Arquivo da categoría: fotografía

Máis identificacións nas fotos de Eliot Elisofon

Proxecto Socheo recibiu unha comunicación no que se identificaban dúas raparigas que saen en dúas fotos do fotógrafo norteamericano Eliot Elisofon.

Fai catro anos dérase a coñecer estas imaxes e quedara en suspenso unha maior investigación sobre o nome de aqueles rapaces que saen nas fotos. Nas imaxes da Ribeiriña houbo unha identificación exhaustiva mais faltaban as do Cangrexal.

Foi así como nestas datas festivas o fillo dunha desas rapazas, José Benito González Martínez, indicounos cal era o nome da súa nai e o da súa tía: “Miña nai, María Fuensanta Gómez Rodríguez, que no pobo a coñecían como “Santa” é a que está en dúas fotos (nº 12 e  nº 13) no circo roxo, e nun cadrado do mesmo color a súa irmá Pilar”.

Sirva este apuntamento destacado coma homenaxe a Fuensanta e a Pilar e nos gustaría acabar con outras palabras de José Benito: “Afondar na sesión de Elisofon é unha boa idea. Identificar eses rapaces e raparigas, para logo falar con eles para que nos conten as súas lembranzas dese día”. Deixamos aquí este reto para que outros veciños se animen a recoñecerse e a contar algo máis desa xornada especial.

Advertisement

Anselmo Martínez identifica parte da rapazada que sae nas fotos de Elisofon

foto 10a

Reproducimos unha entrada do FB de Anselmo Martínez Pena onde identifica a maior parte dos membros da foto #10 de Eliot Elisofon.

“Naquel tempo, todos ou case todos tiñamos o noso alcume e era a referencia máis usual para recoñecer a alguén. O que non tiña alcume particular era coñecido como: “Fillo de + (alcume familiar)”. Por iso é polo que acompañei aos nomes o alcume para mellor identificación pola xente da mesma idade máis menos.
1.- Emilio Vicente Lomba (Verdura)
2.- José Baz Lomba (Pazó)
3.- Vicente Baz Vicente (Conexo)
4.- Jesús Verde Castro (Chuicho)
5.- Jesús Vicente Lomba (Chicho) ??
6.- Antonio Pacheco (Ñito)
7.- Bernardo Cividanes (Birotes)
8.- Benito Cividanes (Marraxo)
9.- Manuel Baz Castro (Nortallo)
10.- Luis Martínez Alonso (Lí)
11.- Benito Lomba Lomba (Binitola)
12.- José Luis Lomba Alonso (Salero)
13.- Antonio Lomba Alonso (Salero)
14.- Luis Baz González (Parra)
15.- ¿. . .?
16.- Jesús Vicente Cadilla (Dejolado)

Poida que algún segundo apelido non sexa certeiro. As fontes de información xa fallan na memoria. Pídese que colaboredes para recoñecer a todos deste grupo certeiramente. Gracias”.

Estivo Eliot Elisofon na Guarda?

elisofon

Tras saír nas redes sociais varias fotos relacionadas con Eliot Elisofon distintas persoas indicáronme as súas dúbidas sobre se este afamado fotógrafo puidera ou non estar na Guarda. A falta de fontes directas (escritas ou orais) que o certifiquen vou facer un pequeno informe para por sobre a mesa como está a cuestión.

Antes de nada dicir quen era Eliot Elisofon para fixar exactamente a súa importancia. Nado en Nova Iork, en 1911. A súa orixe familiar humilde levouno a ver a realidade con outros ollos intentando que no seu traballo o reflectise a condición humana. Membro fundador da Photo League onde fotógrafos estadounidenses uníronse en causas sociais e creativas comúns. Publica na revista Life desde 1937 e se converte nun referente mundial do fotoxornalismo con reportaxes arredor do mundo destacando os que fixo sobre África, cambiando a visión que se tiña sobre este continente. Tamén foi famoso por retratar a vida de Hollywood e colaborar con directores como Alfred Hichtcock e John Houston. Finou en 1973.

Entramos en materia. O que indica que Elisofon estivo na Guarda é a identificación en internet de fotos atribuídas a Elisofon e onde se recoñece A Guarda.
Estas son as coñecidas:
Foto #1 
Foto #2 
Foto #3

E estas son as que apareceron tras unha pesquisa de urxencia (pode haber algún erro ou faltar algunha pasada por alto):
Foto #4
Foto #5
Foto #6
Foto #7
Foto #8
Foto #9
Foto #10
Foto #11
Foto #12
Foto #13
Foto #14

Estas fotos, como se poden comprobar, aparecen no fondo que ten Google Arts & Culture, polo que é de confiar na súa autenticidade, aínda pode caber a posibilidade de que tal insignie fotógrafo puidera ter un axudante. E ollo!, nas descripcións das fichas nunca aparece sinalado o lugar concreto da foto e sí o xenérico de España. Este último dato resulta interesante xa que poden aparecer máis fotos a descubrir por ollos máis avezados.

Pódense datar dunha maneira máis precisa. Sábese que estivo en Portugal (por fotos datadas con exactitude) durante o mes de setembro de 1948, concretamente sabemos que o día 8 estaba en Portugal, en Nazaret. Tamén hai fotos do Porto e de Aveiro. E, despois, hai fotos de Cádiz tamén en setembro e tamén, en setembro, hai fotos do cadro El Jardín de las decilicias del Bosco que está no Museo do Prado en Madrid. Polo que o máis probable é que Elisofon estivera na Guarda a mediados a finais de agosto ou principios de setembro.

Este periplo fixoo para facer o reportaxe Atlantic Coast of Europe na revista Life, publicado o 13 de xuño de 1949. Seica percorreu máis de 12.000 kms en barco e en coche. No ano 1947 xa fixera un reportaxe na revista Life sobre os faros en Atlanctic Coast Ligh.

Sábese, por fotos súas, que en Galicia estivo na Coruña, Vigo, e Baiona. Hai outras fotos con elementos que nos fan supor que son en Galicia, como folios dos barcos, descarga de peixes… Tamén hai motivos que se repiten como retratos, redes secando e boureis. Varias destas fotos puideron sacarse na Guarda pero deixamos a outros pesquisadores que cercioren estas posibilidades.

Como conclusión estaría ben coñecer máis sobre esta estancia de Elisofon na Guarda e intentar localizar algún dos moitos rapaces que saen nas fotos e que contasen algo da sesión fotográfica, algunha característica do fotógrafo ou se estivo hospedado nalgunha pensión ou hotel na Guarda. Os esforzos deben ir nesta dirección e constatar dunha maneira aínda máis fidedigna a estancia de Eliot Elisofon (un dos mellores fotógrafos do mundo) na Guarda.

Xurxo González

O TEMPO DOS FOTÓGRAFOS NA GUARDA

Liña onde se representa O TEMPO DOS FOTÓGRAFOS NA GUARDA, tanto dos guardeses como algúns fotógrafos ilustres que nos visitaron. Esta gráfica aínda está por afinar polo que toda a información que se achegue a maiores será benvida. Non obstante neste estado xa podemos fixar a grandes trazos como evolucionou a historia da fotografía na Guarda.

fotografosAGUARDA

GARCÍA RODERO NA FESTA DO MONTE

1501524371_465458_1501526573_noticia_normal_recorte1

No día grande da Festa do Monte do ano 2010 unha muller duns 60 anos deambulaba anonimamente entre a xente congregada na cima do Santa Trega. Movíase con curiosidade observando todo e interesándose pola algarabía e o balbordo do ambiente festivo. A muller ía con varias cámaras fotográficas pendurando do pescozo. Non sacaba moitas fotos mais buscaba con teimosía o momento axeitado. Ela era Cristina García Rodero.

Algún dos froitos desa xornada expuxéronse no Centro Galego de Arte Contemporáneo na ampla retrospectiva (case 300 fotos) do traballo que, en distintas quendas, realizou por Galicia. A exposición levou o suxerinte título de “Trastempo” e tivo lugar entre novembro de 2010 ata febreiro de 2011. Este traballo recente viña a poñer o colofón a este devir de imaxes da autora, unha especie de percorrido no tempo a través de instantáneas sobre as festas máis importantes de Galicia, entre elas a Festa do Monte que tivo un protagonismo especial con 5 fotografías.

Cristina García Rodero naceu en Puertollano, Ciudad Real, no ano 1949. Estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid pasando a impartir aulas en 1983. Decantouse por experimentar no eido da fotografía. Un traballo que tivo visibilidade na publicación de varios libros, coa ilustración de moreas de revistas e participando en diversas exposicións por todo o mundo. Mais o seu recoñecemento chegou primeiro co World Press Photo en 1993, despois co Premio Nacional de Fotografía no ano 1996 e, finalmente, a súa consagración internacional materializouse, no ano 2009, co ingreso na prestixiosa axencia de fotoxornalismo Magnum.

O comezo desta xeira comezou nun afastado 1973 cando a fotógrafa recibiu unha bolsa da Fundación Juan March para realizar o que, ao final, é o seu grande proxecto vital: fotografar as costumes e as festas de toda España. Neste periplo non tardou en recalar en Galicia e aquí atopou un país moi rico en tradicións cheas de atavismo e cun amplo mostraxe de ritos e supersticións: Cristo da Agonía de Xende, Nosa Señora da Franquita, Nosa Señora dos Milagres de Amil, Nosa Señora do Corpiño… Nestas series de fotos atópanse algúns dos emblemas do seu traballo e, do máis importante, da súa mirada.

Para ampliar o seu proxecto de España oculta recuncaría a Galicia dunha maneira cíclica. Foi a mediados dos anos 80 cando García Rodero deu coa Festa do Monte, acudindo con reiteración (1985, 1987 e 1988) na procura de instantáneas. No 2010 retornou outra vez sabendo que era unha parada inescusable na última xeira por Galicia para pechar con solvencia este itinerario temporal. Mais os arredores da Guarda tamén chamarían a súa atención, fotografando o Curro da Valga e de Mougás ou a romaría de San Campio de Figueiró.

García Rodero é unha viaxeira incansable mais apesares disto ten a peculiaridade que ela non conduce. En todos os seus proxecto os fixo desprazándose en medios de transporte públicos e completando partes do camiño a pe. Isto permítelle que chegue aos lugares con tempo, que se enxaugue da esencia de cada tradición e saiba, a ciencia certa, o que está a fotografar. Logo permanece sen presa no escenario agardando polo momento. O seu traballo e exhaustivo, non pola cantidade de fotos que saca, senón pola paciencia en atopar a imaxe xusta.

A exposición en Santiago comezaba polas fotos da primeira visita onde a atención recaeu nas celebracións tradicionais, centrándose tanto nas cuestións dos ritos arredor da relixión como nos aspectos máis sociais que engloban as romarías. Pequenos microcosmos onde se reflicte a herdanza milenaria dun pobo, o seu imaxinario colectivo. Mais estas escenas amosan a devoción relixiosa, as crenzas cegas, as supersticións, o sufrimento, a enfermidade… Sentimentos extremos que se condensan nas facianas e na estrutura dialéctica das súas fotos cheas de contrastes: de fronte-de costas, branco-negro, novo-vello, muller-home, claridade-escuridade, interior-exterior… Unha espectacularidade en forma e contido que dá luz ao distanciamento que produce o ser unha observadora de fóra, ao contrario da sobriedade e contención que transmite as súas fotos artistas galegos como Virgilio Vieitez.

Nos anos 80 García Rodero amplía os seus motivos e se decanta polas festas e ritos profanos. Desa altura son as fotos que saca no entroido ourensán, nos curros, nos incendios e nas romarías pagáns. Nesta aldraba o interese gravita cara os corpos en éxtase por paixón, diversión ou por esforzo físico. Deste modo o espectro de emocións que atopa nos galegos amplíase. Unha xeografía de sentimentos facilmente comunicables ao espectador facéndoos transcender á universalidade.

Mais nestes 35 anos o estilo de García Rodero foi evolucionando. Tecnicamente o paso da película analóxica ao dixital acontece no 2005. Mais os cambios son moito máis sutís. Comeza facendo súa certa influencia do documentalismo americano (Paul Strand e Walker Evans) mais coa pegada clásica nas composicións recorrendo a esquemas propios da pintura (con énfase nas maternidades). Unha base pictórica reforzada con xogos acusados coa luz (ao Cartier Bresson), potenciada pola irrealidade do branco e negro acadando a sensación de intemporalidade. Mais, segundo decorre a súa traxectoria, se achega cada vez máis aos personaxes para que estes funcionen de mediadores.

Esta evolución se pode comprobar nas fotos da Festa do Monte que engrosaron a exposición. Nas primeiras fotografías sacadas no Trega podemos ver como son moi amplas, con grupos con moitos personaxes, existindo moito “aire” entre os protagonistas das accións. Pasiones (1985) é un picado contra o chan da explanada da Casa Forestal onde cinco parellas bícanse estirados no chan. En Más cerca del sol (1987) vemos a un grupo de mozos manteando polo aire a unha rapaza e en Guerreros (1988) os protagonistas son uns mozos rachándose as camisetas. Mentres nas máis actuais o plano péchase. En Entrelazados (2010) unha parella bícanse detrás do sorriso pícaro dunha rapaza. E, por último, no Coronado do campo do obelisco, un mozo medio nú e cun plástico dun garrafón na cabeza interpela violentamente á mirada do espectador. O ciclo péchase.

Obviamente o traballo de García Rodero ten a facultade de non deixar indiferente ao espectador. As fotografías sacadas na Festa do Monte son exemplos bastante bos para ilustrar o seu devir artístico mais tamén para por en solfa as súa característica máis criticable que é o de certo sensacionalismo parecido ao que caracteriza o traballo do fotógrafo brasileiro Sebastián Salgado. Neste punto é cando vemos a autora máis próxima ao xornalismo que ao mundo da arte, mais somos conscientes de que a traxectoria e a profesionalidade da fotógrafa manchega lle permiten uns resultados sorprendentes. Uns logros derivados do seu coñecemento pictórico que fan que as súas fotografías adquiran ese “punctum” no que condensa a acción e o sentimento da realidade. Así as súas fotos se soen apoiar en “postas en escenas” dunha sociedade que, desde a antigüidade, asume a teatralización dunha chea de escenificacións de ritos e conductas. Sabedora disto García Rodero practica con descaro esta retórica que lle permite afondar na natureza da representación e incrementar o grado de manipulación da atención do espectador.

Xurxo González

*Artigo publicado no libro da Festa do Monte de 2011, nesa ocasión este texto ía acompañado con tres fotografías que ilustraban o texto.