Arquivo da categoría: Portugal

VISITA A VIANA DO CASTELO (1975)

Viaxe á capital da rexión do Minho. Cidade moi perto da Guarda, na foz do río Limia. A viaxe fixáronna en coche. Concretamente os turistas subiron ao monte onde está o Santuario de Santa Lucía de onde se contempla a cidade e toda a desembocadura. Como curiosidade coinciden con outra xente onde tamén teñen unha cámara de Súper 8.

Estivo Eliot Elisofon na Guarda?

elisofon

Tras saír nas redes sociais varias fotos relacionadas con Eliot Elisofon distintas persoas indicáronme as súas dúbidas sobre se este afamado fotógrafo puidera ou non estar na Guarda. A falta de fontes directas (escritas ou orais) que o certifiquen vou facer un pequeno informe para por sobre a mesa como está a cuestión.

Antes de nada dicir quen era Eliot Elisofon para fixar exactamente a súa importancia. Nado en Nova Iork, en 1911. A súa orixe familiar humilde levouno a ver a realidade con outros ollos intentando que no seu traballo o reflectise a condición humana. Membro fundador da Photo League onde fotógrafos estadounidenses uníronse en causas sociais e creativas comúns. Publica na revista Life desde 1937 e se converte nun referente mundial do fotoxornalismo con reportaxes arredor do mundo destacando os que fixo sobre África, cambiando a visión que se tiña sobre este continente. Tamén foi famoso por retratar a vida de Hollywood e colaborar con directores como Alfred Hichtcock e John Houston. Finou en 1973.

Entramos en materia. O que indica que Elisofon estivo na Guarda é a identificación en internet de fotos atribuídas a Elisofon e onde se recoñece A Guarda.
Estas son as coñecidas:
Foto #1 
Foto #2 
Foto #3

E estas son as que apareceron tras unha pesquisa de urxencia (pode haber algún erro ou faltar algunha pasada por alto):
Foto #4
Foto #5
Foto #6
Foto #7
Foto #8
Foto #9
Foto #10
Foto #11
Foto #12
Foto #13
Foto #14

Estas fotos, como se poden comprobar, aparecen no fondo que ten Google Arts & Culture, polo que é de confiar na súa autenticidade, aínda pode caber a posibilidade de que tal insignie fotógrafo puidera ter un axudante. E ollo!, nas descripcións das fichas nunca aparece sinalado o lugar concreto da foto e sí o xenérico de España. Este último dato resulta interesante xa que poden aparecer máis fotos a descubrir por ollos máis avezados.

Pódense datar dunha maneira máis precisa. Sábese que estivo en Portugal (por fotos datadas con exactitude) durante o mes de setembro de 1948, concretamente sabemos que o día 8 estaba en Portugal, en Nazaret. Tamén hai fotos do Porto e de Aveiro. E, despois, hai fotos de Cádiz tamén en setembro e tamén, en setembro, hai fotos do cadro El Jardín de las decilicias del Bosco que está no Museo do Prado en Madrid. Polo que o máis probable é que Elisofon estivera na Guarda a mediados a finais de agosto ou principios de setembro.

Este periplo fixoo para facer o reportaxe Atlantic Coast of Europe na revista Life, publicado o 13 de xuño de 1949. Seica percorreu máis de 12.000 kms en barco e en coche. No ano 1947 xa fixera un reportaxe na revista Life sobre os faros en Atlanctic Coast Ligh.

Sábese, por fotos súas, que en Galicia estivo na Coruña, Vigo, e Baiona. Hai outras fotos con elementos que nos fan supor que son en Galicia, como folios dos barcos, descarga de peixes… Tamén hai motivos que se repiten como retratos, redes secando e boureis. Varias destas fotos puideron sacarse na Guarda pero deixamos a outros pesquisadores que cercioren estas posibilidades.

Como conclusión estaría ben coñecer máis sobre esta estancia de Elisofon na Guarda e intentar localizar algún dos moitos rapaces que saen nas fotos e que contasen algo da sesión fotográfica, algunha característica do fotógrafo ou se estivo hospedado nalgunha pensión ou hotel na Guarda. Os esforzos deben ir nesta dirección e constatar dunha maneira aínda máis fidedigna a estancia de Eliot Elisofon (un dos mellores fotógrafos do mundo) na Guarda.

Xurxo González

Claro de lúa, de Puri Ameixide: neoromanticismo miñoto

CLARO DE LÚA-PORTADA

Sorprende, para ben, como este libro, Claro de lúa, pode estar ambientado historicamente a comezos do século XIX tendo como escenario A Guarda e a súa contorna. Para comprender isto hai que comezar por falar das circunstancias biográficas da súa autora: Puri Ameixide (Monforte, 1967). Titulada en Filoloxía Galego-Portuguesa e residente desde varios anos no Baixo Miño sendo profesora no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño. O libro foi publicado no presente ano pola editorial Xerais e é un volume conformado por 469 páxinas. Un grosor contundente que nos remite á amplitude que tiñan os lombos desas narracións-río típicas da literatura decimonónica.

PURI AMEIXIDE

O mesmo título está cheo de reminiscencias. Por un lado lévanos directamente a famosa peza musical que Claude Debussy creou en 1890. Unha composición a piano que destila en sobre maneira sentimento romántico. Pero este título tamén nos remite a un dos contos máis famosos do escritor francés Guy de Maupassant, publicado uns poucos de anos antes, en 1883. E continuando co rebuscar acertamos coa inspiración do título: é como se lle chamaba popularmente a Sonata nº14 para piano de Beethoven, unha peza coetánea ao tempo diexético da novela, creada alá polo ano 1801.

Con estas observacións sobre o título xa podemos entrever como a autora ao longo da escrita despregou abondosos pontes referenciais a distintos niveis: historia, política, literatura, música… E aquí esta o primeiro gran acerto da novela: xa que propón un dispositivo co que se pode alcanzar distintas lecturas segundo a experiencia do lector. Para quen este acostumado a transitar por estes códigos resulta altamente gratificante xa que incrementa as sensacións lúdicas e a idea de que estamos ante artefacto desenfadado.

Esta idea de facer visible as costuras da novela fai que nos remita a certa intención posmoderna do revival ou de tránsito polo kitch. Pero non, a proposta é máis sutil, menos evidente. Desde a primeira páxina propón ese diálogo coas achegas que a autora empregou para documentar este libro. Uns aportes nutrientes que serven para contextualizar a narración pero hai momentos que destilan certa ironía ou humor soterrado froito de peneirar a historia polos ollos creadores do presente.

Esta característica sae a relucir na estrutura da novela organizada en tres “libros” que teñen como nome movementos musicais progresivos: Adagio Sostenudo, Allegretto e Presto Agiato. Se atendemos a cuestións narrativas cada bloque está caracterizado por unha chegada: Leandro, Leonor Montenegro e os franceses. Cada aparición produce unha progresión na inestabilidade do escenario facendo que o destino dos personaxes se enleen. Pero o curioso desta fragmentación é como o narrador da historia se vai facendo cada vez máis visible; pasa dunha neutralidade rigorosa, a interromper a narración con valoracións e guiando ao lector e, finalmente, a ser parte importante da historia.

Os elementos referenciais tamén aparecen en pretendidas similitudes coa literatura da época e, concretamente, coas novelas do século XIX. Segundo a autora e a crítica seica hai influencia por parte de Jane Austen, Charlotte Brontë e Leon Tolstoi. As dúas primeiras concordan na focalización feminina, na exaltación dos sentimentos e a exploración da condición humana. Mentres que Tolstoi sitúase máis nunha vertente política: sentimento de culpa, erradicación feudalismo, igualdade de clases, dereitos humanos… Pero estes referentes veñen dados máis pola acción da novela que pola maneira de como está escrita. Claro de lúa é unha colección de personaxes e lugares comúns codificados non polo Romanticismo, senón por lecturas posteriores dese momento artístico (literatura, cinema, televisión…). Puri Ameixide fai unha lectura contemporánea do xénero escapando de describir a realidade, afondar en estados anímicos, hiperbolizar sentimentos, incorporar pingas de nihilismo ou excederse en sucesos aciagos. Dito isto, bótase en falta que autora se fixara en referentes máis próximos como podía ser Camilo Castelo Branco, autor miñoto portugués do que segundo Miguel de Unamuno o seu libro Amor de Perdição foi a obra cume do romanticismo peninsular.

A novela tamén contén elementos moi lenes pertencentes ao xénero fantástico. Unha especie de realismo máxico á galega que serve para dotar a narración de aportes enigmáticos e, tamén, para darlle continuidade a historia en puntos onde se podería trabar a base de cúmulos de explicacións.

É por iso que a historia que conta a novela case que podería ser situada en calquera outro sitio. A presenza da Guarda serve para delimitar o escenario. Un envoltorio sen moito peso que sempre prioriza o decorrer da historia. A autora xa nos avisa disto nun pequeno prólogo onde nos indica que abra non é unha novela histórica nin un reportaxe, que todo é froito da invención e que ninguén agarde recoñecer na trama a ningún familiar dalgún veciño.

Asemade, a novela ten outras prescricións non recoñecidas. A maioría dos protagonistas son de clase podente dunha teórica alta burguesía da Guarda. Terratenentes e comerciantes que vivían na parte alta da localidade e deixando a presenza da clase baixa para nutrir o corpo de serventes. Outro re enfoque que se pode facer é que o ámbito da Guarda que se escolle é o da terra sabendo que o máis significativo sería incluír o mundo do mar. O barrio da Marina queda obviado a pesar de que nesa época A Guarda alcanza unha puxanza sen precedentes sobre todo pola consideración de porto corsario nos anos previos a invasión francesa interceptando navíos ingleses. Ou o elevado grado de conflito social que desde séculos existía entre A Marina e Ribadavila. Aspectos desperdiciados que poderían dar bastante xogo.

A novela ten como protagonista a Rosa que sirve na casa de Dona Elvira e posteriormente, cando esta morre, pasa ao servizo de Don Leandro. Progresivamente ámbolos dous se van namorando ao mesmo tempo que incrementan os atrancos sociais e históricos, especialmente, pola francesada: a chegada o exército francés de Napoleón durante a Guerra de Independencia de España.

Esta breve sinopse danos idea de como é a novela. A complexidade da trama vai avanzando sempre en diálogo co contexto histórico da época e da a impresión de que A Guarda se converte en un epicentro decisivo do que sucede a nivel superestrutural nesa altura en todo o continente. Constantemente os designios dos protagonistas están supeditados a todos os elementos cruciais que moven a historia nese momento: loita polo poder en Europa, guerras, procesos políticos, movementos sociais, propiedade da terra, relacións comerciais, sensibilidades artísticas, estado da ciencia, conductas de clase, poder da relixión, vixencia das tradicións… Nun principio parece que a novela é un alarde de documentación nun tempo histórico fascinante pero, porén, tamén deixa un pouso de receitario de circunstancias históricas sen graduar a magnitude das mesmas e o seu nivel de incidencia.

Este diálogo entre un tempo “desmedido” e un escenario “circunstancial” fai que se produza certo demérito se se pretende facer unha lectura clásica da historia. Mais se se toma a novela como algo desautomatizador e se valora estes elementos desasociativos a novela emerxe de una maneira gratificante. Pero aínda así para un lector local, da Guarda, hai certos elementos que producen un elevado grado de fricción como pode ser a excesiva (e decisiva) presenza dos franceses na Guarda, converter a igrexa de San Roque nun establo (debería ser a de San Lourenzo de Salcidos, a de San Roque aínda demoraría case un século máis en construírse) e o emprego dunha dorna para unha travesía (imposible) entre Redondela e A Guarda.

Malia o escaso énfase descritivo as localizacións guardesas están aí: Cimadavila (Ribadavila), A Guía, Chan do Conde, Porto, O Muro, A Pasaxe, Castelo de Santa Cruz. Non obstante, A Guarda fica pequena ante toda amalgama histórica que se quere reflectir e así tamén bótase man de moitos lugares da contorna, tanto de Galicia como de Portugal: O Rosal, Oia, Tui, A Valga, Baiona, Vigo, Redondela, Santiago de Compostela, A Coruña, Caminha e Porto.

Como conclusión podemos dicir que estamos ante un libro altamente entretido pero que sacrifica moito da forma e do contexto. A autora manéxase perfectamente pola superficie do xénero apostando pola rapidez de acontecementos e certo esquematismo máis propio da literatura máis comercial ou do guión cinematográfico, unha natureza que fala ben as claras das circunstancias que definen ao noso presente. Malia este frenesí e avalancha de acontecementos hai que dicir que Claro de lúa de Puri Ameixide é unha obra onde fai un extraordinario alarde de ficción e agasalla á Guarda cun gran homenaxe escolléndoa como escenario principal dos feitos.

Xurxo González

NAVEGAÇÃO NO MINHO

Episodio da serie documental “Horizontes da memoria” realizado para a RTP e presentada polo Profesor José Hermano Saraiva. Neste capitulo titulado “Navegação polo Minho” o seu conductor entra navega polas augas do Miño falando das relacións fronteirizas, visitando Seixas, unha pirotecnia enrriba de petroglifos, a Ilha dos Amores, a Boega e remata o seu percorrido en Vilanova de Cerveira.