Arquivo da categoría: Xurxo González

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe, coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonsos.

Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.

Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

A unidade didáctica pódese consultar en https://proxectosocheo.wordpress.com/unidadecostina/

 As filmacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2015 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez  atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.

A maioría da súa metraxe  son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan  secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

Advertisements

GUARDESES EN LANZAROTE (2014)

Nova entrega de guardeses polo mundo, a sección viaxeira do Proxecto Socheo. Imaxes de Xurxo Chirro

Videopostais dun guardés en Lanzarote no que se pode ver o atractivo paisaxístico da illa canaria.

36/75 (Xurxo Chirro, 2009)

Sumamos no portal de Proxecto Socheo 36/75. Trátase dun documental elaborado por Xurxo González, mediometraxe que afonda no polémico concepto da memoria histórica focalizado na Guarda.

Neste punto a proposta é evidenciar un posicionamento do presente sobre acontecementos do pasado ilustrando o que dixo no seu día J. M. Straub: “Facer que pedras sexan coma palabras e as palabras coma pedras”.

A pesar de que o título pode confundir en que se trata dun documental sobre a Guerra Civil española ou sobre a Dictadura, esta película vai alén diso e intenta amosar ao espectador a dificultade de lembrar, o mecanismo de selección de recordos, a natureza esquecemento, a instrumentalización política da memoria, a fraxilidade da lembrazas, a convivencia co pasado, o proceso rememorativo, a escritura tendenciosa da Historia, a resistencia documental e da emerxencia do carácter fantasmal do cinema.

Este filme foi rodado durante un feito histórico destacado na historia contemporaneidade de Galicia: as Eleccións de 2009. “36/75” é unha serie de sucesións de espazos do presente que tiveron a súa importancia porque neles sucederon episodios que marcaron o inicio da Guerra Civil no Concello da Guarda.

Para asegurarse a maior exactitude histórica o director contou coa colaboración de J. A. Uris e Luís Cividanes. O filme está dedicado de maneira póstuma ao guardés Manuel Domínguez Pacheco “Taxota”, grande loitador pola memoria histórica.

O Monte Trega no cinema

Agora que xa remataron as conferencias organizadas polo Concello da Guarda sobre distintos aspectos relacionados co Monte Trega, co gallo do Centenario da Sociedade Pro-Monte, hai que dicir que se bota en falta sinalar a súa presenza no cinema. Malia agardar ansiosamente o convite para facer unha presentación nalgún recinto acondicionado para tal ocasión Proxecto Socheo vai a aproveitar o seu ano de traballo para, coma se fora unha filmcomission guardesa, ilustrar dunha maneira moi interactiva os distintos intentos e intereses de filmar o Monte Trega ao longo da historia do cinema.

***

O Monte Trega é un elemento paisaxístico de primeira magnitude. É un vértice xeodésico que sobresae de maneira especial na paisaxe. Un punto do terreo ao que as súas peculiaridades case illadas o converten nun miradoiro excepcional do espazo que o circunda. Unhas vistas espectaculares que, en días de bo tempo, pode facer que a mirada poida estenderse cara o infinito dunha maneira incrible. Desta posición estratéxica déronse conta xa os primeiros poboadores. As distintas civilizacións deixaron abondosas pegadas no seus cumios e abas, mais a súa presenza impoñente tamén motivou que fose un importante referente social de todos os veciños da bisbarra. Mais a súa fama foi alén das fronteiras e coincidindo coa popularización do turismo comezou a servir de atracción a xente de todo mundo.

Moi rapidamente intentouse buscar o xeito de inmortalizar plasticamente estas visitas. E é desta maneira como primeiro coas fotografías e logo co cinema vemos como se repiten algúns motivos, perspectivas, encadres, algunhas panorámicas, os puntos axeitados onde situar a cámara … Ao longo do tempo xentes que non se coñecían entre so coincidiron á hora de tomar a decisión de afrontar cal era o mellor xeito de rexistrar a espectacularidade e a inmensidade desta paisaxe. Coa lectura destas imaxes pódese facer unha chea de interpretacións que van alén do cinematográfico e, así, neste cristal poliédrico podemos sacar lecturas como documentos históricos, sociolóxicos, paisaxísticos, ecolóxicos, climáticos, demográficos, arqueolóxicos, etnográficos … Vemos logo como o cinema pode ser unha excelente canle coa que recoñecer e interpretar o noso pasado.

1. Etapa previa.

Antes de que fixera presenza o cinema para retratar o Trega hai que facer referencia ao mundo fotográfico que desde o último terzo do S. XIX comezou a ter A Guarda como motivo desde distintas vistas. Debemos sinalar como hai estampas e postais da Guarda onde sae o Trega total ou parcialmente en coleccións fotográficas de fotógrafos itinerantes. Unha das máis coñecidas e a colección Kasado. Neste artigo non tiraremos deste fío mais hai que sinalar os grandes arquivos pertencente aos fotógrafos locais que acompañaron a vida da Guarda ao longo do s. XX. Tamén neste primeira etapa hai que falar dos aparellos ópticos, elos fundamentais na aparición do cinema. Por exemplo, nos arquivos da Real Academia Galega custódiase un visor estereoscopio con fotografías do Trega. Este trebello óptico foi de realización local, da Casa Taboas-Artes Gráficas, un estudio fotográfico radicado (?) na Guarda.

2. Cinema silente.

Do mundo da fotografía e das innovacións ópticas chegou o cinema. Mais o cinema deuse conta da existencia do Trega na década dos anos 20, con producións onde se intentaban explorar as posibilidades pictóricas en producións para curar saudades de emigrantes. O Trega puido saír nun primeiro proxecto onde se recolleron imaxes paisaxísticas que levaba por título Viaje a través de Galicia y Asturias (1923) feita por Luís Rodríguez Alonso para o produtor vigués Méndez Laserna. Este filme non se conserva mais si o filme do mesmo director coa mesma idea Un viaje por Galicia (1929), producida polas Deputacións galegas para a Exposición Iberoamericana de 1929.

3. Cinema anos 30.

Este apoio a cineastas e proxectos foráneos non era do gusto dos cineastas locais, sobre todo do fotógrafo ponteareán, afincado en Vigo, José Gil, que fai unha serie de noticiarios e programas para a súa produtora Galicia Cinematográfica. En 1932 realiza Panoramas del Santa Tecla. Mais, quizais, as imaxes máis destacables do monte Trega apareceron fai un par de anos, en 2011, nunha filmoteca de Moscú. Sobre a autoría destas imaxes caben moitas especulacións e están entre o documental inacabado titulado Galicia, de Carlos Velo, ou podería ser parte de Mariñeiros, o filme máis buscado do cinema galego, dirixida polo fotógrafo José Suárez. Dicir que Suárez era un namorado da Guarda (finou no Hotel Martín Rey dun ataque o corazón o 5 de xaneiro de 1974) e que viñera a nosa vila, en distintas quendas, da man do etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas”. O que si se pode aseverar e que estas imaxes foron filmadas en 1935, un ano antes do estalido da Guerra Civil. Nestas imaxes recuperadas vemos cómo era a famosa porta da capela de Santa Tegra coas gravaduras dos mariñeiros da Póvoa de Varzim. Estas imaxes son dos poucos documentos que se conservan desta importante peza de altísimo valor etnográfico, hoxe en día tristemente desaparecida.

4. Cinema anos 40 e 50.

Probablemente esta sexa a etapa máis erma no tocante a presenza do Trega no cinema. A posguerra freou o desenvolvemento do cinema. Mais probablemente sería o NO-DO a canle pola que se podería ver no cinema un maior achegamento a realidades locais. Ante a imposibilidade de ter constancia de todos os noticiarios aquí nomeamos un noticiario de 1960 dedicado aos temporais desa invernía. Como se pode ver, A Guarda sae puntualmente nun plano onde non sae o Trega mais non hai que descartar que aparecese en noticiarios anteriores. As filmacións do NO-DO eran feitos por cineastas-delegados emprazados en distintas zonas de España e, logo, facían a montaxe en Madrid.

5. Cinema dos 60.

En 1964 fílmase no Trega Así es Galicia, dirixida polo madrileño Santos Núñez para a produtora Leda Films. Un documental que facía un periplo polo territorio galego tendo como cita obrigada unha visita ao Trega que se fixo coincidir coa Festa do Monte para darlle máis carga pintoresca. Durante esta década houbo máis proxectos documentais de amplo espectro sobre Galicia polo que non sería estraño que algún destes recuncase na Guarda.

Dous anos despois, en 1966, o Trega serve de localización inicial do filme de temática infantil titulado Aventuras en las Islas Cíes, dirixida por Luis María Delgado. Filme onde no Trega se recrea unha cronoescalada ciclista infantil, unha diéxese narrativa para saciar o antollo das distintas vistas que se ofrecen desde a súa estrada.

En 1968 fílmase na bisbarra Más allá del Río Miño, dirixida por Ramón Torrado. Malia non concretar nomes da xeografía a meirande parte acontece no Baixo Miño. Da Guarda saen dous planos un onde se pode ilustrar o interese turístico do Trega polas vistas ao espectacular paisaxe e outra, imaxes da romaría da Festa do Monte, para ilustrar unha romaría en Torroña, onde comeza a acción do filme.

6. Cinema dos 70.

Nos anos 70 entran con forte peso as filmacións caseiras grazas a popularización da tecnoloxía, sobre todo no formato Super8 (tal como vemos no filme Más allá del Río Miño).

Hai bastantes mostras dos filmes familiares que se filmaron desde o Trega. Das que temos constancia son filmes de xente de Galicia, que vivía nas cidades, e que pasaban unha xornada de ocio no Trega. Así, por exemplo, representando esta casuística podemos ver filmes de Enrique Barreiro e Rafael Sabugueiro.

Nesta altura xa aparecen as primeiras gravacións de xente da Guarda, xente procedente da emigración ou profesinais liberais como poden ser J. A. Uris, Pedro Alonso ou José Quintas. Estes realizarán distintos filmes de carácter familiar onde, con maior ou menor incidencia, sitúan, de cando en vez, as súas cámaras en distintos lugares do Trega.

7. Cinema dos 80.

Coa chegada dos anos 80 volven chegar as filmacións de películas comerciais. Luis María Delgado volve dirixir outro filme en Galicia e busca, de novo, ambientación no Trega. O filme titúlase Loca por el circo. Produción de 1982 protagonizada por Teresa Rabal e onde vemos un espectacular número musical entorno as “pompas de xabrón” na cima do Trega.

A rodaxe de filme máis lembrada polos veciños da Guarda é a de La hora bruja, dirixida por Jaime de Armiñán en 1985. O Trega sae en varias secuencias, algunhas no propio monte e outras desde a vila da Guarda.

O outro filme que se filmou naquela altura na Guarda foi Gallego, dirixida en 1987 por Manuel Octavio Gómez e que contaba co protagonismo de Sancho Gracia. A película filmouse no Puntal intentando simular unha praia de Francia mais a presenza inconfundible do Trega delataba o engano.

Engadir neste período a curtametraxe titulada A lenda de Breogán. Unha gravación en vídeo feita por alumnos da Sangriña no Monte Trega, localización ideal para a adaptación do conto de Vicente Risco baseado na vida do caudillo celta.

8. Cinema dos 90.

Continúa a atracción das producións cinematográficas por situar as localizacións das súas historias “á sombra do Trega”. En 1992, Pedro Carvajal e Pedro Bauluz dirixen Martes de Carnaval filmada en gran parte en San Miguel de Tabagón mais conta con algún plano furtivo desde a cima do Trega onde recoller o val neboento e crear un ambiente mefistofélico.

En 1995, damos un chimpo ao outra beira do Miño e desde Caminha asistimos a como o Trega é o telón de fondo dunha secuencia dun filme de Manoel de Oliveira titulado Viagem ao Princípio do Mundo, o que suporía a última actuación de Marcelo Mastroianni no cinema. Mais o interesante é como Oliveira utiliza ao actor italiano como alter ego para lembrar a súa estancia (1918-1922) no colexio dos xesuítas da Pasaxe.

9. Cinema no s. XXI.

Finalmente entramos no novo século con máis incertezas que outra cousa. A produción audiovisual aumenta, aparecen as cámaras de vídeo dixitais e, finalmente, popularízanse os teléfonos móbiles con cámaras, todo isto fai que a presenza do Trega nas imaxes aumente exponencialmente. Se nos detemos na produción máis industrial observamos como a presenza do Trega atópase especialmente en dúas curtametraxes de creadores emerxentes: en Cousas de Kulechov (2007) de Susana Rey e no Berberecho II (2010) de Sepi Bazarra. Os dous empregan, de distinto xeito, o monte como espazo de ficción.

10. Conclusións.

-O Trega e a súa contorna posúe unhas características singulares que os fan moi atractivos á imaxe en movemento.

-Ao longo das distintas décadas o mundo do cinema achegouse ao Trega de distintas maneiras: vistas pictóricas, fito etnográfico, espazo de ficción, souvenir turístico…

-As imaxes creadas desde o Trega alimentan a consciencia da mirada e exercitan a súa viveza.

-As imaxes do Trega poden servir para viaxar pola historia e as maneiras de vivir os veciños que habitan os seus arredores.

-O Trega é unha adición de elementos significantes que acrecentan, até cotas insospeitadas, a súa constitución como icona.

-O Trega precisa de maior coidado e dunha proxección para o futuro e nesta tarefa o mundo audiovisual, e a súa linguaxe universal, ten que xogar un papel importante na súa potenciación.

Xurxo González

Proxecto Socheo

A Guarda: icona de catástrofes

Tralo traballo feito polo Proxecto Socheo durante este ano estamos capacitados para soster que na Guarda o foco máis importante de imaxes está centrado na figura do Monte Trega: vistas turísticas, filmacións cinematográficas e imaxes da Festa do Monte.

Existen outros grupos de imaxes como as videobitácoras, escenas de lecer ou celebracións relixiosas, pero quedan ben lonxe do continxente principal.

Mais coa descuberta fortuíta destas imaxes dun NO-DO de 1960 onde aparece A Guarda, dámonos conta de que existe outra liña por explorar: a formada polas recorrentes imaxes da Guarda que empregan nos medios audiovisuais para ilustrar temporais.

Nestas imaxes de 1960, nas que so identificamos un plano da Guarda, o locutor, coa voz en over, fai referencia o porto da Guarda “que ha sufrido grandes destrucciones a causa del temporal”. Vemos como as imaxes de inclemencias meteorolóxicas boureando na Guarda son as mellores para ilustrar temporais e galernas. Hai presenzas da Guarda no NO-DO con maior peso mais tamén sostemos de que estas micropresenzas deberon ser abondosas.

Hai que caer na conta de que este tipo de imaxes aínda regresan hoxe en día aos contidos dos telexornais para ensinar o efecto destrutor do mar. A isto cómpre sumar que esta violencia marítima foi atraendo, cada vez máis, a moitos afeccionados da fotografía e a curiosos para veren e documentaren esta espectacularidade da natureza.

Vemos, xa que logo, que estas imaxes do NO-DO poden ser a orixe desta tendencia de procurar por un arquetipo visual. Lembremos que estes noticiarios se baseaban nunha rede de cineastas-delegados e que remitían as filmacións a Madrid, lugar onde se procesaban no laboratorio e despois se editaban.

Este proceso tamén foi copiado nos centros territoriais de TVE até os primeiros anos da década dos 80. Por exemplo, en Galicia contaba cunha rede de cineastas repartidos polas provincias que abranguían o territorio. Sabemos da existencia dunha nova no arquivo de RTVE-G sobre os “Destrozos do porto da Guarda polo temporal en 1979”. Tanto os pasados camarógrafos como os modernos unidades móbiles de televisión saben a ciencia certa de que se queren boas imaxes de temporais teñen que desprazarse até A Guarda porque, pola experiencia, erixiuse como unha icona de catástrofe.

Xurxo González

Proxecto Socheo

A forza do arquivo

Ao longo de todo o século XX fóronse precipitando defuncións: a morte de Deus, seguiulle a do home, a da Historia, a da Arte, a do cinema, a da Modernidade… Un sentimento de loito procedente da incerteza na que se envolvían os distintos conceptos e disciplinas. Mais a comezos do século XXI eses óbitos transformaron o modo de pensar e agora todo se move por atinxir o esvaecente, de conter o voluble. Vivimos nunha época onde predominan as resurrecións das mortes, emerxencias esporádicas de ausencias, fantasmas que fan gala da súa forma etérea, premonicións que nunca chegan a cumprirse, utopías novas que reforzan as pasadas e revisitacións selectivas do pasado.

Neste contexto hai que situar a especial preponderancia que está tendo o arquivo nos nosos días. Nestes anos están agromando unha serie de iniciativas e proxectos que teñen como obxectivo rescatar a memoria de distintos tipos de comunidade. Este interese polo arquivo ven derivado sobre un cambio no paradigma no mundo obxectuable. A desconfianza cara a forma e a natureza do obxecto que alumeou espíritos transgresores tanto no eido social como artístico deu paso á emerxencia doutro paradigma consistente na valoración do arquivo como consecuencia do conformismo social, especialmente o burocrático, e da organización do traballo. Agora, ademais de crear imaxes, precísase rexistrar, coleccionar e almacenar.

Na historia do cinema sempre houbo interese polo manexo consciente do arquivo; desde que se alteraban o sentidos das recreacións na época dos pioneiros, se remontaban filmes por cuestións ideolóxicas por mandato da censura, se alteraban refugallos de celuloide para constatar a súa materialidade, se incorporaban fragmentos por evidenciar procesos lingüísticos ou se intentaban novos camiños narrativos xurdidos da acumulación ou da dialéctica. Mais é actualmente cando vivimos un tempo onde predomina a hipertrofia da lembranza e do almacenamento. A isto axudou a democratización e acceso as novas tecnoloxías non so na produción de imaxes senón no seu almacenamento. Non falo do aumento de capacidade de discos duros senón da posibilidade de situar os arquivos na rede (o megaarquivo) por medio de mercar espazo en servidores dispostos para tal efecto ou ferramentas xa existentes e de balde.

A memoria é o tema estrela da última década na eido heurístico, un protagonismo que se recrudece no cinema xa que é unha manifestación onde o tempo ten unha extraordinaria importancia. A nova creación cinematográfica galega aborda sen disimulos esta cuestión por medio do arquivo con frecuencia xa que permite adecuarse a formas máis baratas de produción, unha valoración da intimidade e maior grado de reflexividade e experimentación: JEDN, Manuscristos Pompeianos ou La brecha de Marcos Nine, CCCV ou O proceso de Artaud de Ramiro Ledo, Varona ou Territorios de Lara Bacelo, Cousas, de Kulechov de Susana Rey, Pantasmas #1 e #2 de Ángel Santos, Eclipse ou A realidade de Alberte Pagán, Fóra de Pablo Cayuela e Xan G. Viñas, Palabras secretas de Diana Toucedo…

A forza do arquivo esta no punto de mira do futuro. Actualmente estanse a perfilar novas fórmulas narrativas amparándose nas posibilidades da linguaxe da rede baseadas na falta de linearidade e nunha maior interactividade co espectador. Mais até que estas propostas se fagan cotiás hai fórmulas conscientes das súas limitacións que posúen unha maior incidencia na comunidades. Proxectos como La memoria de Lavapiés, ou o Territorio-archivo no Condado-Curueño nos Montes de León, Proxecto Socheo na Guarda ou Proxecto Buserana en Muxía teñen como obxectivos parecidos: a recuperación de patrimonio dun territorio, coa axuda da tecnoloxía e mediante a implicación das súas xentes.

Tanto imaxes fotográficas como audiovisuais converxen nestes vértices para facer un milladoiro de sinais de identidade. Cada contribución ten razón de ser posta ao carón das outras. Para iso, por enriba de todo, ten que existir unha necesidade de concienciación e de posta en valor dese material “desprazado”. Tamén ten que existir unha metodoloxía de traballo clara e efectiva que volva interpretar cientificamente (e con garantías) estas mostras de coagulación do pasado. E todo este proceso culmina coa cristalización de resultados na exposición nunha galería ou museo, na realización dun documental, na construción dunha web ou no seguimento do proceso a través das redes sociais.

Xurxo González

Proxecto Socheo