Arquivo por etiquetas: costiña

A Guarda homenaxea co libro “Camiños da Imaxe” e aulas especiais nos colexios a figura de Joaquín García Portela “Costiña”

A presentación da publicación será o venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas no Centro Cultural; e con ela quérese pór en valor ao autor das gravacións máis antigas existentes da vila

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, organiza unha serie de actividades arredor da figura e obra de Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do Costiña. As actividades céntranse na presentación dunha unidade didáctica nas escolas da Guarda e rematarán coa presentación do libro que leva por título Camiños da Imaxe, coordinado por Xurxo González e Beli Martínez.

As películas do Costiña, filmadas na década de 1920 e recuperadas recentemente cun chisco de fortuna, son as máis antigas realizadas na Guarda ou por un guardés das que se teñen constancia.

Este programa forma parte da homenaxe que lle quere tributar a vila da Guarda á memoria do Costiña. Concretamente vén sendo a segunda parte despois da exposición con fotografías e máis a exhibición dos seus filmes restaurados que tivo lugar nos meses de xullo e agosto do 2016 na Casa dos Alonsos.

Dende aquela, e da man da Deputación de Pontevedra, traballouse na edición dunha publicación que dá testemuña á figura e máis a obra do senlleiro fotógrafo guardés.

A presentación do libro terá lugar o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 20:30, horas no Centro Cultural guardés. Este acto terá como colofón a proxección dos filmes familiares de Joaquín Portela, musicados ao piano polo mestre Karolis Biveinis.

Esta semana cultural complétase cunha serie de presentacións dos filmes do Costiña nos centros educativos da Guarda onde porase en práctica unha unidade didáctica deseñada para a ocasión. Os centros que se adheriron a esta iniciativa son: Pais Somascos, Manuel Rodríguez Sinde, A Sangriña e San José – HH. Carmelitas.

Asemade, nunha das salas do Centro Cultural volverase pendurar a colección de fotografías recuperadas para a exposición debido a excelente acollida que tivo este material entre veciños e visitantes.

A unidade didáctica pódese consultar en https://proxectosocheo.wordpress.com/unidadecostina/

 As filmacións de Joaquín García Portela e a súa descuberta

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na Guarda, na que viviu entre os anos 1894 e 1957.

Entre os anos 1926 e 1929 realizou unha serie de filmes familiares que permaneceron ocultas ata que, no Nadal do 2015 e durante unha limpeza do faiado, as súas netas Joaquina e Celia Martínez  atoparon unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

A familia contactou có Proxecto Socheo e púxose en marcha un traballo de análise e posta en valor que permitiu a súa dixitalización e exhibición pública.

A maioría da súa metraxe  son variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopáronse rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. Tampouco faltan  secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… Ademais de imaxes da Guarda tamén hainas do Berbés, en Vigo.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

A maior parte do seu traballo de arquiveiro da memoria audiovisual do Baixo Miño e A Guarda está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 119.000 visitas. Pódense ver máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

Advertisements

Segundo trailer da exposición Camiños da imaxe

Os camiños da imaxe non son de terra nin de mar son de miradas. Exposición sobre as miradas de Joaquín García Portela “Costiña”, 22 xullo ao 15 de agosto, Casa dos Alonsos, A Guarda.

Prepárase exposición sobre Joaquín García Portela “Costiña”

vlcsnap-00001

A exposición leva por título Camiños da imaxe e dará conta da figura e da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela “Costiña”. A exposición terá lugar na Casa dos Alonsos do 22 de xullo ao 15 de agosto.

Este evento vai ser froito dunha estreita unha colaboración ente o Concello da Guarda e Proxecto Socheo. O primeiro, a través da Concellería de Cultura, fixo unha aposta decidida levando as tarefas de produción e o segundo dedicándose a comisariar.

O achádeo dos filmes caseiros do Costiña e a súa posterior dixitalización gracias ao CGAI, a Filmoteca de Galicia, fixo que se pensara na realización deste proxecto expositivo. Non obstante nas tarefas de investigación tivo como engadido a dixitalización das placas fotográficas conservadas polo arquivo da familia.

Beli Martínez, comisaria da exposición salienta: “é unha exposición baseada nunha serie de milagres, de descubertas que ninguén contaba con elas. Esa é a sensación que queremos transmitir coa exposición. Agardamos que este evento sirva de rechamo para atraer visitantes A Guarda e, tamén, que os guardeses desfruten e se sintan orgullosos dela”.

O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30

 

proxecto-socheo-a-guarda-joaquin-garcia

Os filmes foron feitos por Joaquín García Portela, alcumado “Costiña”

As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República

Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes

O Proxecto Socheo vén de sacar á luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na década do 1930.

Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

Tras un estudio previo por parte de Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.

Autor

Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 –  14 de xullo de 1957). Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.

Características dos filmes

 Os rolos dos filmes son de 9,5 mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30.

Tralos primeiros visionados hai unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano 1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.

Malia que a maioría da metraxe son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. E tamén aparecen secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… A parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.

Xestións para a dixitalización as imaxes

 Proxecto Socheo púxose en contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que resulta inasumible para a filmoteca galega.

Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos. Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 

Dende o Proxecto Socheo solicítase a colaboración de todo aquel que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez, poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

 A maior parte deste traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.