Arquivo da categoría: Costiña

OS FILMES DO COSTIÑA

costina-azul

A descuberta dos filmes familiares do Costiña foi o que motivou a organización da exposición Camiños da imaxe (Casa dos Alonsos, 22 de xullo ao 15 de agosto de 2016). Nela puidose ver as imaxes tal como apareceron. Foron filmadas entre 1926 e 1929. A datación fíxose contemplando a idade das fillas do Costiña, as protagonistas dos filmes. Celia, a filla maior, naceu no ano 1923. As primeiras imaxes dela son con 2 anos e medio e a súa filmación prolóngase até que ten case seis anos. Despois desta fase o autor incorporou intertítulos para crear unha mínima historia co que estruturar o seu visionado. Mais esta orde modificouse coas distintas proxeccións porque se barallaban os seus contidos. O conxunto pode agruparse en catro bloques; imaxes privadas na casa que tiñan en Laxe Grande, imaxes bucólicas e pastorís na aldea, no Castro, imaxes do pobo, especialmente das festas de setembro, e imaxes do barrio da Marina cun forte compoñente etnográfico. Son filmes familiares onde se nota como o Costiña afaise ao medio, mais alén da calidade artística hai que fixarse no seu elevado valor documental.

Preguntas e respostas:

Como eran as películas do Costiña?

Material: celuloide (material flexible onde se suceden imaxes) | Fotogramas: cada cadro de imaxe en negativo. No cinema dixital hai que falar de frames. | Fotogramas por segundo: 14 (o normal é 24) | Formato: 9,5 mm (9,5 mm como ancho de encadre e buracos de arrastre no centro) | Branco e negro (podían estar coloreadas a man ou se aplicaban veladuras ou filtros) | Sen son (sen diálogos, sen música, sen ruídos) | Marca: Casa Pathé-Baby (Francia)

Cinema mudo ou cinema silente?

Falar de cinema mudo non é correcto xa que as proxección eran acompañadas de música, sons, narradores ou imaxes-movemento que mostraban como se facían sons (por exemplo a secuencia do Costiña onde as atadeiras cantan). O cinema silente é o período que vai desde a orixe do cinema (1895) até que se vai instaurando o cinema sonoro tras o filme O cantor de Jazz (1927). Unha etapa onde o cinema alcanzou gran expresividade xa que so se podían empregar o mundo das imaxes.

Que é o cinema familiar ou caseiro?

O cinema comezou nos cafés, pasou aos alpendres das feiras, aos teatros e finalmente ás salas de cinema. Tamén houbo unha preocupación de levar o cinema as casas. Entre os filmes do Costiña atopáronse películas comerciais (noticiarios, cómicos, relixiosos) que o Costiña mercaba como se foran un videoclub. Mais o interese do Costiña levouno a adquirir unha cámara para facer os seus propios filmes. Atopáronse 8 rolos cunha duración duns 15 minutos cada un, 4 eran filmes comerciais e 4 foron imaxes filmadas por el.

Regresar ao índice da unidade didáctica.

BIOGRAFÍA DO COSTIÑA

costina-amarelo

Joaquín García Portela “Costiña”. Naceu no ano 1894. Recibiu o sobrenome do “Costiña” polo alcume do seu padrasto: Bernardo García. Desde ben mozo comezou a traballar de mecánico e de latoeiro. As dificultades económicas lévano a emigrar a Arxentina. En Bos Aires afondou na súa formación como fotógrafo. Regresou A Guarda a comezos da década dos anos 20 instalándose coa súa familia nunha casa preto de Laxe Grande. O seu interese pola técnica lévao a sacarse a licencia de técnico de radios. O seu desempeño laboral fai que este atento ás novidades polo que a mediados da década dos anos 20 merca un proxector e unha cámara de cinema Pathé Baby de 9,5 mm. Entre 1926 e 1929 fai filmes familiares. Gracias ao seu achádeo, estudio e posterior dixitalización podemos dicir que, a día de hoxe, o Costiña é o pioneiro do cinema na Guarda. O interese pola cinematografía lévao a ser operador de cabina de cinemas da Guarda: Cine Ideal e Cine Avenida. A finais da década dos 40 traslada o seu estudio fotográfico para o número 45 da rúa Concepción Arenal. Durante este tempo exerce como fotógrafo de estudio destacando pola súa bonhomía. Finou no ano 1957.

Preguntas e respostas:

Quen era o Costiña?

O Costiña era o alcume de Joaquín García Portela. Naceu en 1894 e finou en 1957. Estivo emigrado en Arxentina entre 1914 e 1920. Foi fotógrafo. Primeiro tivo un estudio en Mazaracos e despois, en 1941, abriu un estudio na Rúa Concepción Arenal, ao carón da Praza de Abastos.

O Costiña só fixo fotografía?

O Costiña era moi polifacético, gustáballe moito experimentación, foi mecánico, latoeiro, chofer, arranxaba radios, pirotécnico, químico… Artisticamente tamén lle gustaba pintar cadros ao óleo e grazas ao seu interese pola fotografía tamén chegou ao cinema: primeiro facendo filmes e despois sendo proxeccionista en cines.

Sabes o que é un pioneiro?

Un pioneiro é unha persoa que fai unha cousa por primeira vez en determinado lugar con poucas referencias ou dunha maneira autodidacta.

O Costiña foi un pioneiro?

Os seus filmes foron feitos entre os anos 1926 e 1929. Ata que se atopen filmes máis antigos podemos dicir que o Costiña foi o pioneiro do cinema na Guarda.

Regresar ao índice da unidade didáctica.

CRONOLOXÍAS ARREDOR DO COSTIÑA

cos00006

Liña cronolóxica onde se recollen os acontecementos máis importantes da biografía do Costiña e das historias da Guarda, de Galicia, de España, do mundo, da fotografía e do cinema.

 1894 | O Costiña nace en Salcidos, A Guarda

1895 | Primeira proxección cinematográfica pública en París

1897 | Primeira película española feita por Sellier na Coruña

1898 | Perda por parte de España de Cuba e Filipinas

1905 | Comezan as obras do porto da Guarda

1907 | Comercialización del Autocrome, placas fotográficas a cor

1909 | Semana Tráxica de Barcelona

1911-27 | Guerra do Rif

1912 | Créase a Fundación Pro-Monte Santa Trega

1914 | O Costiña emigra a Arxentina

1914-19 | I Guerra Mundial

1916 | Os xesuítas españois abandonan o Colexio da Pasaxe e é ocupado por xesuítas portugueses

1916 | Nacen as Irmandades da Fala

1917 | Revolución Rusa

1917-20 | Manoel de Oliveira estudia na Guarda

1920 | Xeración Nós

192? | O Costiña regresa de Arxentina

1921 | Desastre de Annual

1922 | Casamento do Costiña con Florinda Ferreira

1922 | Comercialízase o formato 9,5 mm

1923 | Nace a filla maior do Costiña: Celia.

1923-30 | Dictadura de Primo de Rivera

1924 | Nace a filla menor do Costiña: Consuelo

1926 | O Costiña merca cámara de cine 9,5 mm

1927 | Comercialízase o cinema sonoro

1929 | Luis R. Alonso filma na Guarda “Un viaje por Galicia”

1929 | Exposición Universal de Barcelona e Iberoamericana de Sevilla

1930 | O Costiña convértese en proxeccionista do Cine Ideal

1930 | José Suárez visita A Guarda

1931 | Monte Santa Trega declarado Monumento de Interese Nacional

1931 | II República Española

1932 | José Gil filma “Panoramas de Santa Tecla”

1932 | Aparecen filmes comerciais en Technicolor

1933 | Campaña arqueolóxica de Margelina no Trega

1935 | Carlos Velo filma na Guarda

1935 | Comercialízase as películas Kodakchrome

1936-41 | Campo de concentración no Colexio do Pasaxe

1936 | Apróbase o Estatuto de Autonomía

1936-39 | Guerra Civil Española

1939-45 | II Guerra Mundial

1941 | O Costiña é proxecionista no Cine Avenida

1947 | Comercialízanse as primeiras cámaras Polaroid

1949 | O Costiña abre o estudio fotográfico na rúa Concepción Arenal

1950 | Morre Castelao

1950 | España ingresa na ONU

1950-54 | Guerra de Corea

1951 | Franco visita A Guarda

1952 | Filmes comerciais en formato panorámico anamórfico

1957 | Publícase “Mientras llueve en la frontera” de Ángel Ruíz Ayúcar, ambientada na Guarda

1957 | O Costiña morre na Guarda

Regresar ao índice da unidade didáctica.

A GUARDA RECOÑECE AO FOTÓGRAFO JOAQUÍN GARCÍA “COSTIÑA” COMO PIONEIRO DO CINEMA CUN ABANO DE ACTIVIDADES. NOTA DE PRENSA

  • Unha exposición da Casa dos Alonsos inaugurarase o venres 22 de xuño, acompañada dunha proxección nocturna na Praza do Reló

  • Un libro dedicado á vida e obra do Costiña contará coa participación de especialistas

O Concello da Guarda, en colaboración co Proxecto Socheo, deseña unhas actividades arredor da figura e máis da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela, máis coñecido polo alcume do “Costiña”.

O venres 22 de xuño, ás 21 horas, inaugurarase unha exposición na Casa dos Alonsos que leva por título Camiños da Imaxe, que chegará acompañada por unha proxección nocturna na Praza do Reló, ás 22:30 horas.

Proxecto Socheo comisaría esta exposición na que se pretende render homenaxe ao “Costiña”.

Joaquín García foi un dos fotógrafos máis lembrados na vila na que viviu entre os anos 1894 e 1957. Na exposición atoparemos imaxes que fixo a veciños da Guarda e da súa contorna, obxectos e fotografías persoais do fotógrafo que ilustrarán a súa biografía e poderán verse os seus filmes familiares.

O achado, estudo e posterior dixitalización destes filmes motiva este programa de actividades arredor do Costiña. Foron realizados entre os anos 1926 e 1929 e, ata o día de hoxe, supoñen as primeiras películas filmadas na Guarda e por un guardés.

Atopámonos así ante o pioneiro do cinema na Guarda. No seus filmes poderemos ver escenas familiares na casa que o fotógrafo tiña en Mazaracos, escenas do campo filmadas no Castro, as festas de setembro da Guarda e imaxes do barrio da Marina. Son imaxes cun forte carácter etnográfico, unha consideración que fai destas imaxes uns documentos patrimoniais de grande magnitude.

Beli Martínez, produtora da exposición, sinala que “será unha exposición chamada a ser degustada con calma, para viaxarmos no tempo pola historia da Guarda. Será unha porta a través da que poderá escoitarse a chamada dos nosos antepasados. A maioría das facianas das fotografías non sabemos a quen pertencen, polo que convidamos a todos os guardeses a que entren no proceso que propomos e nos axuden a identificalas”.

Este tecido de actividades rematará no mes de novembro cando se faga a presentación dun pequeno libro dedicado a súa vida e a súa obra. Unha publicación na que interveñen especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.

 

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 100.000 visitas e no portal www.proxectosocheo.com . Pódense visionar máis de 350 películas desde finais da década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

O Proxecto Socheo, nado no 2012, foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico… entre outros.

Ademais, e da man do IES A Sangriña, acadou o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no ano 2014.

Para seguiren nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Trailers #EXPOCOSTIÑA

https://youtu.be/M95R2luxBf0COSTIÑACAPTURA (3)

https://youtu.be/iiyIREk-maw

Prepárase exposición sobre Joaquín García Portela “Costiña”

vlcsnap-00001

A exposición leva por título Camiños da imaxe e dará conta da figura e da obra do fotógrafo guardés Joaquín García Portela “Costiña”. A exposición terá lugar na Casa dos Alonsos do 22 de xullo ao 15 de agosto.

Este evento vai ser froito dunha estreita unha colaboración ente o Concello da Guarda e Proxecto Socheo. O primeiro, a través da Concellería de Cultura, fixo unha aposta decidida levando as tarefas de produción e o segundo dedicándose a comisariar.

O achádeo dos filmes caseiros do Costiña e a súa posterior dixitalización gracias ao CGAI, a Filmoteca de Galicia, fixo que se pensara na realización deste proxecto expositivo. Non obstante nas tarefas de investigación tivo como engadido a dixitalización das placas fotográficas conservadas polo arquivo da familia.

Beli Martínez, comisaria da exposición salienta: “é unha exposición baseada nunha serie de milagres, de descubertas que ninguén contaba con elas. Esa é a sensación que queremos transmitir coa exposición. Agardamos que este evento sirva de rechamo para atraer visitantes A Guarda e, tamén, que os guardeses desfruten e se sintan orgullosos dela”.

Agradecidos

proxecto-socheoDende Proxecto Socheo queremos agradecer a todos os amigos e medios de comunicación que nos levan amosado o seu interese polas imaxes de Joaquín García Portela “Costiña”.

O noso agradecemento máis fondo vai para a súa familia, agardamos estar á altura da súa xenerosidade.

Xornais, a Televisión de Galicia, portais de Internet e radios mesmo de Catalunya achegáronse ata esta historia, nas nosas redes sociais podedes acceder a parte da repercusión que leva xerada.

Seguimos a traballar porque sexan restauradas e estudadas tal e como se merecen, e contamos con ter novas pronto.

E, de novo, aproveitamos para solicitar a axuda de institucións e colectivos para pór en valor o patrimonio audiovisual do Baixo Miño e A Guarda.

O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30

 

proxecto-socheo-a-guarda-joaquin-garcia

Os filmes foron feitos por Joaquín García Portela, alcumado “Costiña”

As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República

Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes

O Proxecto Socheo vén de sacar á luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na década do 1930.

Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

Tras un estudio previo por parte de Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.

Autor

Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 –  14 de xullo de 1957). Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.

Características dos filmes

 Os rolos dos filmes son de 9,5 mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30.

Tralos primeiros visionados hai unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano 1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.

Malia que a maioría da metraxe son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. E tamén aparecen secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… A parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.

Xestións para a dixitalización as imaxes

 Proxecto Socheo púxose en contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que resulta inasumible para a filmoteca galega.

Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos. Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 

Dende o Proxecto Socheo solicítase a colaboración de todo aquel que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez, poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

 A maior parte deste traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.