Arquivo da categoría: Proxecto Socheo

Jeanette se presentará no S8, na Mostra de Cinema Periférico da Coruña

Jeanette-cartaz1

A curtametraxe Jeanette, dirixida por Xurxo Chirro e realizada cos rapaces de Socheo Educativo do IES A Sangriña participará no S8, na VII Mostra de Cinema Periférico da Coruña. Despois de gañar o Premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cine Independiente de Cosquín poderase ver por primeira vez en Galicia.

O S8 é un evento cinematográfico que terá lugar na Coruña entre os días 1 e 5 de xuño de 2016. Esta mostra destaca pola súa programación arriscada poñendo o ollo na produción que agroma aos marxes e con grande risco creativo.

Hai que lembrar que Jeanette se fixo ao abeiro de Socheo Educativo, un proxecto de alfabetización audiovisual que se levou a cabo no instuto IES A Sangriña da Guarda. A curtametraxe intenta ser un retrato da adolescencia por medio dunha posta en escena moi singular e certamente opresiva e incisiva.

Advertisement

Proxecto Socheo investigado pola Universidad de Valladolid

Janire Roces, alumna do Master de Economía de la Cultura y Gestión Cultural da Universidade de Valladolid, púxose en contacto con Proxecto Socheo para comunicarlle o seu desexo de facer unha investigación sobre os arquivos audiovisuais que se ergueron en distintas poboacións.
Con esta premisa a investigadora considera a Proxecto Socheo como unha iniciativa modelo para artellar unha ferramenta de arquivo en contacto coa comunidade na que está emprazada. Roces o ten claro, vai abrir o abano a outras iniciativas, mais quere afondar no esquema e na metodoloxía de traballo de Proxecto Socheo. Este proceso sábese que ten éxito non polos documentos atopados senón no seu grao de permeabilidade coa sociedade.
Ao longo da traxectoria de Proxecto Socheo leva despertando o interese do mundo académico participando en aulas, publicacións, mesas e congresos. Isto non fai outra cousa que constatar e abalar a metodoloxía científica coa que se rexe o seu traballo de arquivo.

Jeanette gaña o premio á mellor curtametraxe no FICIC 2016

Jeanette-cartaz1

A curtametraxe Jeanette, dirixida por Xurxo Chirro en colaboración cos alumnos do IES da Sangriña da Guarda, acaba de gañar o premio á mellor curtametraxe na competencia internacional do Festival Internacional de Cine Independente de Cosquín, Córdoba, Arxentina.

Esta curtametraxe é a culminación dunha serie de actividades formativas que levou a cabo Proxecto Socheo no IES A Sangriña da Guarda durante o curso 2014-2015. Este programa de formación audiovisual denominouse Socheo Educativo e foi premiado polo Ministerio de Cultura de Espña polo seu decidido labor de alfabetización audiovisual.

Xurxo Chirro comenta que “está moi contento polo recoñecemento mais o interesante foi a propia realización da curtametraxe xa que contei coa axuda duns rapaces cun inusitado interese e un desbordante entusiasmo por implicarse no proxecto. Parabens para todos eles!”.

Mentres, Beli Martínez, produtora de Proxecto Socheo di con pragmatismo “que bota de menos unha maior implicación e apoio das institucións por que se comproba que co noso método de ensinanza se pode alcanzar con facilidade froitos, que non son outros que xerar unha gran ilusión nos rapaces para comprender e expresarse dunha maneira axeitada e creativa coas ferramentas audiovisuais”.

Proxecto Socheo presentarase no Consello da Cultura Galega

consello cultura galega

Beli Martínez, produtora de Proxecto Socheo, será quen presente Proxecto Socheo no Consello da Cultura Galega. Este acto está englobado dentro das Xornadas Patrimonio e Comunicación. Novos paradigmas que se celebrarán o 28 e 29 de abril.
Proxecto Socheo será unha das iniciativas a analizar e estudiar na mesa 4 dedicada as Perspectivas tecnolóxicas aplicadas ao patrimonio. En concreto a presentación será o día 29 de abril de 10 a 11h30.
Desde Proxecto Socheo estamos moi contentos pola receptividade e a alta valoración do noso traballo que atopamos alén da Guarda.

 

QUE É PROXECTO SOCHEO?

Os amigos do Consello da Cultura Galega fixéronnos a honra de entrevistarnos, ir á Guarda e preparar esta peza sobre o Proxecto Socheo, dentro d´A lembranza do ollar. Como non, tamén temos que dar as grazas a José Antonio Uris Guisantes, colaborador destacado desta iniciativa.

Nace a Red de Cine Doméstico

audiovisual-red-cine-domestico

Nace a Red de Cine Doméstico

  • Distintas iniciativas chegadas de nove comunidades autónomas crean esta rede tras unha xuntanza en Cáceres
  • Proxecto Socheo é o representante galego nesta rede

Nove iniciativas de toda España acordaron a constitución dunha rede dedicada á recuperación, conservación e difusión do cinema doméstico nos seus diferentes soportes. É a Red de Cine Doméstica.

A proposta naceu en Cáceres e xurdiu do III Encuentro para la Creación de un Archivo de Cine Doméstico organizado pola Filmoteca de Extremadura os días 15 e 16 de maio.

Os seus integrantes, entre os que se atopa o Proxecto Socheo, propoñen a posta en valor mediante diferentes accións, tendo en conta que a devandita forma audiovisual foi inxustamente relegada e considerando a súa vixencia actual.

O encontro coincidiu co sesenta aniversario das denominadas “Conversaciones de Salamanca”, onde se debateu pola situación do cinema español, e agárdase que, á súa vez, estas sexan un punto de inflexión na atención que se lle ven dedicando ao cinema doméstico.

Nesta xuntanzas participaron MiniChaplin (Andalucía), Filmoteca Canaria (Canarias), CFIHGU-Guadalajara (Castilla-La Mancha), Hogar de Miradas Domésticas-Filmoteca de Castilla y León, Home Movie Day Salamanca (Castilla y León), Cinema Rescat, Unitat de Investigació del Cinema (Cataluña), La Mirada de los Extremeños-Filmoteca de Extremadura, Proxecto Socheo (Galicia), Memorias Celuloides (Murcia) e o Home Movie Day Victoria (País Vasco).

O Proxecto Socheo, creado na Guarda no 2011 traballa para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño, como parte do patrimonio e da memoria colectiva local e proxectalo, sen restricións, ao mundo.

A web onde se pode seguir os proxectos desta rede é: www.redcinedomestico.com

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

2015-05-21-NP-Cine-Domestico

PROXECTO SOCHEO NO III ENCUENTRO PARA LA CREACIÓN DE UN ARCHIVO DE CINE DOMÉSTICO

Proxecto Socheo estará presente no III Encuentro para la creación de un archivo de cine doméstico que organiza a Filmoteca de Extremadura e que se vai a celebrar en Cáceres do 15 ao 16 de maio.

Neste evento, a parte de Proxecto Socheo, participan persoas e entidades que traballan na visibilización do cinema doméstico en España: Memorias Celuloides de Murcia, Home Movie Day Victoria, (S8) Muestra Internacional de Cine Periférico da Coruña, Home Movie Day de Salamanca, Cinema Rescat de Barcelona, Hogar de Miradas Domésticas de Salamanca, Minichaplin de Málaga, Filmoteca Canaria, Unitat d´Investigació del Cinema de Reus, La Mirada de los extremeños y investigadores do cinema non profesional e da antropoloxía audiovisual como José Antonio Ruíz e Ana Duque.

O texto de introdución ao evento é o seguinte:

“En este 3r Encuentro para la Creación de un Archivo Común de Cine Doméstico se pretende, más allá de compartir experiencias en la recuperación, conservación y difusión de este tipo de películas, consensuar una serie de propuestas para crear finalmente dicho archivo y lanzarlo online, aprovechando inicialmente las plataformas y los recursos gratuitos existentes en la red.

Es por ello que durante las jornadas de trabajo la intención principal será esa, la de centrar el esfuerzo en establecer las líneas de colaboración que nos permitan encontrar la mejor manera de agrupar los proyectos, manteniendo en todo momento su autonomía y respetando las diferencias metodológicas entre ellos.

Creemos que esa concentración permitirá que nuestros proyectos crezcan individual y colectivamente, adquiriendo mayor fuerza a la hora de trasladar a la ciudadanía y a las instituciones la importancia de rescatar y mostrar este tipo de filmaciones que resultan siempre tan cercanas.

Si logramos fijar una fecha de lanzamiento en beta del Archivo Común de Cine Doméstico, el encuentro habrá sido todo un éxito. Esa es la intención y seguro que podemos lograrlo”.

O PROXECTO SOCHEO RECUPERA FILMES DA GUARDA DOS ANOS 30

 

proxecto-socheo-a-guarda-joaquin-garcia

Os filmes foron feitos por Joaquín García Portela, alcumado “Costiña”

As imaxes recollen escenas familiares e escenas costumistas onde se reflicte a vida da Guarda durante os anos da República

Proxecto Socheo fai unha convocatoria para sufragar a dixitalización dos filmes

O Proxecto Socheo vén de sacar á luz un grande tesouro audiovisual, uns filmes que recollen imaxes da Guarda na década do 1930.

Os filmes foron realizados por Joaquín García Portela “Costiña”, un afamado fotógrafo da Guarda que desenvolveu a súa actividade na primeira metade do século XX. O pasado nadal, cando as súas netas Joaquina e Celia Martínez estaban a limpar o faiado, apareceu unha caixa con 8 rolos de películas no formato 9,5 mm da Casa Pathé.

Tras un estudio previo por parte de Proxecto Socheo sábese que a metade son filmes comerciais (noticiarios, comedias e relixiosos) e os outros rolos son filmes familiares con moitas filmacións que reflicten a vida da Guarda durante os anos da Segunda República.

Autor

Joaquín García Portela (A Guarda, 18 de febreiro de 1894 –  14 de xullo de 1957). Entrou no mundo da fotografía de man do estudo fotográfico guardés Casa Táboas. Emigrou a Arxentina onde perfeccionou a súa técnica fotográfica. A mediados da década dos vinte regresou á Guarda e combinou o seu traballo de fotógrafo co de técnico de radio, chófer e proxeccionista de cinema. Nun principio el e a súa familia moraban nunha casa no barrio de Laxe Grande, mais a comezos da década dos corenta instalou o seu estudio na Rúa Concepción Arenal. O seu traballo fotográfico e a súa bonhomía aínda están moi presentes nas lembranzas dos veciños da Guarda.

Características dos filmes

 Os rolos dos filmes son de 9,5 mm, un formato singular comercializado pola Casa Pathé de Francia en 1925. A finais da década dos 20 varios fotógrafos galegos adquiriron o proxector para facer sesións de cinema comerciais ou privadas. Joaquín García Portela mercou o proxector e unha cámara co que fixo filmes familiares durante os primeiros anos da década dos 30.

Tralos primeiros visionados hai unha serie de elementos que permiten aventurarse na datación. Sábese, pola presenza das fillas do fotógrafo, que son filmes feitos en varios anos xa que as dúas nenas medran ao longo dos filmes. Tamén aparecen unhas obras no porto que por medio de fotografías datadas permiten gravitar os filmes arredor do ano 1934. Tras ter en conta estas variables e ata que parezan sinais máis concretas pódese dicir que estes filmes foron feitos no abano temporal que vai entre 1931-1935. Un período importantísimo onde se sabe que A Guarda recibiu a visita de etnógrafos, fotógrafos e cineastas como Xaquín Lorenzo “Xocas”, José Suárez e Carlos Velo. Unhas miradas científicas e artísticas interesadas na singularidade cultural da Guarda, especialmente da súa comunidade mariñeira.

Malia que a maioría da metraxe son escenas familiares estes filmes teñen un amplo valor documental xa que todas xuntas conforman o mellor xeito de coñecer A Guarda durante o período da República. Nun primeiro inventario damos conta de variadas secuencias costumistas relacionadas co mundo do mar: mariñeiros, actividade no porto, vida na Ribeira, recollida de argazo, redeiras, embarcacións, arranxando gamelas, temporais… Mais tamén atopamos rexistros de celebracións guardesas como a fogueira de San Xoán no muíño de Mazaracos, Misa e procesión da Festa da Guía, Festa do Monte ou a Romaría de Santa Trega. E tamén aparecen secuencias do mundo rural da zona de Salcidos e o Castro: recollida de patacas, cría de animais, escenas campestres… A parte de imaxes da Guarda tamén hai imaxes do Berbés, en Vigo.

Xestións para a dixitalización as imaxes

 Proxecto Socheo púxose en contacto co CGAI para estudiar unha posible dixitalización. Mais a singularidade do soporte cinematográfico (9,5 mm) fai imposible a súa dixitalización en Galicia. Pediuse un orzamento a un laboratorio de Madrid que resulta inasumible para a filmoteca galega.

Proxecto Socheo fai un chamamento ás institución locais ou entidades privadas para poder cubrir os gastos. Segundo Xurxo González, director de Proxecto Socheo, “sería unha mágoa que o Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra, Confraría, ORPAGU ou comisións de festas non fixeran nada para poñer en valor este patrimonio cinematográfico que di moitísimo do noso pasado”.

Sobre o Proxecto Socheo

O Proxecto Socheo comezou a súa andaina no 2011, dende entón recibiu galardóns como o o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto o IES A Sangriña, ou o segundo premio do Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural; tamén foi protagonista de sesións e atención en lugares e institucións como o Festival Cineuropa de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Carballo Interplay, Cineclub de Caminha, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona, Cine Club de Pontevedra, II Encontro para a creación común de cinema doméstico,… entre outros.

 

Dende o Proxecto Socheo solicítase a colaboración de todo aquel que teña gardadas gravacións que, como no caso de Joaquina e Celia Martínez, poden resultar de gran valor para o patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

 A maior parte deste traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 67.000 visitas. Pódense visionar máis de 300 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

 

Convidados por Carballo Interplay

Os amigos do Carballo Interplay confiaron en nós e convidaron a Beli Martínez a impartir un obradoiro sobre recuperación do patrimonio audiovisual

Os froitos dese obradoiro de patrimonio audiovisual das terras de Bergantiños xa se verán no vindeiro abril.

. É a primeira vez  que a nosa experiencia inspira unha iniciativa análoga fóra do Baixo Miño e sentímonos agradecidos e orgullos….

 

carballointerplay.com

 

 

O Proxecto Socheo súmase á Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento

proxecto-socheo-a-guarda

No Proxecto Socheo sempre estamos dispostos á colaboración con outros colectivos ou organismos e estamos ledos ao anunciar que nos sumamos á REAL_CODE Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento.

No portal cidadanía e comunicación anunciaban así a nova…

Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento continúa a establecer lazos de colaboración con entidades do tecido asociativo galego, especialmente con aquelas que tratan de empregar as ferramentas comunicativas para a transformación social. Esta mañá Marcelo Martínez , coordenador da Rede, asinaba con Beli Martínez, secretaria da Asociación Cultural Socheo, o documento polo que se formaliza a integración deste colectivo.

Proxecto Socheo, creado na Guarda por un grupo de persoas vencelladas ao movemento veciñal e ao audiovisual, traballa para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño, como parte do patrimonio e da memoria colectiva local. Froito da súa colaboración co IES A Sangriña, veñen de ser merecedores do Premio ao mellor proxecto de Alfabetización Audiovisual concedido polo ICAA e 2014.