Arquivo da categoría: Baiona

Estivo Eliot Elisofon na Guarda?

elisofon

Tras saír nas redes sociais varias fotos relacionadas con Eliot Elisofon distintas persoas indicáronme as súas dúbidas sobre se este afamado fotógrafo puidera ou non estar na Guarda. A falta de fontes directas (escritas ou orais) que o certifiquen vou facer un pequeno informe para por sobre a mesa como está a cuestión.

Antes de nada dicir quen era Eliot Elisofon para fixar exactamente a súa importancia. Nado en Nova Iork, en 1911. A súa orixe familiar humilde levouno a ver a realidade con outros ollos intentando que no seu traballo o reflectise a condición humana. Membro fundador da Photo League onde fotógrafos estadounidenses uníronse en causas sociais e creativas comúns. Publica na revista Life desde 1937 e se converte nun referente mundial do fotoxornalismo con reportaxes arredor do mundo destacando os que fixo sobre África, cambiando a visión que se tiña sobre este continente. Tamén foi famoso por retratar a vida de Hollywood e colaborar con directores como Alfred Hichtcock e John Houston. Finou en 1973.

Entramos en materia. O que indica que Elisofon estivo na Guarda é a identificación en internet de fotos atribuídas a Elisofon e onde se recoñece A Guarda.
Estas son as coñecidas:
Foto #1 
Foto #2 
Foto #3

E estas son as que apareceron tras unha pesquisa de urxencia (pode haber algún erro ou faltar algunha pasada por alto):
Foto #4
Foto #5
Foto #6
Foto #7
Foto #8
Foto #9
Foto #10
Foto #11
Foto #12
Foto #13
Foto #14

Estas fotos, como se poden comprobar, aparecen no fondo que ten Google Arts & Culture, polo que é de confiar na súa autenticidade, aínda pode caber a posibilidade de que tal insignie fotógrafo puidera ter un axudante. E ollo!, nas descripcións das fichas nunca aparece sinalado o lugar concreto da foto e sí o xenérico de España. Este último dato resulta interesante xa que poden aparecer máis fotos a descubrir por ollos máis avezados.

Pódense datar dunha maneira máis precisa. Sábese que estivo en Portugal (por fotos datadas con exactitude) durante o mes de setembro de 1948, concretamente sabemos que o día 8 estaba en Portugal, en Nazaret. Tamén hai fotos do Porto e de Aveiro. E, despois, hai fotos de Cádiz tamén en setembro e tamén, en setembro, hai fotos do cadro El Jardín de las decilicias del Bosco que está no Museo do Prado en Madrid. Polo que o máis probable é que Elisofon estivera na Guarda a mediados a finais de agosto ou principios de setembro.

Este periplo fixoo para facer o reportaxe Atlantic Coast of Europe na revista Life, publicado o 13 de xuño de 1949. Seica percorreu máis de 12.000 kms en barco e en coche. No ano 1947 xa fixera un reportaxe na revista Life sobre os faros en Atlanctic Coast Ligh.

Sábese, por fotos súas, que en Galicia estivo na Coruña, Vigo, e Baiona. Hai outras fotos con elementos que nos fan supor que son en Galicia, como folios dos barcos, descarga de peixes… Tamén hai motivos que se repiten como retratos, redes secando e boureis. Varias destas fotos puideron sacarse na Guarda pero deixamos a outros pesquisadores que cercioren estas posibilidades.

Como conclusión estaría ben coñecer máis sobre esta estancia de Elisofon na Guarda e intentar localizar algún dos moitos rapaces que saen nas fotos e que contasen algo da sesión fotográfica, algunha característica do fotógrafo ou se estivo hospedado nalgunha pensión ou hotel na Guarda. Os esforzos deben ir nesta dirección e constatar dunha maneira aínda máis fidedigna a estancia de Eliot Elisofon (un dos mellores fotógrafos do mundo) na Guarda.

Xurxo González

Advertisement