non era que formasen un grupo nin nada parecido, eran un grupo de amigos que quedaban nalgunha casa a ver películas, se consultaban cousas, se asesoraban, se prestaban cousas e se animaban a facer cousas.

O que máis retrataban eran os eventos familiares: casamentos, comuñóns, cumpleanos, bautizos… Asemade se levaba a cámara para rexistrar paseos, excursións, viaxes, vacacións… Tamén se recolleron festividades importantes para o pobo, tanto relixiosas como laicas. Entre as primeiras destacan filmación do Día do Señor (coas célebres alfombras florais), Semana Santa, Santa Trega… E entre as segundas destaca o gran acontecemento guardés por excelencia: a Festa do Monte. Esta festa é un grande espectáculo por si mesma digno de ser cinematografiado: subida, xura, bailes, música, desfeita, xente, acción, paisaxe… Mais sobre todo é no desfile do sábado onde se daban cita máis cámaras tanto locais como foráneas. Era tal a súa densidade que incluso se gravaban uns a outros. Nestes documentos inconscientes pódese saber o nivel de propagación do cinema familiar, o modelo das cámaras, se tiñan son, se ían con cámaras de fotos, a procuras do encadre…

fondo laxeiro

Dito isto podemos dicir que o cinema familiar foi un fenómeno que tivo un grade acubillo na Guarda. Pódese pensar que forma parte dunha moda, que noutras poboacións sería igual ou parecido. Mais despois de todo o material que está saíndo á luz en Proxecto Socheo podemos dicir que o número de cineastas guardeses era bastante significativo. Agardamos que con este artigo sexa motivo para que aparezan máis cineastas e máis películas. E xa para rematar facemos un chamamento aos veciños da Guarda para que rebusquen nas súas pertenencias para atopar estes tesouros. Esta produción creouse dunha maneira desprendida, sen ambicións, mais agora mesmo é un patrimonio excelente que fala moitísimo de nós e do noso pasado recente.

Xurxo González

Entrevista a J. Antonio González Pacheco “Laxeiro”

IMG-20200517-WA0005

Era afeccionado ao cine? Ía moito ao cinema?
Non, pouco.

Tiña cámara fotográfica antes de ter cámara de cine?
Si.

Onde mercou a cámara?
En Canarias, en Las Palmas, case todas eran de alí, valían a metade de cartos. Trouxen dúas, unha para min e outra para Antonio Bento, de Camposancos.
Tanto a de cine como a de fotos compreinas en Las Palmas.

Alguén lle asesorou?
Si.

Porque a mercou?
Para gravar eventos.

Quen tiña cámaras parecidas? Coñecía a outras persoas da Guarda que tiveran cámara de Súper 8?
Había poucas. Antonio, e ao menos dúas persoas máis, unha era mariñeiro, pero non lembro quenes eran. Lembro que alguén tiña unha con son pero non sei quen, tal vez Luís. Luís Lomba, Ayón, proxectaba películas que gravaba nunha casa, algunhas tiñan son.

Filmaba sen son?
Si, sen son.

Que motivos filmou?
Un pouco de todo; vodas, desfiles, festas, eventos familiares.

Durante canto tempo filmou? En que anos?
A partir do ano 74 hasta máis ou menos o 83-84.

Onde levaba as películas a revelar?
En Vigo, nunha tenda chamada Vigofoto.

Como facían o visionado das películas?
Con proxector, e montaba anacos de películas distintas que pegaba con acetona.

Que lle dicía a familia?
Nada en concreto. Non lembro.

Aínda ten a cámara e o proxector?
Si, conservo as dúas cousas.

Porque non filmou mais?
Falta de tempo, tiña que traballar, ía ao mar.

Cantos rolos conforman o seu fondo?
Ao estar montados varios rolos, non sabería con exactitude, uns 15-20.

Sabe de alguén na actualidade que teña filmacións caseiras como as súas?
No sei, supoño que Bento e Luís Ayón.