Arquivo por etiquetas: Educación

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe, coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonsos.

Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.

Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

A unidade didáctica pódese consultar en https://proxectosocheo.wordpress.com/unidadecostina/

 As filmacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2015 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez  atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.

A maioría da súa metraxe  son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan  secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

Advertisements

Estamos de noraboa, Proxecto Socheo e o IES A Sangriña, premiados polo Ministerio de Educación e Cultura

  • O galardón destaca a capacidade do Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e polo a dialogar coa comunidade

O IES A Sangriña da Guarda recibiu o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte por apoiar e desenvolver o Proxecto Socheo. Este galardón recoñece aos centros educativos españois que fomenten a alfabetización audiovisual por medio de proxectos que se materialicen na implantación de experiencias educativas, actividades complementarias, materiais curriculares e de apoio, así como todos os traballos innovadores que contribúen a achegar o audiovisual ao alumnado.

Proxecto Socheo recibiu o recoñecemento na modalidade de secundaria. O xurado indicou a enorme capacidade de Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e de polo a dialogar coa comunidade. Segundo indicaron “recupera a memoria audiovisual dun lugar, un barrio e un oficio a través de métodos tan sinxelos como efectivos e cinematográficos”.

Proxecto Socheo é unha iniciativa que pretende xuntar todas aquelas imaxes que supoñan un reforzo para evitar a fraxilidade da memoria colectiva. Unha maneira de pensar o pasado, facelo presente e redimensionalo para o futuro. Unha acción de arquivo aberta e participativa onde se procura a posta en valor dun material audiovisual desprazado que incrementa, de maneira definitiva, o sentimento de identidade e pertenza a unha comunidade.

Actualmente, co apoio do IES da Sangriña, o Proxecto Socheo está a potenciar o carácter pedagóxico do uso das imaxes. Unha relación que se pretende que continúe no presente curso coa axuda da comunidade educativa e dos veciños da Guarda e do Baixo Miño. O galardón conta cunha asignación económica que axudará ao desenvolvemento do proxecto e máis o seu traballo no centro de ensino desenvolvendo seccións como Barriotekas, Proas ou Videoariños.

Por outra parte os responsables do Proxecto Socheo botan de menos unha maior implicación por parte das administracións ou de patrocinio de empresas xa que consideran de que esta iniciativa “é un extraordinario escaparate para a difusión da imaxe da Guarda, o Baixo Miño e Galicia”.

Novas liñas de traballo

Ademais do esforzo realizado co IES A Sangriña, entre as últimas liñas de traballo do Proxecto Socheo está peneirar o NO-DO na procura de filmacións na Guarda e na bisbarra. Así, como curiosidade, deuse conta dunha visita de Francisco Franco ao Monte Trega no ano 1951. Outra das seccións que se está a desenvolver é a de Guardeses polo Mundo, a compilación de arquivos audiovisuais enviados por guardeses e miñotos residentes ou emigrantes en distintos países.

O Proxecto Socheo foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico… entre outros.

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que dende o 2011 quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 53.000 visitas. Pódense visionar máis de 150 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

premio-proxecto-socheo

 

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

  • O Proxecto Socheo está sacando á luz gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro nas últimas semanas
  • En Internet pódese acceder a este patrimonio audiovisual recuperado da Guarda e do Baixo Miño

O próximo sábado 25 de maio, o CEIP As Solanas de A Guarda vive unha xornada de celebración por mor do seu XXV aniversario.. Dentro das actividades programadas para ese día, está unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de unha dos seus promotores: Beli Martínez, ex alumna do centro. A cita é ás 17:00 horas,

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes. Entre eles estará A Gaiteira de Camposancos, unha curtametraxe realizada por estudantes do centro en 1993 dentro da sección “Galicia de escola a escola” do programa de TVE en Galicia “Fiadoiro”.

Nas últimas semanas, o Proxecto Socheo está sacando á luz unhas valiosísimas gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro, con imaxes da zona das Eiras ou un desfile da Festa do Monte daquela altura. Como moitos dos seus arquivos, xa están dispoñibles en Internet.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública de pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

Esta mesma semana Socheo foi protagonista dunha sesión no Cineclube de Pontevedra Foi unha nova chamada ao traballo do Proxecto Socheo, que tamén mereceu presenza e atención en citas e institucións como Festival Cineuropa 2012 de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona… entre outros

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.