Arquivo por etiquetas: nota de prensa

Nace a Red de Cine Doméstico

audiovisual-red-cine-domestico

Nace a Red de Cine Doméstico

  • Distintas iniciativas chegadas de nove comunidades autónomas crean esta rede tras unha xuntanza en Cáceres
  • Proxecto Socheo é o representante galego nesta rede

Nove iniciativas de toda España acordaron a constitución dunha rede dedicada á recuperación, conservación e difusión do cinema doméstico nos seus diferentes soportes. É a Red de Cine Doméstica.

A proposta naceu en Cáceres e xurdiu do III Encuentro para la Creación de un Archivo de Cine Doméstico organizado pola Filmoteca de Extremadura os días 15 e 16 de maio.

Os seus integrantes, entre os que se atopa o Proxecto Socheo, propoñen a posta en valor mediante diferentes accións, tendo en conta que a devandita forma audiovisual foi inxustamente relegada e considerando a súa vixencia actual.

O encontro coincidiu co sesenta aniversario das denominadas “Conversaciones de Salamanca”, onde se debateu pola situación do cinema español, e agárdase que, á súa vez, estas sexan un punto de inflexión na atención que se lle ven dedicando ao cinema doméstico.

Nesta xuntanzas participaron MiniChaplin (Andalucía), Filmoteca Canaria (Canarias), CFIHGU-Guadalajara (Castilla-La Mancha), Hogar de Miradas Domésticas-Filmoteca de Castilla y León, Home Movie Day Salamanca (Castilla y León), Cinema Rescat, Unitat de Investigació del Cinema (Cataluña), La Mirada de los Extremeños-Filmoteca de Extremadura, Proxecto Socheo (Galicia), Memorias Celuloides (Murcia) e o Home Movie Day Victoria (País Vasco).

O Proxecto Socheo, creado na Guarda no 2011 traballa para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño, como parte do patrimonio e da memoria colectiva local e proxectalo, sen restricións, ao mundo.

A web onde se pode seguir os proxectos desta rede é: www.redcinedomestico.com

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

Estamos de noraboa, Proxecto Socheo e o IES A Sangriña, premiados polo Ministerio de Educación e Cultura

  • O galardón destaca a capacidade do Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e polo a dialogar coa comunidade

O IES A Sangriña da Guarda recibiu o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte por apoiar e desenvolver o Proxecto Socheo. Este galardón recoñece aos centros educativos españois que fomenten a alfabetización audiovisual por medio de proxectos que se materialicen na implantación de experiencias educativas, actividades complementarias, materiais curriculares e de apoio, así como todos os traballos innovadores que contribúen a achegar o audiovisual ao alumnado.

Proxecto Socheo recibiu o recoñecemento na modalidade de secundaria. O xurado indicou a enorme capacidade de Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e de polo a dialogar coa comunidade. Segundo indicaron “recupera a memoria audiovisual dun lugar, un barrio e un oficio a través de métodos tan sinxelos como efectivos e cinematográficos”.

Proxecto Socheo é unha iniciativa que pretende xuntar todas aquelas imaxes que supoñan un reforzo para evitar a fraxilidade da memoria colectiva. Unha maneira de pensar o pasado, facelo presente e redimensionalo para o futuro. Unha acción de arquivo aberta e participativa onde se procura a posta en valor dun material audiovisual desprazado que incrementa, de maneira definitiva, o sentimento de identidade e pertenza a unha comunidade.

Actualmente, co apoio do IES da Sangriña, o Proxecto Socheo está a potenciar o carácter pedagóxico do uso das imaxes. Unha relación que se pretende que continúe no presente curso coa axuda da comunidade educativa e dos veciños da Guarda e do Baixo Miño. O galardón conta cunha asignación económica que axudará ao desenvolvemento do proxecto e máis o seu traballo no centro de ensino desenvolvendo seccións como Barriotekas, Proas ou Videoariños.

Por outra parte os responsables do Proxecto Socheo botan de menos unha maior implicación por parte das administracións ou de patrocinio de empresas xa que consideran de que esta iniciativa “é un extraordinario escaparate para a difusión da imaxe da Guarda, o Baixo Miño e Galicia”.

Novas liñas de traballo

Ademais do esforzo realizado co IES A Sangriña, entre as últimas liñas de traballo do Proxecto Socheo está peneirar o NO-DO na procura de filmacións na Guarda e na bisbarra. Así, como curiosidade, deuse conta dunha visita de Francisco Franco ao Monte Trega no ano 1951. Outra das seccións que se está a desenvolver é a de Guardeses polo Mundo, a compilación de arquivos audiovisuais enviados por guardeses e miñotos residentes ou emigrantes en distintos países.

O Proxecto Socheo foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico… entre outros.

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que dende o 2011 quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 53.000 visitas. Pódense visionar máis de 150 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

premio-proxecto-socheo

 

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

  • O Proxecto Socheo está sacando á luz gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro nas últimas semanas
  • En Internet pódese acceder a este patrimonio audiovisual recuperado da Guarda e do Baixo Miño

O próximo sábado 25 de maio, o CEIP As Solanas de A Guarda vive unha xornada de celebración por mor do seu XXV aniversario.. Dentro das actividades programadas para ese día, está unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de unha dos seus promotores: Beli Martínez, ex alumna do centro. A cita é ás 17:00 horas,

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes. Entre eles estará A Gaiteira de Camposancos, unha curtametraxe realizada por estudantes do centro en 1993 dentro da sección “Galicia de escola a escola” do programa de TVE en Galicia “Fiadoiro”.

Nas últimas semanas, o Proxecto Socheo está sacando á luz unhas valiosísimas gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro, con imaxes da zona das Eiras ou un desfile da Festa do Monte daquela altura. Como moitos dos seus arquivos, xa están dispoñibles en Internet.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública de pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

Esta mesma semana Socheo foi protagonista dunha sesión no Cineclube de Pontevedra Foi unha nova chamada ao traballo do Proxecto Socheo, que tamén mereceu presenza e atención en citas e institucións como Festival Cineuropa 2012 de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona… entre outros

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

O PROXECTO SOCHEO AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NA BIBLIOTECA DE PONTEVEDRA, DA MAN DO CINECLUBE PONTEVEDRA

O PROXECTO SOCHEO AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NA BIBLIOTECA DE PONTEVEDRA, DA MAN DO CINECLUBE PONTEVEDRA

  • A sesión terá lugar mañá, xoves 23 de maio, ás 19:00 horas na Biblioteca Pública do Estado – Antonio Odriozola
  • O Proxecto Socheo é un esforzo conxunto que quere sacar á luz o patrimonio audiovisual da Guarda e do Baixo Miño coa colaboración de todo aquel que garde imaxes

O Cineclube Pontevedra organiza unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de Beli Martínez, unha dos seus promotores. A cita é mañá, ás 19:00 horas, na Biblioteca Antonio Odriozola (rúa Alfonso XIII, 3).

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública dos seus pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual local da Guarda e o Baixo Miño.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 22.000 visitas. Pódense visionar máis de 100 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

NP Proxecto Socheo no Cine Clube Pontevedra

AS IMAXES DO BAIXO MIÑO E A GUARDA CHEGAN A ESTONIA DA MAN DO PROXECTO SOCHEO E GRAND TREASURES – GRANDES TESOUROS

  • Unha integrante do Proxecto Socheo presentará a iniciativa o sábado 23 de marzo, na cidade de Parnu
  •  Grand Treasures funciona como intercambio de experiencias entre distintas entidades
  • Calquera gravación atopada pode ser unha xoia que axude no desenvolvemento do Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo segue espertando interese mesmo fóra de Galicia. Beli Martínez, integrante do equipo, presentarao o día 23 de marzo na cidade de Parnu (Estonia), no marco da iniciativa Grand Treasures ou Grandes Tesouros.

Grand Treasures ou Grandes Tesouros é un proxecto enmarcado dentro do programa europeo Grundtvig, como unha asociación de aprendizaxe a modo de parcería entre distintas entidades de Polonia, Grecia, Letonia, Galicia, Portugal e Estonia.

Durante 2 anos, os parceiros intercambian experiencias sobre un tema, aproveitando encontros internacionais para coñecer a realidade local de cada entidade e creando propostas conxuntas.

Neste proxecto, os Grandes Tesouros non son cofres cheos de moedas de ouro, nin tan sequera accións de Inditex, son algo moito máis valioso: a experiencia das persoas que nos transmiten a través de narracións, imaxes, sons… E con eses Grandes Tesouros, técense diferentes actividades que garantes a transmisión de tan incrible legado. Hai quen organiza exposicións, quen crea arquivos dixitais, mesmo hai quen idea actividades en centros de ensino ou bibliotecas viventes… Dito doutro xeito: aporta o seu grao de area para que as vindeiras xeracións reciban os Grandes Tesouros.

O parceiro galego, Xandobela (http://www.xandobela.info), convidou ao Proxecto Socheo a participar no quinto e penúltimo encontro deste proxecto, que será en Estonia do 22 ao 26 de marzo, para amosar o traballo feito dende A Guarda, como una proposta de boas prácticas ante os parceiros internacionais.

O Proxecto Socheo fomenta a colaboración, como amosou a súa colaboración en “Memoria acústica europea” da man de Escoitar.org. Mereceu atención en distintos encontros e certames como Memorybites, en Barcelona; Festival Cineuropa 2012, de Santiago; a exposición Plan de Rescate na Coruña; o Concurso de Ideas para a Xestión Cultural, onde conseguíu o segundo premio; ou a sesión da que foi protagonista no Centro Galego de Artes da Imaxe, entre outros.

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A iniciativa segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. O apoio institucional é, polo momento, inexistente. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 17.000 visitas. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes soPódense visionar preto de 100 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade;  algunhas delas auténticas alfaias como as “videobitácoras”, gravacións de marés en barcos guardeses por parte dos pescadores.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardada algunha gravación. Imaxes de emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As gravacións analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén recolle tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota-

 Máis información sobre Grand Treasures: http://grandtreasures.webnode.cz/

O PROXECTO SOCHEO COLABOROU CON ESCOITAR.ORG NO PROXECTO MEMORIA ACÚSTICA EUROPEA

  • Un grupo de Escoitar.org fixo recollidas orais na Guarda sobre como inciden os sons na xente que vive a carón do mar
  • “Memoria acústica europea” quere pór en valor a paisaxe sonora como patrimonio cultural inmaterial, ao tempo que se afonda na súa contribución á diversidade cultural

O pasado verán un grupo de compoñentes de Escoitar.org trasladouse á Guarda para facer recollidas orais sobre a incidencia do son nos habitantes que viven ao carón do mar. Nestas xornadas de gravación, o Proxecto Socheo colaborou a nivel de produción.

No canle de Youtube do Proxecto Socheo poderase acceder a algúns deses materiais, como a entrevista a Emilio González “O Muchila”, xa dispoñible por xentileza de Escoitar.org

“Memoria acústica europea” ten como obxectivo de poñer en valor a paisaxe sonora como patrimonio cultural inmaterial, ao tempo que se afonda na súa contribución á diversidade cultural europea.

Enmarcado no Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea, trátase dunha iniciativa a tres anos na que tamén participa a AGADIC, así como outras tres entidades socias doutros tantos países: o centro para a investigación acústica Cresson de Francia, a Academia Austríaca das Ciencias e a Universidade de Tampere en Finlandia.

‘Memoria acústica europea’ conta con grupos de estudo e traballo en cada un dos países participantes integrados por especialistas en paisaxe sonora, entendida esta como o conxunto de sons que forman parte do imaxinario colectivo e definen a personalidade dun lugar ou contorna concreta.

Na primeira fase da iniciativa, os diferentes grupos encargáronse da gravación dos sons representativos da cidade e do ámbito doméstico co obxectivo de analizaren os signos distintivos da paisaxe sonora contemporánea e histórica de cada unha das áreas xeográficas definidas.

Ademais de rexistrar e sinalar aqueles sons actuais que estean en risco inminente de desaparición ou absorción, realizarase un amplo rexistro sonoro por categorías (sons naturais, oficios tradicionais, mecánicos, industriais, sinais acústicos, interacción social, silencios, eventos sonoros e outros) a partires do que se buscará identificar e definir a “memoria acústica europea”.

Os resultados deste labor de recollida, estudo e análise desenvolvido por cada un dos cinco grupos –que nunha segunda fase traballarán conxuntamente como parte dun único grupo europeo– serán compartidos coa sociedade a través de diferentes canles de difusión. Neste sentido, buscarase a implicación de diferentes museos dos catro países participantes no deseño dunha exposición audiovisual itinerante arredor da memoria acústica europea e dos seus signos distintivos. Esta mostra acompañarase da celebración de conferencias e seminarios arredor deste mesmo concepto, así como da publicación dun libro multimedia que será distribuído en bibliotecas e centros de ensinanza destes países.

Parte do material gravado na Guarda xa se puido ver en exposición en Tampere e Grenoble. Actualmente estase a preparar a exposición en Galicia e, para apoiar este evento, Escoitar.org colabora con Proxecto Socheo cedéndolle os brutos das entrevistas para a súa difusión.

O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. O apoio institucional é, polo momento, inexistente. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 17.000 visitas. Pódense visionar máis de noventa películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

http://www.escoitar.org

http://europeanacousticheritage.eu


O PROXECTO SOCHEO ACADOU O SEGUNDO PREMIO NO CONCURSO DE IDEAS PARA A XESTIÓN CULTURAL E PRESENTOUSE NO CGAI DA CORUÑA

 

  • O sábado 9 de febreiro foi protagonista dunha sesión no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dentro do ciclo OFF Galicia
  • O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións

O Proxecto Socheo acaba de ser recoñecido co segundo premio no “I Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural”, organizado polo portal Xestión Cultural. O primeiro premio foi para o Proxecto Buserana e o terceiro recaeu no Galería Mulleres, ambos os dous artellados e firmemente apoiados polo Concello de Muxía.

O Proxecto Socheo quere agradecer á organización do certame o interese na súa proposta e felicitar ás outras dúas iniciativas gañadoras.

Ademais o Centro Galego de Artes da Imaxe CGAI, na Coruña, acolleu o pasado sábado unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de dous dos seus promotores: Beli Martínez e Xurxo González, dentro do ciclo Off Galicia. Na cita amosáronse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abriuse un tempo de diálogo cos asistentes.

Unha vez máis, o Proxecto Socheo recibe atención e parabéns polo seu traballo como aconteceu, entre outras citas, no Festival Cineuropa 2012, de Santiago; a iniciativa Memorybites, en Barcelona; ou a exposición Plan de Rescate na Coruña, entre outros.

Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. O apoio institucional é, polo momento, inexistente. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 15.000 visitas. Pódense visionar máis de noventa películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral… todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen custe para o particular.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota.