Arquivo da categoría: Festa do Monte

FESTA DO MONTE (1977)

Película na que se da conta da romería da Festa do Monte na edición do ano 1977. Laxeiro segue a Banda do Mau Mau da que é compoñente. Podemos ver a xura dos Perdidos, o xantar e parte da desfeita. Como curiosidade a película ten un forte contraste, na primeira parte do día temos unha néboa moi mesta e á hora do xantar sae o sol.

Advertisement

A INCREÍBLE HISTORIA DE DÚAS FOTOS

Festa do Monte de 1970, Xura da Banda Negra, algún familiar de Conchy Lomba saca unha foto e no mesmo momento outra persona saca outra con ángulo diferente, á esquerda e con contrapicado. Esa persona era o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor que fixo varias visitas A Guarda. Unha coincidencia sorprendente e increíble!

foto increible blanco Amor

BLANCO AMOR NA GUARDA

Microsoft Word - blanco amor.doc

Cada verán A Guarda énchese de visitantes procedentes da Cidade das Burgas, unha relación estreita entre as dúas localidades miñotas que ten como ilustre precedente a estancia dun dos ourensáns máis senlleiros: Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897-Vigo 1979). Este escritor foi un dos grandes persoeiros da cultural galega do século XX que, como imos ver,  nun principio, tivo unha breve estancia na Guarda documentada a través da súa obra.

De Blanco Amor sábese que a súa faceta máis sobranceira foi a de escritor, non obstante tamén se decantou polo xornalismo e pola fotografía. O seu saber na escrita empregouno para recorrer mundo facendo reportaxes relatando as súas viaxes e, claro está, fixando imaxes coa súa cámara. Do seu traballo fotográfico dá conta no libro: Blanco Amor, Eduardo: A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, Vigo, Editorial Galaxia, 2004. Unha publicación que se estructura en distintos capítulos, agrupando as fotografías segundo a súa cronoloxía, temática e teimas estéticas.

Segundo se sabe Blanco Amor gustáballe moito o mar e no 1929 embarcouse nun balandro de pesca chamado “Norita” e percorreu varios portos de Galicia. Desta primeira xeira sabemos que estivo en Baiona mas non sería de estrañar que tamén chegase até A Guarda. Tamén sabemos que viviu longos períodos en Vigo polo que non sería de estrañar algunha que outra visita. Mas si podemos documentar a súa estadía no noso pobo cando tras vinte tres anos de exilio volveu a Galicia en 1958 e a percorreu acompañado polo seu amigo Valentín Paz Andrade. Segundo a datación oficial nesa viaxe sacou fotos na Guarda e dúas engrosan o devandito libro de escolma fotográfica.

Esta viaxe de reencontro con Galicia durou dous meses: xuño e agosto de 1958. Foi unha parada dun periplo que tiña como destino Italia e Francia e que lle propuxo facer a Escuela Superior de Bellas Artes da Universidad de La Plata de Buenos Aires. De Galicia percorreu varias zonas tamén documentadas fotograficamente mais o interese polo Baixo Miño puido vir da súa amizade en Buenos Aires co goianés Eliseo Alonso a quen lle fixo o prólogo do seu libro Contos do Miño en 1956.

A primeira foto leva por título “Pescantina” e é unha vista case cenital sacada nas Laxes, no cruce de rúas entre a Rúa do Medio e un transversal que vai cara Mazaracos. Nesa superficie aparece andando unha muller vestida de rigoroso loito que leva na cabeza un canastro con aparellos de lavar a roupa na fonte, e de supor que sería a da Ribeira. O irregular lousado das rúas están cubertos por aparellos de pesca (rediñas) dispostos xeometricamente causando un grande efecto estético. Lembremos que os motivos mariñeiros eran unha excelente figuración para encarreirar neles os presupostos definidos polas vangardas, tal como no seu momento influíu na fotografía do alaricano José Suárez.

Microsoft Word - blanco amor.doc

A segunda foto leva o título de “Festa” e é unha espectacular imaxe onde se retrata unha escena da Festa do Monte, este tema permítenos situar máis exactamente cando foi a visita deste célebre ourensán; na segunda semana de agosto do ano 1958. Na fotografía aparece un grupo de homes con varios instrumentos musicais (gaita, caixa e pandeireta) arredor dun home bebendo dun garrafón. Tendo en conta a inclinación sexual de Blanco Amor viuse irremediablemente atraído polo ritual físico da “xura” no que, daquela, unicamente se facía unha ostentación do corpo masculino. Como dato curioso podemos observar como a maioría levan unhas camisetas con debuxos idénticos no que pode ser unha primeira etapa das chamadas bandas mariñeiras. Emporiso a foto vai máis aló dos contidos e destaca polo seu acusado formalismo; unha composición no que a figuración representa 1/3 da foto para retratala ante un amplo ceo e para iso necesita dunha angulación nun contrapicado notábel. Unha imaxe que se adapta moi ben aos esquemas visuais forxados tanto na fotografía como na cinematografía soviética dos anos vinte.

foto increible blanco Amor.jpg

Podemos constatar que a foto Festa está mal datada. Grazas a unha compartiva cunha foto da familia guardesa Álvarez Lomba podemos constatar como a fotografía “Festa” foi feita no ano 1970.  As dúas fotos, case de maneira asombrosa, retratan o mesmo instante. Polo tanto, se a fotografía titulada “Pescantina” está ben datada (cousa que habería que cerciorarse) podemos decir que Eduardo Blanco Amor tivo varias estadías na Guarda.

Estas fotografías engrosan o Arquivo Blanco Amor da Biblioteca da Deputación de Ourense, un arquivo fotográfico con máis de tres mil clixés polo que non é de estrañar que se atopen máis imaxes que fagan relación á Guarda ou a concellos próximos. Aproveito a ocasión para que o Concello da Guarda se interese por este legado e programe unha mostra fotográfica no que se poda ver parte destes fondos.

Xurxo González

GARCÍA RODERO NA FESTA DO MONTE

1501524371_465458_1501526573_noticia_normal_recorte1

No día grande da Festa do Monte do ano 2010 unha muller duns 60 anos deambulaba anonimamente entre a xente congregada na cima do Santa Trega. Movíase con curiosidade observando todo e interesándose pola algarabía e o balbordo do ambiente festivo. A muller ía con varias cámaras fotográficas pendurando do pescozo. Non sacaba moitas fotos mais buscaba con teimosía o momento axeitado. Ela era Cristina García Rodero.

Algún dos froitos desa xornada expuxéronse no Centro Galego de Arte Contemporáneo na ampla retrospectiva (case 300 fotos) do traballo que, en distintas quendas, realizou por Galicia. A exposición levou o suxerinte título de “Trastempo” e tivo lugar entre novembro de 2010 ata febreiro de 2011. Este traballo recente viña a poñer o colofón a este devir de imaxes da autora, unha especie de percorrido no tempo a través de instantáneas sobre as festas máis importantes de Galicia, entre elas a Festa do Monte que tivo un protagonismo especial con 5 fotografías.

Cristina García Rodero naceu en Puertollano, Ciudad Real, no ano 1949. Estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid pasando a impartir aulas en 1983. Decantouse por experimentar no eido da fotografía. Un traballo que tivo visibilidade na publicación de varios libros, coa ilustración de moreas de revistas e participando en diversas exposicións por todo o mundo. Mais o seu recoñecemento chegou primeiro co World Press Photo en 1993, despois co Premio Nacional de Fotografía no ano 1996 e, finalmente, a súa consagración internacional materializouse, no ano 2009, co ingreso na prestixiosa axencia de fotoxornalismo Magnum.

O comezo desta xeira comezou nun afastado 1973 cando a fotógrafa recibiu unha bolsa da Fundación Juan March para realizar o que, ao final, é o seu grande proxecto vital: fotografar as costumes e as festas de toda España. Neste periplo non tardou en recalar en Galicia e aquí atopou un país moi rico en tradicións cheas de atavismo e cun amplo mostraxe de ritos e supersticións: Cristo da Agonía de Xende, Nosa Señora da Franquita, Nosa Señora dos Milagres de Amil, Nosa Señora do Corpiño… Nestas series de fotos atópanse algúns dos emblemas do seu traballo e, do máis importante, da súa mirada.

Para ampliar o seu proxecto de España oculta recuncaría a Galicia dunha maneira cíclica. Foi a mediados dos anos 80 cando García Rodero deu coa Festa do Monte, acudindo con reiteración (1985, 1987 e 1988) na procura de instantáneas. No 2010 retornou outra vez sabendo que era unha parada inescusable na última xeira por Galicia para pechar con solvencia este itinerario temporal. Mais os arredores da Guarda tamén chamarían a súa atención, fotografando o Curro da Valga e de Mougás ou a romaría de San Campio de Figueiró.

García Rodero é unha viaxeira incansable mais apesares disto ten a peculiaridade que ela non conduce. En todos os seus proxecto os fixo desprazándose en medios de transporte públicos e completando partes do camiño a pe. Isto permítelle que chegue aos lugares con tempo, que se enxaugue da esencia de cada tradición e saiba, a ciencia certa, o que está a fotografar. Logo permanece sen presa no escenario agardando polo momento. O seu traballo e exhaustivo, non pola cantidade de fotos que saca, senón pola paciencia en atopar a imaxe xusta.

A exposición en Santiago comezaba polas fotos da primeira visita onde a atención recaeu nas celebracións tradicionais, centrándose tanto nas cuestións dos ritos arredor da relixión como nos aspectos máis sociais que engloban as romarías. Pequenos microcosmos onde se reflicte a herdanza milenaria dun pobo, o seu imaxinario colectivo. Mais estas escenas amosan a devoción relixiosa, as crenzas cegas, as supersticións, o sufrimento, a enfermidade… Sentimentos extremos que se condensan nas facianas e na estrutura dialéctica das súas fotos cheas de contrastes: de fronte-de costas, branco-negro, novo-vello, muller-home, claridade-escuridade, interior-exterior… Unha espectacularidade en forma e contido que dá luz ao distanciamento que produce o ser unha observadora de fóra, ao contrario da sobriedade e contención que transmite as súas fotos artistas galegos como Virgilio Vieitez.

Nos anos 80 García Rodero amplía os seus motivos e se decanta polas festas e ritos profanos. Desa altura son as fotos que saca no entroido ourensán, nos curros, nos incendios e nas romarías pagáns. Nesta aldraba o interese gravita cara os corpos en éxtase por paixón, diversión ou por esforzo físico. Deste modo o espectro de emocións que atopa nos galegos amplíase. Unha xeografía de sentimentos facilmente comunicables ao espectador facéndoos transcender á universalidade.

Mais nestes 35 anos o estilo de García Rodero foi evolucionando. Tecnicamente o paso da película analóxica ao dixital acontece no 2005. Mais os cambios son moito máis sutís. Comeza facendo súa certa influencia do documentalismo americano (Paul Strand e Walker Evans) mais coa pegada clásica nas composicións recorrendo a esquemas propios da pintura (con énfase nas maternidades). Unha base pictórica reforzada con xogos acusados coa luz (ao Cartier Bresson), potenciada pola irrealidade do branco e negro acadando a sensación de intemporalidade. Mais, segundo decorre a súa traxectoria, se achega cada vez máis aos personaxes para que estes funcionen de mediadores.

Esta evolución se pode comprobar nas fotos da Festa do Monte que engrosaron a exposición. Nas primeiras fotografías sacadas no Trega podemos ver como son moi amplas, con grupos con moitos personaxes, existindo moito “aire” entre os protagonistas das accións. Pasiones (1985) é un picado contra o chan da explanada da Casa Forestal onde cinco parellas bícanse estirados no chan. En Más cerca del sol (1987) vemos a un grupo de mozos manteando polo aire a unha rapaza e en Guerreros (1988) os protagonistas son uns mozos rachándose as camisetas. Mentres nas máis actuais o plano péchase. En Entrelazados (2010) unha parella bícanse detrás do sorriso pícaro dunha rapaza. E, por último, no Coronado do campo do obelisco, un mozo medio nú e cun plástico dun garrafón na cabeza interpela violentamente á mirada do espectador. O ciclo péchase.

Obviamente o traballo de García Rodero ten a facultade de non deixar indiferente ao espectador. As fotografías sacadas na Festa do Monte son exemplos bastante bos para ilustrar o seu devir artístico mais tamén para por en solfa as súa característica máis criticable que é o de certo sensacionalismo parecido ao que caracteriza o traballo do fotógrafo brasileiro Sebastián Salgado. Neste punto é cando vemos a autora máis próxima ao xornalismo que ao mundo da arte, mais somos conscientes de que a traxectoria e a profesionalidade da fotógrafa manchega lle permiten uns resultados sorprendentes. Uns logros derivados do seu coñecemento pictórico que fan que as súas fotografías adquiran ese “punctum” no que condensa a acción e o sentimento da realidade. Así as súas fotos se soen apoiar en “postas en escenas” dunha sociedade que, desde a antigüidade, asume a teatralización dunha chea de escenificacións de ritos e conductas. Sabedora disto García Rodero practica con descaro esta retórica que lle permite afondar na natureza da representación e incrementar o grado de manipulación da atención do espectador.

Xurxo González

*Artigo publicado no libro da Festa do Monte de 2011, nesa ocasión este texto ía acompañado con tres fotografías que ilustraban o texto.