Jesús Zapico: descubrindo identidades

O apelido Zapico non nos resulta moi familiar. Se indagamos pola súa una orixe lévanos a que é autóctono de Asturias. Malia iso Jesús Zapico leva moito tempo vinculado á Guarda. Xa hai varias décadas residindo entre nós. Naceu en Asturias e emigrou a Suíza onde entrou en contacto coa ampla comunidade galega. Alí coñeceu e casou con Maruja Priego, veciña da Guarda, pertencente á familia dos Moreu.

Nos anos 60, 70 e 80 Zapico e familia desfrutaron dos beneficios de vivir nunha das sociedades máis avanzadas de Europa. O nivel de vida dáballe para gozar das vantaxes dunha clase social de clase media. Na casa rápidamente gozaron de todos os trebellos tecnolóxicos aplicados ao fogar. Mais a interese tamén chegou aos aparatos gráficos para documentar os acontementos máis importantes da familia: a cámara fotográfica e, posteriormente, a cámara cinematográfica.

Nun principio Zapico empregou a cámara para fixar os fitos máis importantes da vida en Suíza (festividades, viaxes, cerimonias…) mais tamén a empregou para minguar saudades da súa terra Asturias. Neste punto é interesante a dialéctica case epistolar entre o escenario suízo e o asturiano. Vese como nas imaxes de Suíza hai un interese por retratar episodios e cousas propias de sociedades avanzadas, como de xustificar o sacrificio de estar afastado do seu fogar. Mentres, en Asturias hai certo cariz melancólico, no que se reflicte o sentimento de perda e a inclinación cara o pintoresco.

Mais que papel xoga A Guarda nesta ecuación? As imaxes guardesas de Zapico desvincúlanse da afectación das súas imaxes asturianas e vese un interese por descubrir un mundo que non lle é propio mais que ten moitas gañas por descubrir e entender. Ao longo de distintos veráns non consecutivos vese como vai sedimentando a mirada. Este efecto débese a que a imaxe é testemuña dese proceso de descuberta, de entusiasmo ante a sorpresa.

Zapico chega á Guarda como un descoñecido e deixase guiar para coñecer as identidades. Un percorrido por círculos concéntricos no que vai ampliando o diafragma até configurar unha panorámica significativa da Guarda da década dos anos 70. Zapico deixase levar polos seus anfitrións familiares e así é como recolle o mundo dos mariñeiros, os viveiros, a comercialización do peixe. Con esa vertebración pasa a un novo estadio que son as celebracións privadas onde aparecen amizades e veciños. E, finalmente, un Zapico con maior integración fúndese coa Guarda nas festas da vila e na paisaxe.

Así pois, as imaxes cinematográficas participan das arelas da emigración de unir pontes entre o lugar de nacemento e o lugar onde se vive. Mais na Guarda, Zapico vólvese nun cineasta “consorte” que lle favorece para ter a curiosidade, a capacidade de indagación e a distancia sobre unha realidade por descubrir.

Deixar un comentario