Arquivo da categoría: Tradicións

A MATANZA DO PORCO (c. ANOS 90)

Gravación familiar en vídeo dunha matanza do porco. Unha tradición galega que por diversas circunstancias hoxe en día xa non se realiza con tanta frecuencia.

PROCESIÓN DO SEÑOR (1980)

Imaxes do “Día do Señor” na Guarda que vén sendo a celebración relixiosa do Corpus. A película foi feita por J. A. Uris no ano 1980 e recolle a tradición de facer alfombras florais polas rúas da Guarda para que pase a procesión.

Vendima nas Eiras (1976)

Película familiar que filmou Enrique Barreiro durante a vendima nas Eiras no ano 1976. Un documento onde se pode seguir as fases dunha vendima tradicional desde que se recolle a uva do campo ata que se expreme na prensa.

MARCAS DOS MARIÑEIROS DA GUARDA

Documentación da exposición “Marcas dos mariñeiros da Guarda” que organizou Anabam na súa sede desde o 26 de decembro de 2012 ao 5 de xaneiro de 2013. Conducidos polo relatorio de Antón Ferreira, un dos promotores da exposición, deambulamos polos espazos e facemos un seguimento das distintas pezas que forman parte dela. Homenaxe aos mariñeiros da Guarda.


OS MUÍÑOS

Documental escolar que se interesa pola investigación e divulgación dos muíños tanto de vento como de auga que hai na comarca do Baixo Miño. Desta maneira se fai un repaso aos restos dos muiños, explicando o seu funcionamento e mostrando o seu estado de abandono antes de que as autoridades locais procedesen a súa conservación. O filme-videográfico é do ano 1993 e pertence ao C. P. A Sangriña, un colexio que naquela altura traballaba moito, de maneira anovadora, co audiovisual como ferramenta educativa. Graciñas a Rosa Darriba, novamente. 

O ÚLTIMO CORDELEIRO

Un excelente documental de carácter etnográfico sobre un dos oficios xa desaparecidos da vila da Guarda: o cordeleiro. Este traballo foi un proxecto resultante da inclusión, dunha manira moi anovadora, dos audiovisuais no medio académico, concretamente do C. P A Sangriña da Guarda englobado dentro do que se deu en chamar Telexeonllo. Un filme-videográfico feito en 1993 e que narra cunha estructura narrativa moi interesante, como un grupo de rapaces se aproxima ao mundo, hoxe desaparecido, de Enrique Maya: “o último cordeleiro”.

VÍDEO FOX

Vídeo Fox é unha videobitácora do Tania-María, un barco de pesca da Guarda. Este barco faenaba no océano Atlántico, perto das Azores, e se dedicaba ao palangre co que pescaba sobre todos peixe espada e marraxos. A tripulación gravouse durante unha “maré” desde que están de ruta cara o caladoiro até que volven ao porto de Vigo. O que vemos nesta serie é unha gravación autoconsciente dun diario de abordo realizado con moita intención por parte dos protagonistas para testemuñar as incidencias e peculiaridades do seu traballo.

Na nosa canle de Youtube subiranse diversos anacos desta peza.