Arquivo por etiquetas: Porto

APRENDENDO A ANDAR EN BICICLETA NO PORTO DA GUARDA (1973)

Unhas nenas están aprendendo a andar en bicicleta pola vía do porto da Guarda. Unha delas parece que ten a bicicleta desde hai pouco e está montando unha bicicleta amarela con rodiñas. Dan voltas polo que o cámara recolle como estaba as instalacións portuarias, retrata a típica vista da Guarda e tamén se detén en mostrar o Trega e o barrio da Cruzada.

Advertisement

Homenaxe ao Club de Remo Robaleira da Guarda

Vídeo-clip feito sobre o himno do C. R. Robaleira. Unha canción composta por Anxo Baz e interpretada polo cantautor guardés Tino Baz co gallo da celebración do 25 aniversario da súa fundación (1989-2014). As imaxes foron recollidas de vídeos colgados en Youtube polo que agradecemos a todos os seus autores. Un documentos que axudaron e moito en facer un sentido homenaxe á traxectoria desta institución deportiva guardesa.

Parabéns Robaleira!

 

Comparativa de dúas descargas de sardiñas con corenta anos polo medio

Outra vía de traballo no Proxecto Socheo. Poñemos en colisión dúas películas que tratan o mesmo tema, a descarga de sardiñas no porto da Guarda, e que teñen unha diferencia de 40 anos. Con este diálogo aparecen significados e novas apreciacións altamente enriquecedoras para o usuario de Proxecto Socheo. Este tipo de lectura é a que se ten que dar nun arquivo como proxecto socheo. Ver dintintas imaxes de distintos tempos e ver as diferencias e similitudes. En definitiva, ver, con nitidez, o paso do tempo.

Final do Desfile das Festas do Monte (1976), por José Quintas

Nova gravación das Festas do Monte da Guarda e novas imaxes de José Quintas Núñez. Trátase dunha perspectiva no porto no final do Desfile, aló polo 1976.

José Quintas Núñez fixo unha serie filmes a finais da década dos 70. A parte de recoller escenas familiares tamén estivo atento a recoller costumes e paisaxes daquela altura.

 

A Banda Negra no desfile da Festa do Monte (1998)

Vídeo da Banda Negra rematando o desfile do sábado na Festa do Monte no ano 1998, preto xa do Porto guardés. A Banda Negra, a máis antiga, e a que desfila tradicionalmente como primeira de entre as bandas mariñeiras.

Xa que as Festas do Monte 2014 se aproximan, dende o Proxecto Socheo recomendamos o visionado dos nosos arquivos sobre a celebración.

A Guarda: icona de catástrofes

Tralo traballo feito polo Proxecto Socheo durante este ano estamos capacitados para soster que na Guarda o foco máis importante de imaxes está centrado na figura do Monte Trega: vistas turísticas, filmacións cinematográficas e imaxes da Festa do Monte.

Existen outros grupos de imaxes como as videobitácoras, escenas de lecer ou celebracións relixiosas, pero quedan ben lonxe do continxente principal.

Mais coa descuberta fortuíta destas imaxes dun NO-DO de 1960 onde aparece A Guarda, dámonos conta de que existe outra liña por explorar: a formada polas recorrentes imaxes da Guarda que empregan nos medios audiovisuais para ilustrar temporais.

Nestas imaxes de 1960, nas que so identificamos un plano da Guarda, o locutor, coa voz en over, fai referencia o porto da Guarda “que ha sufrido grandes destrucciones a causa del temporal”. Vemos como as imaxes de inclemencias meteorolóxicas boureando na Guarda son as mellores para ilustrar temporais e galernas. Hai presenzas da Guarda no NO-DO con maior peso mais tamén sostemos de que estas micropresenzas deberon ser abondosas.

Hai que caer na conta de que este tipo de imaxes aínda regresan hoxe en día aos contidos dos telexornais para ensinar o efecto destrutor do mar. A isto cómpre sumar que esta violencia marítima foi atraendo, cada vez máis, a moitos afeccionados da fotografía e a curiosos para veren e documentaren esta espectacularidade da natureza.

Vemos, xa que logo, que estas imaxes do NO-DO poden ser a orixe desta tendencia de procurar por un arquetipo visual. Lembremos que estes noticiarios se baseaban nunha rede de cineastas-delegados e que remitían as filmacións a Madrid, lugar onde se procesaban no laboratorio e despois se editaban.

Este proceso tamén foi copiado nos centros territoriais de TVE até os primeiros anos da década dos 80. Por exemplo, en Galicia contaba cunha rede de cineastas repartidos polas provincias que abranguían o territorio. Sabemos da existencia dunha nova no arquivo de RTVE-G sobre os “Destrozos do porto da Guarda polo temporal en 1979”. Tanto os pasados camarógrafos como os modernos unidades móbiles de televisión saben a ciencia certa de que se queren boas imaxes de temporais teñen que desprazarse até A Guarda porque, pola experiencia, erixiuse como unha icona de catástrofe.

Xurxo González

Proxecto Socheo