Arquivo da categoría: Familiar

Zapico: filmando filmacións

Que o cinema represente o cinema non é algo novo. Desde os comezos o cinema detívose na estrutura en abismo que é o propio proceso cinematográfico filmando a rodaxe dun filme, o cineasta, os actores… Nun principio este interese debeuse a certo criterio humorístico máis, pouco a pouco, foise erixindo coma unha clara reflexión polo medio onde descifrar a súa natureza e a súa singularidade.

Pero que idea agocha esta dinámica dentro do cinema afeccionado? Ao longo dos arquivos de Proxecto saen á luz estes fogonazos ontolóxicos máis é no caso de Zapico onde aparecen dunha maneira máis frecuente. Obviamente a intención de Zapico e os seus coetáneos posúe algo máis. Estes filmes están afastados da intención narrativa e collen a necesidade de representar o momento que fuxe.

Estes filmes aprisionan a sorpresa de atoparse con outro “conxénere”. Fixarse nunha filmación supón recoñecer o elevado grado de improvisación do proceso cinematográfico afeccionado. A filmación faise sen un plan preconcibido, non hai elementos pensados nin guións previos. Ao aparecer en plano unha persoa cunha cámara acesa as alarmas e este motivo tórnase transcendente xa que existe certo grado de fixación da mirada. A imaxe tórnase dupla, en dobre sentido, coma un espello de dobre cara. Zapico morde o anzol e busca fixar o cinema dentro do cinema para dar conta da súa excepcionalidade.

A filmación fica dentro dunha secuencia que é o motivo da filmación polo que supón un alto no camiño. Un respiradoiro incontrolado, azaroso e inconsciente. O tema que se quere filmar normalmente ten certa importancia ou espectacularidade que motiva o anhelo de filmar. Mais a irrupción doutra filmación produce un desprazamento de intencións que fala ben as claras dos sendeiros que se cruzan na vontade dun cineasta afeccionado.

Tamén poden ser elementos inconscientes dunha consistencia documental de como era o emprego das cámaras cinematográficas sobre todo na década dos 70. A disposición dunha cámara cinematográfica no seo dunha familia era unha cuestión nada gratuíto porque precisabas dispor dunha posición económica saneada. Esta cuestión choca co nivel medio da economía dunha familia a finais do franquismo. E por iso que os cineastas filmados seguían a pauta de sacar a cámara de viaxe e depositar a mirada sobre outras realidades.

Zapico non estaba so.

PASEO POLA PRAIA DAS EIRAS, DE ENRIQUE BARREIRO (1976)

Película familiar que filmou Enrique Barreiro sobre un paseo na praia das Eiras en 1976. Nela podemos ver como un avó pasea cos netos e un can pola ribeira do Miño.

Guardeses en Suíza

Día de asueto da diáspora guardesa en Suíza. Unha familia de emigrantes da Guarda fan un percorrido nun tren que atravesa a xeografía helvética. Viaxe polo territorio característico alpino entre amplos lagos, fondos vales e altas montañas. Rail-movie cun travelling primoroso a través da paisaxe que parece saída dun filme de JLG.