Arquivo por etiquetas: Ministerio de Educación

Estamos de noraboa, Proxecto Socheo e o IES A Sangriña, premiados polo Ministerio de Educación e Cultura

  • O galardón destaca a capacidade do Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e polo a dialogar coa comunidade

O IES A Sangriña da Guarda recibiu o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte por apoiar e desenvolver o Proxecto Socheo. Este galardón recoñece aos centros educativos españois que fomenten a alfabetización audiovisual por medio de proxectos que se materialicen na implantación de experiencias educativas, actividades complementarias, materiais curriculares e de apoio, así como todos os traballos innovadores que contribúen a achegar o audiovisual ao alumnado.

Proxecto Socheo recibiu o recoñecemento na modalidade de secundaria. O xurado indicou a enorme capacidade de Proxecto Socheo para valorar o medio audiovisual e de polo a dialogar coa comunidade. Segundo indicaron “recupera a memoria audiovisual dun lugar, un barrio e un oficio a través de métodos tan sinxelos como efectivos e cinematográficos”.

Proxecto Socheo é unha iniciativa que pretende xuntar todas aquelas imaxes que supoñan un reforzo para evitar a fraxilidade da memoria colectiva. Unha maneira de pensar o pasado, facelo presente e redimensionalo para o futuro. Unha acción de arquivo aberta e participativa onde se procura a posta en valor dun material audiovisual desprazado que incrementa, de maneira definitiva, o sentimento de identidade e pertenza a unha comunidade.

Actualmente, co apoio do IES da Sangriña, o Proxecto Socheo está a potenciar o carácter pedagóxico do uso das imaxes. Unha relación que se pretende que continúe no presente curso coa axuda da comunidade educativa e dos veciños da Guarda e do Baixo Miño. O galardón conta cunha asignación económica que axudará ao desenvolvemento do proxecto e máis o seu traballo no centro de ensino desenvolvendo seccións como Barriotekas, Proas ou Videoariños.

Por outra parte os responsables do Proxecto Socheo botan de menos unha maior implicación por parte das administracións ou de patrocinio de empresas xa que consideran de que esta iniciativa “é un extraordinario escaparate para a difusión da imaxe da Guarda, o Baixo Miño e Galicia”.

Novas liñas de traballo

Ademais do esforzo realizado co IES A Sangriña, entre as últimas liñas de traballo do Proxecto Socheo está peneirar o NO-DO na procura de filmacións na Guarda e na bisbarra. Así, como curiosidade, deuse conta dunha visita de Francisco Franco ao Monte Trega no ano 1951. Outra das seccións que se está a desenvolver é a de Guardeses polo Mundo, a compilación de arquivos audiovisuais enviados por guardeses e miñotos residentes ou emigrantes en distintos países.

O Proxecto Socheo foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico… entre outros.

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que dende o 2011 quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 53.000 visitas. Pódense visionar máis de 150 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

premio-proxecto-socheo

 

Advertisements