Arquivo por etiquetas: A Guarda

Fotos de Otto Wunderlich feitas na Guarda

Fotografías de Otto Wunderlich feitas na Guarda (c. 1929-1936) e que pertencen ao fondo que está visible no Instituto del Patrimonio Cultural de España: http://catalogos.mecd.es/IPCE/cgi-ipce/ipcefototeca/O13006/ID08541f3a/NT27?ACC=101

Advertisement

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe, coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonsos.

Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.

Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

A unidade didáctica pódese consultar en https://proxectosocheo.wordpress.com/unidadecostina/

 As filmacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2015 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez  atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.

A maioría da súa metraxe  son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan  secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

PINILLOS PRIMEIRO: PEIXE A BORDO (cap.3)

Seguimos coa videobiitácora do Pinillos Primeiro. Neste capítulo comeza a chegar peixe a bordo. Queremos lembrar que esta actividade pesqueira mudou moito. Este proceso sufriu unha fonda transformación respecto á data das imaxes: 2002. O único interese que ten Proxecto Socheo é destacar o seu valor documental.

A Guarda en “Mientras llueve en la frontera”, novela de Ángel Ruíz Ayucar

frontera1

A memoria da Guarda vai desaparecendo a pasos axigantados e non polos predios antigos aos que se seguen a derrubar indolentemente senón tamén polas persoas maiores que morren e levan consigo un legado de coñecementos que non se soubo recoller a tempo. Ante isto resulta que cada vez máis hai que esforzarse para atopar fontes que nos falen do noso pasado. E ante este complicado diagnóstico terminal resulta difícil atopar información oral ou física e o único que nos queda son as fontes escritas onde, de vez en cando, xorden verdadeiros contenedores explícitos da nosa historia.

Dentro das fontes escritas existen xéneros máis proclives á servir de testemuña dos tempos. Así o máis frecuente é revisar textos legais, administrativos ou relixiosos, diarios íntimos ou ensaios académicos, mais, as veces, xorden sorpresas como a que imos a dar conta neste artigo, a existencia dunha novela que retrata, por medio da ficción, un episodio escuro da nosa historia recente: os difíciles anos da posguerra. A publicación da que estamos a falar é a novela de Mientras llueve en la frontera, de Ángel Ruíz Ayucar, escrita en Madrid, do 1 de febreiro ao 21 de maio de 1956 e publicada en 1957 na editorial Luís de Caralt de Barcelona.

Este escritor foi, ao mesmo tempo, xornalista e militar español no corpo da Guardia Civil. Naceu en Ciudad Rodrigo, en Castilla-La Mancha, no ano 1919 e, segundo as investigacións, finou fai uns anos, aínda que non se soubo precisar exactamente. Fillo dun notario da súa cidade, ingresou de mozo na carreira militar para non abandonala. Debido a súa profesión estivo destinado en moitas localidades do estado español, entre elas A Guarda. Non obstante, a outra vocación da súa vida foi a escritura, con obras de ficción e xornalísticas como os artigos que escribiu en diarios como Pueblo, El Español e El Alcazar, de cuxo equipo editorial chegou a formar parte.

Entre as súas novelas destacan: La sierra en llamas (1953), Las dos barajas (1956) e Para qué (1958). Como vemos a súa actividade literaria novelesca a concentrou nos anos 50, onde en apenas sete anos realizou catro novelas. As súas propostas afondaban en facer retratos da sociedade española da época, cun estilo con certas referencias da literatura española de posguerra con visións próximas ao realismo social que secundaron os escritores da chamada “Terceira vía” da literatura española de posguerra, representada por Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Delibes ou Carmen Laforet.

Estes escritores, nos anos 50, abandonan a “literatura dos vencedores” e botaron man do realismo social. Esta tendencia, predominante ao longo da década, revitaliza o realismo tradicional a partir de estímulos externos contemporáneos, entre os que se atopan o cinema neorrealista e a novela americana (Dos Passos) e italiana (Pavese). Unha cima desta corrente pode considerarse La colmena, de Camilo José Cela.

Mientras llueve en la frontera, de Ángel Ruiz Ayucar tamén afonda na realidade máis sórdida abordándoa por medio da denuncia de situacións sociais inxustas e pouco “edificantes” como é o caso do contrabando no último tramo do río Miño. Mais esta semellanza móvese a niveis moi superficiais xa que o seu discurso crítico sobre a realidade estaba supeditado á defensa da política que sustentaba o réxime ditatorial. En moitos momentos da narración salpícanse con glosas nas que se fan comentarios doctrinantes e panfletarios.

O relato de Mientras llueve en la frontera é moi cinematográfico, está estruturado en episodios que son os intervalos horarios correspondendo en total a menos dun día. Por ende existe certo desexo de ampliar as visións sobre a sociedade por medio dos personaxes colectivos e corais que enriquecen a trama. Unha densidade e unha condensación que lle dan unha estraña e suxerinte vida a esta “fauna fluvial”.

Unha vez despachado o comentario literario afondaremos en Mientras llueve en la frontera interesándonos na súa función de crónica dos últimos anos da década dos corenta na Guarda, uns anos que, de maneira común, deuse en chamar “os anos da fome”. No prólogo da novela Ayucar fai unha pequena introdución intentando facer unha descrición do territorio por medio dunha panorámica xeral sobre a paisaxe e os referentes xeográficos máis importantes da Guarda e a súas proximidades, escenario da historia.

Así encontramos unha descrición moi exacta sobre a vila da Guarda, “amontonándose -por un lado-, unas viejas casas alrededor del puerto marinero y estirándose –por otro-, carretera de Tuy adelante, no se sabe si en busca de un río, que no acaba de encontrar, pese a lo que dicen las geografías, o de una tierra ubérrima que sustituya a mar que se le queda pequeño”. Tamén inclúe notas sobre aspectos da sociedade e da economía da Guarda para establecer un retrato fidedigno das circunstancias que moven aos personaxes. Neste punto atopamos un parágrafo esclarecedor: “Porque el mar, el inmenso mar océano que un día puso espanto a los navegantes, les resulta pequeño a los guardeses, desde el momento en que no es capaz de proporcionar el número de sardinas necesario para dar ocupación a sus cientos de gamelas, y pan a la multitud sufrida y maltratada que, en el barrio de “La Marina”, vide del producto de sus embarcaciones”.

Nesta parte explicativa da novela o autor tamén fai un aviso sinalando que moitos lectores poden sentirse tentados a buscar a verdadeira identidade dos personaxes mais a trama é imaxinaria e os protagonistas creounos o autor. Ruíz Ayucar fai esta aclaración para “evitar interpretacións maliciosas”. O escritor estivo residindo e traballando no cuartel da Guardia Civil da Guarda a finais dos anos 40 e principios dos 50 e moitos dos personaxes puideron estar inspirados en persoas reais. Incluso o papel do Capitán da Guardia Civil pode estar inspirado no propio escritor. Desde a actualidade resulta complicado rastrexar identidades mais o personaxe de Gerardo ten moitas similitudes á vida dun célebre guardés que chegou a ser alcalde da Guarda. Mais os personaxes son moitos e así, nun breve inventario, atopámonos co mestre de escola Don Olimpio, os contrabandistas Mauricio e Silveira, os patróns das barcas de pasaxeiros o “Fuciños” e o “Moca”, o aduaneiro “Tobi”, o bruxo “Pedro”, o gameleiro “Xurelo”, o portugués Moleiro da Silva,…

Ao finalizar o prólogo o reloxo comeza a andar… A esta introducción o escritor o denomina “dar cuerda al reloj para que los personajes de la novela hechen a vivir”. Ruíz Ayúcar despídese deste preámbulo coa seguinte pregunta: “¿Es la vida o es el reloj quien decide el destino de los hombres?” Dito isto a novela comeza andar estruturándose en episodios que sinalan referencias horarias. A trama da historia acontece en pouco menos dun día, os personaxes van aparecendo e o escritor os vai presentando, o que foron e o que se dispoñen a facer. Ao longo da novela eses personaxes crúzanse e mestúranse, facendo unha rede tupida de dependencias entorno ao fenómeno do contrabando. Mientras llueve en la frontera relata unha xornada ideal de contrabando. Un día no que a choiva non para de caer, onde a escuridade axuda a proceder nesta actividade delictiva. Toda a trama organízase entorno aos preparativos dunha grande operación e como o Capitán da Guardia Civil intenta impedilo. Mais a pesar desta historia policiaca a novela tamén ten aspectos etnográficos e de crónica social debido a súa forte perspectiva realista.

Facendo un achegamento pormenorizado polas distintas secuencias da novela podemos deambular por distintos lugares da Guarda. A novela comeza describindo a viaxe en autobús desde Baiona e a Guarda a través dun personaxe que ven desde Vigo. Despois deambulamos polas rúas da Guarda que o centro neurálxico da trama. Así, nas distintas páxinas, vemos como o autor nos dá conta de cómo era a vida das súas xentes, os establecementos (tendas, bailes, tabernas, igrexas, convento), o barrio da Marina, a vida dos mariñeiros, as comunicacións coas aldeas veciñas, o Monte Santa Trega, as supersticións, o Sporting Guardés… Mais tamén se dan conta doutros lugares como Camposancos, A Pasaxe, Salcidos, O Castro ou Goián. Mais aquí é o de Ángel Ruíz Ayúcar se toma unha licenza e centra o “cuartel xeral” dos contrabandistas nunha aldea ficticia que se chama “Canera”. Este topónimo inventado pode ser o cruce de palabras como Canosa e Eiras. Esta localidade inventada debeu ser un subterfuxio do escritor para agochar os seus personaxes e para non dotar de mala fama aos veciños das zonas máis proclives a explotar a actividade económica do contrabando.

A historia vaise precipitando segundo pasan as horas (os capítulos). Tras o desenlace da trama principal, o reloxo móvese velozmente intentando percorrer a consecuencia dos actos nos distintos personaxes. Ruíz Ayucar non perde esta ocasión para introducir reflexións moralistas con referencia a pensadores e ás virtudes relixiosas. Cando o personaxe catalizador da conclusión chega á súa casa o tempo deixa de chover. Deste modo o clima chuvioso (un personaxe máis) ven a remarcar a atmosfera da historia e, incluso, o fin da choiva adquire valores de dar unha imaxe á moraliña final. E isto, ao final, é o máis significativo de Mientras llueve en la frontera, que a historia que desenvolve a novela permite unha crónica efectiva da vida (clima) na Guarda da posguerra. E así podemos facer nosa a expresión que o escritor mantén no prólogo: “Lo único que é intentado copiar de la realidad ha sido el clima. Y aquí sí que quisiera haber acertado, de forma que cuantos lo conozcan puedan reconocerlo, y los restantes sentirlo”.

Dito isto convido a todos os guardeses a ler esta novela para que podan recoñecer os lugares polas que transita a acción da mesma e para que podan sentir os modos de vida nun período da súa historia aínda non moi afastada.

Xurxo González

INTRODUCIÓN AO PEIXE DE COURO E AO PEIXE RECENTE NA GUARDA

Na zona da Guarda denomínase de maneira xenérica como “Peixe de Couro” a toda unha serie de peixes cartilaxinosos consumidos despois de teren pasado un proceso de secado. Con nomes específicos como Canexa, Litán, Visera, Lixa, Patarroxa, Peixe Gato, Tollo, Melca… son coñecidas alí distintas especies pertencentes á suborde dos selacimorfos, os comunmente coñecidos como tabeiróns ou escualos. Xunto a todos eles, tradicionalmente, destacou un peixe moi abundante nestas costas e que tanto se comía fresco como seco: a raia.

Durante moito tempo, todos estes peixes capturados coas diferentes artes utilizadas (liña, palangre, rede…) non tiveron practicamente ningún valor comercial polo que era habitual que os mariñeiros os levasen pra secar e así poder conservalos , gardalos e comelos ao longo do ano. Despois de eviscerados, abertos e sen cabeza, eran postos a secar ao aire libre, ben pendurados en zonas exteriores das vivendas como patios, balcóns e xanelas, ou ben estirados nas propias rochas e laxes próximas ao mar.

Despois de ter acadado o seu secado ideal (durante unha semana ou dúas en función do tipo de peixe e do calor e humidade existente) o peixe era gardado coa propia pel. Un ou dous días antes de cociñalo o peixe era cortado en “rachas” ou anacos e púñase de mollo nun recipiente con auga. Antes de cocelos, os anacos de peixe eran escaldados en auga fervendo para así poder rasparlle e extraerlle a súa areosa pel. Outro método máis recente para extraerlle a pel a algúns destes peixes é ir despelexándoos en seco coa axuda duns alicates.

A maneira mais frecuente de consumir o peixe de couro é cocido e acompañado con patacas (tamén cocidas). Póñense estas a cocer e cando lle faltan uns minutos para estar listas bótanse as rachas de peixe, e unha vez no punto retírase todo do lume. O tempo de cocedura requirido para estes peixes depende tanto do grao de secado como do grosor de cada especie (por exemplo, a litán é finiña e coce rapidamente, a lixa, en cambio, pode necesitar ata uns dez minutos). As patacas e o peixe de couro cocido van habitualmente acompañados co seu mollo (allada).

Outra maneira menos habitual de consumir algúns destes peixes era asándoos nas brasas da propia lareira. Para este fin eran preferibles os peixes aínda frescais, con poucos días de secado. Posiblemente a especie mais apropiada para o asado era a Melca por ter unha carne mais graxenta. En realidade, o peixe de couro asado era so consumido a modo de aperitivo ou acompañamento, e era habitual que os mariñeiros o levasen á taberna para xunto co pan acompañar o viño.

Na actualidade, o peixe de couro xa non está tan presente nos hábitos culinarios guardeses como estaba noutrora. Por unha banda, a maior parte destes peixes son hoxe en dia máis escasos e hai menos capturas, por outra xa non resulta tan fácil contar con espazos abertos aptos para poñelo a secar e finalmente por que talvez certos sabores característicos destes peixes xa non sexan do agrado de todo o mundo. Con todo, pódese dicir que a día de hoxe existe un pequeno circuíto comercial que fai posible que mariñeiros vendan informalmente algúns destes peixes, pois aínda é considerable o numero guardeses e guardesas que os consumen e os consideran como un dos mellores produtos do mar. Tamén actualmente hai algúns restaurantes da localidade que en certos momentos incorporan algún peixe de couro ao seu menú.

Ademais do “peixe de couro”, na Guarda tamén era habitual, e hoxe en menor medida, comer peixe “recente“. Recentar o peixe é deixalo pendurado ao aire libre durante aproximadamente unhas 24 horas despois de ter sido lixeiramente salpresado. Desta maneira o peixe adquire un certo sabor salgado e unha textura tersa que o fan moi característico. O peixe, xa sexa enteiro ou en anacos ten que ir ben aberto para que lle dea completamente o aire, e para iso se é necesario colócanse atravesados uns pauciños a modo de espetos. Os peixes máis apreciados para recentar son algúns brancos como o badexo e a pescada, e algúns azuis como o xurelo. Durante o tempo ao aire libre é conveniente evitar o impacto de sol forte directamente no peixe, sendo o máis propicio para un bo recentado as noites secas e frías. Despois de recentado o peixe é cocido, sendo normalmente preparado con patacas e acompañado con aceite de oliva ou incluso tamén con allada.

Gustavo González