Arquivo por etiquetas: Proxecto Socheo

De despedida…

socheo 2 panfleto.jpg

Se todo vai ben despedímonos até unha próxima tempada. Colleremos folgos e traballaremos para algunha sorpresa no verán. Proxecto Socheo quedará en baixo mínimos e agardamos seguir contando convosco. Para calquera cousa por este medio ou entrando en contacto: proxectosocheo@gmail.com

Advertisements

Proxecto Socheo presentarase no Consello da Cultura Galega

consello cultura galega

Beli Martínez, produtora de Proxecto Socheo, será quen presente Proxecto Socheo no Consello da Cultura Galega. Este acto está englobado dentro das Xornadas Patrimonio e Comunicación. Novos paradigmas que se celebrarán o 28 e 29 de abril.
Proxecto Socheo será unha das iniciativas a analizar e estudiar na mesa 4 dedicada as Perspectivas tecnolóxicas aplicadas ao patrimonio. En concreto a presentación será o día 29 de abril de 10 a 11h30.
Desde Proxecto Socheo estamos moi contentos pola receptividade e a alta valoración do noso traballo que atopamos alén da Guarda.

 

QUE É PROXECTO SOCHEO?

Os amigos do Consello da Cultura Galega fixéronnos a honra de entrevistarnos, ir á Guarda e preparar esta peza sobre o Proxecto Socheo, dentro d´A lembranza do ollar. Como non, tamén temos que dar as grazas a José Antonio Uris Guisantes, colaborador destacado desta iniciativa.

Nace a Red de Cine Doméstico

audiovisual-red-cine-domestico

Nace a Red de Cine Doméstico

  • Distintas iniciativas chegadas de nove comunidades autónomas crean esta rede tras unha xuntanza en Cáceres
  • Proxecto Socheo é o representante galego nesta rede

Nove iniciativas de toda España acordaron a constitución dunha rede dedicada á recuperación, conservación e difusión do cinema doméstico nos seus diferentes soportes. É a Red de Cine Doméstica.

A proposta naceu en Cáceres e xurdiu do III Encuentro para la Creación de un Archivo de Cine Doméstico organizado pola Filmoteca de Extremadura os días 15 e 16 de maio.

Os seus integrantes, entre os que se atopa o Proxecto Socheo, propoñen a posta en valor mediante diferentes accións, tendo en conta que a devandita forma audiovisual foi inxustamente relegada e considerando a súa vixencia actual.

O encontro coincidiu co sesenta aniversario das denominadas “Conversaciones de Salamanca”, onde se debateu pola situación do cinema español, e agárdase que, á súa vez, estas sexan un punto de inflexión na atención que se lle ven dedicando ao cinema doméstico.

Nesta xuntanzas participaron MiniChaplin (Andalucía), Filmoteca Canaria (Canarias), CFIHGU-Guadalajara (Castilla-La Mancha), Hogar de Miradas Domésticas-Filmoteca de Castilla y León, Home Movie Day Salamanca (Castilla y León), Cinema Rescat, Unitat de Investigació del Cinema (Cataluña), La Mirada de los Extremeños-Filmoteca de Extremadura, Proxecto Socheo (Galicia), Memorias Celuloides (Murcia) e o Home Movie Day Victoria (País Vasco).

O Proxecto Socheo, creado na Guarda no 2011 traballa para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño, como parte do patrimonio e da memoria colectiva local e proxectalo, sen restricións, ao mundo.

A web onde se pode seguir os proxectos desta rede é: www.redcinedomestico.com

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30

 

proxecto-socheo-a-guarda-joaquin-garcia

Os filmes foron feitos por Joaquín García Portela, alcumado “Costiña”

As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República

Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes

O Proxecto Socheo vén de sacar á luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na década do 1930.

Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

Tras un estudio previo por parte de Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.

Autor

Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 –  14 de xullo de 1957). Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.

Características dos filmes

 Os rolos dos filmes son de 9,5 mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30.

Tralos primeiros visionados hai unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano 1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.

Malia que a maioría da metraxe son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. E tamén aparecen secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… A parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.

Xestións para a dixitalización as imaxes

 Proxecto Socheo púxose en contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que resulta inasumible para a filmoteca galega.

Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos. Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 

Dende o Proxecto Socheo solicítase a colaboración de todo aquel que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez, poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

 A maior parte deste traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

Convidados por Carballo Interplay

Os amigos do Carballo Interplay confiaron en nós e convidaron a Beli Martínez a impartir un obradoiro sobre recuperación do patrimonio audiovisual

Os froitos dese obradoiro de patrimonio audiovisual das terras de Bergantiños xa se verán no vindeiro abril.

. É a primeira vez  que a nosa experiencia inspira unha iniciativa análoga fóra do Baixo Miño e sentímonos agradecidos e orgullos….

 

carballointerplay.com