Arquivo da categoría: mariñeiros

AMEL (XXXIV): OUTRO TEMPORAL

O Amel afronta un novo temporal…

Advertisements

“A rúa do noxo”, de Eliseo Alonso

Benvidos a unha catarse de faxurdas. A rúa do noxo é a única novela do escritor Eliseo Alonso (1924-1996). Foi publicada pola editorial Galaxia en 1977 e até o día de hoxe durme no esquecemento como se as súas páxinas formasen parte dunha brutal resaca da que ninguén se quere lembrar.

n11

Blanco Amor

Non é o único libro do escritor goianés. A maior parte da súa obra está conformada por ensaios etnográficos de carácter localista, moitos deles sobre o mundo do mar, concretamente da costa da Guarda. Non obstante a súa bibliografía comeza coa ficción, cunha escolma de relatos breves, Contos do Miño, escrito en 1955 en Bos Aires. Un libro que foi prologado por Eduardo Blanco Amor, figura chave para comprender de onde xurde  A rúa do noxo.

A relación de amizade entre Eliseo Alonso e Blanco Amor prolongouse durante décadas. Os seus camiños cruzáronse na emigración, na Casa Galega de Bos Aires e colaboraron en proxectos de prensa. Sabemos, por material fotográfico de Blanco Amor, que visitou o Baixo Miño en varias ocasións, unha atracción que fai supor que moito tería que ver o seu anfitrión miñoto. Na década dos 70 Blanco Amor reeditou a súa novela A esmorga e vendeu os dereitos para levala ao cinema. Unhas medidas urxentes que buscaban sacar a flote a súa precaria situación económica e social.

O Blanco Amor daquela altura era un home moi descrido, sarcástico e cheo de humor negro. Con este aspecto vital non sería estraño velo nunha mesa dun bar acompañado de Eliseo Alonso degustando un viño do Rosal. Nunha pausa, entre cunca e cunca, xurdiría o reto de Eliseo Alonso de facer unha “esmorga” na cidade de Vigo e comparar que personaxes ficaban máis bébedos.

n3

Publicación e prólogo

A portada d´A rúa do noxo feita por Luis Mariño non é moi acertada mais si o é o aparato gráfico do interior onde hai uns debuxos de Laxeiro ilustrando distintas situacións da novela. A novela contou co beneprazo de Valentín Paz Andrade que se encargou de escribir o prólogo. Neste texto de introdución o benfeitor xa deixa caer algunhas máximas do que se vai atopar o lector. Por un lado remarca o carácter mariñeiro da novela, do moito mar que respiran as páxinas a pesar de que Eliseo Alonso era “un home de río”. Paz-Andrade era un empresario do mar, fundador de Pescanova, e non dubidou en comparar O Berbés de Vigo co Pireo de Atenas. O insigne galeguista tampouco agocha o elemento referencial coa novela de Blanco Amor. Finalmente marca unhas pautas polas que se move a novela dando conta de certa vontade de por en valor a lingua: “a sagra obriga de devolver ao noso pobo os seus xenuínos perfís”.

n2

Argumento

O argumento da novela trata de catro mariñeiros dun bou, de nome Arroaz II, que chegan ao Berbés e deciden emprender unha noite de xolda por distintos lugares de Vigo ata que, ao final, a mañá do día seguinte, volven para o barco. Os nomes dos protagonistas son o Ollomol, o Paparrosquillas, o Sé da Caragato do Gato e o Trincadeiras. O primeiro namorado da súa curmá Doloritas metida a puta, o segundo un home triste que se meteu no mar tras andar con tiíteres namorado dunha trapecista, o terceiro sabemos que é de “secano”, concretamente de Goián, polo afamado topónimo e o cuarto se nos di que é un portugués casado cunha muller de Valença do Minho que rematou traballando de gameleiro na Guarda. Intúese polo tanto, que o barco pertence a flota do porto da Guarda. Outro indicador é o rumbo: deixando a estribor ao Cabo Silleiro e accedendo pola boca sur da Ría de Vigo. E finalmente a inclusión dunha “copliña”:

Miña rica Santa Trega,

dainos ventiño de popa,

que queremos ir embora

e temos a vela rota.

A historia ambiéntase no ano 1941, durante os “anos da fome”. A posguerra está retratada sobre todo na intención do autor de reflectir as miserias da época. Co ánimo de contextualizar Eliseo Alonso fai referencia á Guerra Civil e as súas consecuencias, nomease a Batalla de Teruel, fálase dos fusilamentos no Castro de Vigo, tamén fai apuntamentos ao estado da guerra europea, as amezadas de bombardeos, aos partidos do Celta co Madrid, do amerizaxe de Lindbergh no Miño, en Caldas de Tui, e incluso, unha inclusión extemporánea, a Fidel Castro. Na banda sonora faise referencia a cancións populares da época (Cucaracha, Rascayú, Soldadito español, Amboatón). E, finalmente, recoñécense os lugares da cidade de Vigo onde acontece a acción: O Berbés, Praza da Princesa, Praza do Sol, Príncipe, a Ferrería…

n4

A escrita

A novela comeza cunha cita da carta de Pero Vaz de Caminha a D. Manoel comunicando a descuberta de Brasil. Unha referencia histórica onde se lle quere practicar un símil co que está a punto de acontecer a tripulación protagonista: a descuberta da rúa do noxo. Trala introdución de Paz Andrade a novela comeza cun breve episodio que funciona como prólogo. Nel o autor enúnciase e fala das súas tribulacións como narrador. Pero a presenza de Eliseo Alonso non só se reduce ao comezo senón que aparece varias veces ao longo da novela, facendo comentarios, disxuntivas metalingüísticas, acotacións, onomatopeas… A novela ten algo de deriva cara a oralidade, como se estivésemos diante dunha fábula. En definitiva é como se Eliseo Alonso estivera contándonos un conto, un conto escuro, un conto de taberna. Esta calidade prexudica á escrita, moi conducida e moi naif. Esta rémora lastra excesivamente a novela e afúndea nunha comparativa co´A esmorga; unha novela moito máis moderna, con maior valor da palabra, con maior suxestión elíptica e, en definitiva, un conxunto máis compensado.

A rúa do noxo ten un tempo no que acontece non chega ao día, os mariñeiros chegan ao serán e marchan ao mediodía do día seguinte. Un inicio e un final bendecido polas condicións climatolóxicas: chegan con vento Mareiro, do oeste e marchan co Terral, o vento da terra, do este. “Era o mandado dos ventos”. Os protagonistas vólvense así como visitantes fantasmais que teñen unha imposibilidade de enraizar e todo o enchen dunha loa constante ao efémero, a imposibilidade de permanecer. Non é raro que toda a novela este empapada nun desencanto demoledor: “aquilo era un ir por ir. Ir a ningures da ialma onde o tempo apodrece”.

n5

O cinema

A novela é a crónica dunha noite e nela se van encadeando distintas secuencias. Unha especie de tableux-vivant, “cadros” que se poden engadir e sacar a vontade e o resultado final non se resentiría. A analoxía co cinema está moi ben traída xa que os propios personaxes e o autor reflexionan:

“-Mellor sería- arriscou o Sé da Carago do Gato- que nos houbésemos metido no cine. A derradeira película que vin, no “Odeón”, tiña moito luxo. A casa era un verdadeiro palacio. ¡Que coches!

-Agora xa é tarde. Isto é outro cine máis real –respondeu Trincadeiras.

Non se reparaba na calida das películas. Era o luxo que se vía lexano, “de cine”, un conto de fadas no meio dunha miseria caseque irreal. Quizais fose un pensamento de lotaría posibre o que animase a xente a meterse no cine. Ou un premio, dado sin saber por quén, que algún día alcanzasen os bós. Na meia lus, o banco da “xeneral” arrimábase ao confort. Era como estar sentado nil á beira dos grandes sofás, das alfombras, da lareira acesa, da lus, da quentura e da fartura. O cine era unha droga que daba consolo. Da miseria fuxía a ilusión. Logo, mui a miudo, viña aquil troupeleutroupe do pataleo.

¡Cadro! ¡Cadro! Había que arrabañar coas uñas e cos dentes a imaxen fuxidiza cando o defeuto técnico a escorrentaba. ¡Cadro! ¡Cadro!”

Este fragmento é moi revelador. Pasa por ser unha das mellores reflexións sobre o mundo do cinema incrustada nunha obra da literatura galega. Nela afondase na natureza da sétima arte confrontando a dicotomía entre o mundo dos soños que proporciona a ficción e a imposibilidade de atinxir a realidade. Eliseo Alonso fai uns comentarios bastante ben encadrados dentro da historia do cinema. Nesa altura, arredor do 1941, chegaban aos cinemas pois os chamados filmes de “teléfonos brancos”: comedias lixeiras intranscendentes nun mundo de luxo brillante co único obxectivo de evadir ao espectador. Un subxénero cinematográfico que contrastaba coa realidade que dominaba o mundo de entreguerras. Eliseo Alonso fala do cinema como “unha droga que da consolo”, sinala o efecto narcotizante das historias que aparecen nas pantallas. O autor tórnase crítico con ese posicionamento. Curiosamente na escrita d´A rúa do noxo acontece o contrario, hai un re gusto por mostrar sen miramentos a realidade. A narración da novela máis ben pódese cinguir a unha óptica neorrealista, parecida á que ampararía ao movemento cinematográfico italiano que tiña empeño en amosar a realidade sen edulcorar. Entreliñas tamén se pode ver certa definición política do autor, nesa crítica a fuxir da realidade parece transpirar certa intención ideolóxica.

n6

Lugares e personaxes

A rúa do noxo basea a súa forza na comuñón que hai entre espazos e personaxes, unha fauna nocturna que intenta fuxir dunha maneira vital en agochos malsáns. No viacrucis recoñécense varias paradas, identificadas polo nome dos bares: Viracopos, O Novo Tablón, La Fama, Pampa Mía, A Espichada, A Ranilla, Pintaxilgo…. “e outros locais sen nome”. Aquí é onde a novela destaca, xa que da cabida a unha chea e personaxes típicos que interrelacionan cos protagonistas e en cada “cadro”, en cada episodio, collen prioridade coas súas historias. Identificamos personaxes en distintos roles. Entre os propietarios dos garitos atopámonos á Naranxa, a Che Garsía, A Espichada e Dona Maldonada. Entre as prostitutas atopamos algunhas que xogan un importante papel na narración como Dolores, a Canaria ou Socorrito e outras que máis ben son meras comparsas: Manueliña, Cati, Merchi, Landra… Tamén se atopan con personaxes homosexuais moi estereotipados como Manolito del Mar e Tocate la Puñetita. E non podían faltar os “parroquianos” como Filipín Cachafeiro, Doctor Franquilispurri e Don Purito. Con este último e a súa muller, Dona Teresa, os nosos protagonistas acaban a “pandinga” comendo chocolate rebaixado con bagazo do Rosal na súa casa, recobrando forzas antes de volver para o barco. Outro personaxe é o estudante Cirilo que é de Goián e se expresa en canciela, a fala singular do lugar. E por último me gustaría sinalar como o autor fai referencia a un personaxe sen peso e “que pasaba por alí”: un filólogo da Universidade de Santiago que está facendo traballo de campo. Que fai este personaxe sendo impropio atopalo no tempo diexético da historia? A inclusión na novela trátase dun escarnio, ridiculizar a unha figura controvertida na altura en que foi escrita a novela. Eran os anos onde se estaba a normativizar o idioma galego un proceso que suscitou moitas friccións. Nesta novela o léxico é moi importante pero nótase moitas variacións procedentes da oralidade da bisbarra do Baixo Miño. Emporiso non é estraño que Eliseo Alonso se resistise a facer modificacións a súa maneira de escribir e incorporase o filólogo a xeito de burla.

“Un filólogo compostelán que andaba pola rúa alegre, como calquer fillo de veciño, i estaba alí presente, anotóu isa derradeira verba nunha libretiña, pois estaba facendo unha doutoría e agora dubidaba de si Cangas do Morrazo viña de morro o de sopapo nos fuciños. Cousas que non veñen ao caso, pero que cumpre rexistrar con fidelidade nista narración pra que non ande prostituída”.

Vemos logo que o forte da novela son os seus personaxes. A acción dos personaxes limitase a ir de bar en bar, de tugurio en tugurio. Neses “portos” unicamente fan beber viño como se non houbese un mañá. Os catro mariñeiros do Arroaz II falan cos propietarios, cos clientes e sortean os embates das prostitutas. As conversas están cheas de ironía e humor. As bocas botan bafos infinitos de alcol. E a tentación do sexo entra polo corpo a cada trago. En cada cadro ou episodio os personaxes secundarios comezan a contar as súas historias que se mesturan coas súas. Historias negras, desesperanzadas onde sae á luz toda a amargura do mundo. O interesante da novela é que o falado gaña á acción. Emporiso o texto ten algo de teatral cargando tintas na distorsión e no dexenerado. Uns pasaxes cheos de esperpento continuador dunha óptica crítica que comeza en Goya, cristaliza en Valle Inclán e se sedimenta en Laxeiro.

n7

O noxo

Deixamos o máis importante para o final: en como se aborda o concepto de noxo. O autor enche a novela de reflexións sobre este tema facéndoo transcender filosoficamente. Ao longo do texto hai unha suma de parágrafos e frases espectaculares polo que parece que Eliseo Alonso coñeceu moitos rueiros do noxo:

“Sentiron noxo os mariñeiros. Un noxo que saía das pedras, das paredes, das alcobas, da xente. O cheiro da rúa e os homes-lapas ferían o recendo, o horizonte do mar e que ían a perder. Na tristeira rúa leda, as casas non eran casas, tampouco eran cadeiras aquiles sillóns desfondados de pano bermello. O anís da sáa de espera non era anís nin as mozas de cera pintada eran mozas. Era tudo noxo, fedor sobado”.

“Doces que (…) todos tentaban, masucaban, recendosos de permanganato e formaban parte do noxo, cheiraban a noxo, sabían a noxo”.

“Sairon. Ehí estaba o noxo. Semellaba unha nube podre que arreventase sobre a rúa. Corría polo aire a súa enxurrada fedorento.”

“A forza da marea do noxo apalpábase como a tona dun neboeiro que lles atuía as ulideiras, os ouvidos, os ollos”.

 “Caía a madrugada. O noxo caía tamén máis amago no silencio frío. Iles querían vivir de presa, gastando a noite e o fastío, alimentando a ialma con viño e achádegos para producir o vapor dos recordos, o voar co alcohol”.

“O noxo surríalles a todos. Era una soma valente que se enfrentaba ás súas existencias cativamente humáns. O tempo pasado metíase na caixa das lembranzas e podíase tirar cando un quixese. Naide perdera o dereito a non esquecerse das cousas. Nos ollos daquela moza da vida. Moi abertos e pasivos, tamén había un refrexo de cousas idas. Era a única loita contra o noxo.”

“A noite fuxira diles sin darlles consolo do encontro co espertar. Pero atraídos polas súas somas voltarían a cair no seu estratéxico ren. Os seus azos, pululando intres, cairían no doce engano da rúa do noxo”.

“Un bando de catro gueivotas voaba deica fechar o hourizonte. Esquecíase o esquecemento onde se quebraran as búsulas do noxo para que non houbese rumbos na noite”.

Como acabamos de ler Eliseo Alonso recréase co motivo do noxo, sendo fértil en descricións cheas de símiles e metáforas cada cal máis magoada e asfixiante. Noxo ven sendo unha palabra galega que significa asco pero que tamén pode dar cabida a sinónimos como náusea, aversión, repugnancia e desgusto. Un termo cifrado pola nosa convención cultural véndose como algo a rexeitar, a por ao marxe, de evitar a angustia, de condenar á invisibilidade por ser pouco edificante. Contra iso loita a novela, o noxo é o seu verdadeiro protagonista e non se ve como algo obsceno ou enfermizo senón que se ve unha grande comuñón coa realidade desprendendo unha elevada dose de existencialismo que o autor puido atesourar tendo como referente a Sartre o a Camus. Vemos como a reacción fisiolóxica acompáñase cun proceso de deshumanización e crueldade. Nun principio parece un instrumento de distinción social, entre clase privilexiada e pobre. Pero o noxo permite ir alén dunha categoría moral e ideolóxica. O “micromundo do noxo” se amplifica e convértese nun espello crítico onde saen á luz as hipocrisías da sociedade. O noxo é un “dato” social que nos informa sobre o que estamos feitos, quenes somos e con quen temos empatía e afinidade. A novela de Eliseo Alonso é unha cosmovisión do ser sen xustificar, sen propósito, de abandono na nada. A rúa do noxo é unha continxencia de estar aí.

“-Coido que xa deberías deixar esta vida de noxo.

-Xa non me da noxo. ¿A qué ves ti?

-Eu, a aborrecerme”.

Xurxo González

BLANCO AMOR NA GUARDA

Microsoft Word - blanco amor.doc

Cada verán A Guarda énchese de visitantes procedentes da Cidade das Burgas, unha relación estreita entre as dúas localidades miñotas que ten como ilustre precedente a estancia dun dos ourensáns máis senlleiros: Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897-Vigo 1979). Este escritor foi un dos grandes persoeiros da cultural galega do século XX que, como imos ver,  nun principio, tivo unha breve estancia na Guarda documentada a través da súa obra.

De Blanco Amor sábese que a súa faceta máis sobranceira foi a de escritor, non obstante tamén se decantou polo xornalismo e pola fotografía. O seu saber na escrita empregouno para recorrer mundo facendo reportaxes relatando as súas viaxes e, claro está, fixando imaxes coa súa cámara. Do seu traballo fotográfico dá conta no libro: Blanco Amor, Eduardo: A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, Vigo, Editorial Galaxia, 2004. Unha publicación que se estructura en distintos capítulos, agrupando as fotografías segundo a súa cronoloxía, temática e teimas estéticas.

Segundo se sabe Blanco Amor gustáballe moito o mar e no 1929 embarcouse nun balandro de pesca chamado “Norita” e percorreu varios portos de Galicia. Desta primeira xeira sabemos que estivo en Baiona mas non sería de estrañar que tamén chegase até A Guarda. Tamén sabemos que viviu longos períodos en Vigo polo que non sería de estrañar algunha que outra visita. Mas si podemos documentar a súa estadía no noso pobo cando tras vinte tres anos de exilio volveu a Galicia en 1958 e a percorreu acompañado polo seu amigo Valentín Paz Andrade. Segundo a datación oficial nesa viaxe sacou fotos na Guarda e dúas engrosan o devandito libro de escolma fotográfica.

Esta viaxe de reencontro con Galicia durou dous meses: xuño e agosto de 1958. Foi unha parada dun periplo que tiña como destino Italia e Francia e que lle propuxo facer a Escuela Superior de Bellas Artes da Universidad de La Plata de Buenos Aires. De Galicia percorreu varias zonas tamén documentadas fotograficamente mais o interese polo Baixo Miño puido vir da súa amizade en Buenos Aires co goianés Eliseo Alonso a quen lle fixo o prólogo do seu libro Contos do Miño en 1956.

A primeira foto leva por título “Pescantina” e é unha vista case cenital sacada nas Laxes, no cruce de rúas entre a Rúa do Medio e un transversal que vai cara Mazaracos. Nesa superficie aparece andando unha muller vestida de rigoroso loito que leva na cabeza un canastro con aparellos de lavar a roupa na fonte, e de supor que sería a da Ribeira. O irregular lousado das rúas están cubertos por aparellos de pesca (rediñas) dispostos xeometricamente causando un grande efecto estético. Lembremos que os motivos mariñeiros eran unha excelente figuración para encarreirar neles os presupostos definidos polas vangardas, tal como no seu momento influíu na fotografía do alaricano José Suárez.

Microsoft Word - blanco amor.doc

A segunda foto leva o título de “Festa” e é unha espectacular imaxe onde se retrata unha escena da Festa do Monte, este tema permítenos situar máis exactamente cando foi a visita deste célebre ourensán; na segunda semana de agosto do ano 1958. Na fotografía aparece un grupo de homes con varios instrumentos musicais (gaita, caixa e pandeireta) arredor dun home bebendo dun garrafón. Tendo en conta a inclinación sexual de Blanco Amor viuse irremediablemente atraído polo ritual físico da “xura” no que, daquela, unicamente se facía unha ostentación do corpo masculino. Como dato curioso podemos observar como a maioría levan unhas camisetas con debuxos idénticos no que pode ser unha primeira etapa das chamadas bandas mariñeiras. Emporiso a foto vai máis aló dos contidos e destaca polo seu acusado formalismo; unha composición no que a figuración representa 1/3 da foto para retratala ante un amplo ceo e para iso necesita dunha angulación nun contrapicado notábel. Unha imaxe que se adapta moi ben aos esquemas visuais forxados tanto na fotografía como na cinematografía soviética dos anos vinte.

foto increible blanco Amor.jpg

Podemos constatar que a foto Festa está mal datada. Grazas a unha compartiva cunha foto da familia guardesa Álvarez Lomba podemos constatar como a fotografía “Festa” foi feita no ano 1970.  As dúas fotos, case de maneira asombrosa, retratan o mesmo instante. Polo tanto, se a fotografía titulada “Pescantina” está ben datada (cousa que habería que cerciorarse) podemos decir que Eduardo Blanco Amor tivo varias estadías na Guarda.

Estas fotografías engrosan o Arquivo Blanco Amor da Biblioteca da Deputación de Ourense, un arquivo fotográfico con máis de tres mil clixés polo que non é de estrañar que se atopen máis imaxes que fagan relación á Guarda ou a concellos próximos. Aproveito a ocasión para que o Concello da Guarda se interese por este legado e programe unha mostra fotográfica no que se poda ver parte destes fondos.

Xurxo González