Arquivo da categoría: muros

OS MUROS DAS LEIRAS NA GUARDA

A Guarda ten un patrimonio cultural ao que nunca lle prestou atención e que se atopa diante dos nosos ollos. Desde sempre ficou esquecido de calquera tipo de consideración e xa non digamos de calquera proposta de conservación, estamos a falar dos muros das leiras na Guarda. O 31 de agosto de 2016 saíu publicado no Diario Oficial de Galicia unha resolución onde a Dirección Xeral de Patrimonio inclúe no Censo de Patrimonio Cultural a técnica tradicional da construción da pedra como manifestación do patrimonio cultural inmaterial. Neste punto hai que aclarar que a intención desta iniciativa non está en protexer os valados tradicionais que podan ter as case 14 millóns de propiedades que hai en Galicia senón todos os saberes e prácticas que carrexou esta disciplina ancestral.

Se paseamos pola Guarda e o facemos con atención podemos ver como o territorio esta fragmentado nun mosaico enorme de propiedades e na súa maioría están delimitados por aliñamentos de pedras, formando muros. Obviamente cada peche foi feito por persoas e en tempos diferentes mais podemos darlle un carácter de conxunto que nos leva a disparar as apreciacións. Así, dunha maneira sucinta, podemos dicir que a suma de todas estas construcións podemos definilas como unha das maiores construcións humanas feitas na Guarda.

20170819_162026

Actualmente este conxunto patrimonial sufriu unha grande recesión, moitas destas fincas foron empregadas para a construción de vivendas e outras foron abandonadas dos seus usos agrícolas. Malia esta minoración podemos establecer cales foron as súas dimensións reais. Poñamos como exemplo unicamente a fachada atlántica que vai desde A Guarda até a desembocadura do Miño. Son 3 km onde hai unha media de 8 niveis de fincas contrarrestando o desnivel e iso nos leva a unha cifra de 24 km de muro. Mais esta cifra aumenta considerablemente  se consideramos os muros que existen dentro do centro urbano da Guarda, na zona das Loucenzas, no Castro ou na zona de Camposancos.

20170819_171150

Estes muros destacan sobre todo en zonas onde é máis acusada a pendente. Teñen como función formar socalcos nas abas do monte Trega e do Terroso. A idea é conter o terreo e formar terrazas para empregalas para a agricultura, unha sorte de bancais con semellanzas ás que existen na Ribeira Sacra. Existen dous tipos de muro; uns paralelos a ladeira da montaña e outros muros perpendiculares que separan as distintas propiedades. Os muros de contención son os máis consistentes xa que teñen como función evitar a erosión da auga da choiva. Estes muros funcionan como contedores de terra fértil, de terra negra, do que se chama humus.

20170819_172234

A técnica empregada é a de cantería e a labra de pedra, uns coñecementos tradicionais conformados ao longo da historia baseados no emprego da pedra para que o ser humano se adaptase ás condicións do hábitat. A práctica da construción da pedra en seco parte dun coñecemento do material, do desenvolvemento de procesos de escolma e transporte e da habilidade de construír estruturas estables que poden posuír características propias e recoñecibles tanto no tectónico como no creativo.

cercas de piedra

Non podemos dicir que nos muros da Guarda haxa un estilo propio na construción destes valados. Como xa quedou referido existe moita heteroxeneidade e como moito poden quedar englobados dentro de subgrupos galegos máis amplos onde existe unha maior correlación de fórmulas de traballo da pedra máis adaptadas á conformación de certo paisaxe. Tipoloxías clasificadas pola Escola Galega da Paisaxe nun estudio exhaustivo para a Consellería de Medioambiente (ver gráfico). Pero o que podemos ver no patrimonio acoutado na Guarda é como desde tempos inmemoriais hai unha necesidade de dominar a pedra. Isto determina que haxa momentos determinantes na historia onde esta relación sexa máis intensa, non obstante, lonxe de que centrar a atención nestes momentos álxidos o noso interese céntrase en como esta actividade enxergou no facer do cotiá pasando a engrosar o estadio da tradición.

Se buscamos as orixes podemos establecer unha xenealoxía interesante que se remonta aos usos líticos da prehistoria, á mampostería castrexa, aos perfeccionamentos romanos, as prácticas dos obradoiros medievais, á funcionalidade moderna e ao emprego de novos materiais nunha época máis contemporánea. Mais a pedra é o centro de todo e non se entendería o seu emprego sen ter próximos puntos de extracción. O chan granítico e o que máis abunda na Guarda sobre todo na súa vertente occidental, a que constitúe a fachada atlántica. Ao longo desa zona existen puntos onde se puideron sacar pedras: amoreamentos naturais de pedras, pedras da costa, marcas de guillos en laxes e, xa en tempos máis recentes, canteiras. Tampouco podemos esquecer que existiu ao longo dos tempos un constante reemprego das pedras dos castros e tamén non se pode dubidar de que se trouxera pedras doutras zonas próximas.

20170819_165935

Este último dato pode levarnos a pensar que ciclicamente chegaban A Guarda grupos de canteiros a desempeñar eses traballos. Estas mans serían quen farían os despeces e as labras máis senlleiras que podemos atopar nos muros de vivendas e valados da Guarda. Un perfeccionamento que se pode ver no desempenar das caras, no encaixe do escuadrar, nas formas do desbastar, nos restos de apicoar e no pulir da labra. Deses recursos e dos modelos profesionais habería unhas reinterpretacións menos refinadas que as farían os albaneis ou mesmo os propietarios máis avezados.

Tamén hai que dicir que esta práctica alcanzou o seu esplendor nas décadas posteriores a Guerra Civil cando a carestía e as fames facían que todos os campos estivesen cultivados. Nesa altura é cando a pedra comézase a mesturar con outros materiais como ladrillos, arames, argamasa, cemento, madeira, bobidillas, formigón… Mais o progreso e o desenvolvemento económico fixo que pouco a pouco as leiras foran quedando a monte, abandonadas, ficando os muros agochados entre a maleza.

20170819_161450

Dicir que normalmente as superficies das leiras que caracterizan a fachada atlántica da Guarda son dun tamaño mais ben pequeno. Un tamaño reducido que ven dado pola acusada pendente, pola proximidade das zonas de vivendas e polo división das herdanzas. Normalmente a forma destes campos son rectangulares onde destacan muros rectos aínda que tamén hai exemplos de muros curvados adaptados á orografía ou pola existencia dalgún obstáculo. Os muros paralelos teñen maior tectonismo chegando a ter nalgúns casos máis de 3 metros. Nestes casos os muros caracterízanse por ter pedras de maior tamaño na parte baixa. Mentres os muros perpendiculares ou de separación están formado por pedreiras e chantos. A altura destes muros é máis escasa, oscilando a altura de menos de 1 metro e a súa utilidade é de separación, buscar algo de privacidade e de resgardo do vento.

20170819_172313

A complexidade dos muros ven dado pola súa altura, pola súa anchura ou pola súa adaptación do terreo absorbendo pedras naturais ou laxes. Mais ao longo do tempo se lle foron engadindo elementos adxectivos: como marcos, picoutas, bancos, chanzos, escadas, canais de auga, sumidoiros, portas, pequenos alpendres, pozos, fosas… A isto hai que sumar o trazado viario. Camiños e sendas que normalmente teñen unha disposición perpendicular ao térreno e facilitan o acceso a zonas illadas. Estes vieiros reciben o nome da toponimia da zona: Marouco, Cuchiño, Carril, Cal, Punta da Cruzada, Santa Catalina, Bouza Grande, Fontequente… Algúns destes camiños tiñan zonas de empedrado ou escadas para facilitar o seu tránsito. Tamén hai que ter en conta os pasos de servidume, camiños paralelos, aos pes dos muros que permitían aos distintos propietarios acceder as súas leiras. Estes pasos estreitos, de funcións similares aos arrós, normalmente estaban sinalizados por aliñamento de pedras ou delimitados por algún cultivo especial como podían ser as verzas. Por ultimo dicir que os camiños paralelos máis importantes foron finalmente urbanizados por rúas ou estradas xa que negociaban mellor o salvar a pendente do terreno.

20170819_170415

Unha lei de veciñanza que tamén comporta outras correspondencias como cando se producía un derrube pola choiva, o que se chama barroucas. Neste caso é obriga do propietario da leira de arriba a reconstrución do seu muro. Esta acción destrutiva da natureza prodúcese cando non hai un coidado dos muros e as raíces da vexetación moven as pedras e favorece ao desaugue descontrolado da auga. Ultimamente estas reparacións fanse con pranchas de pedra traídas de fóra. Este método cubre máis superficie de muro e resulta mais fácil o traballo mais supón unha gran alteración das prácticas tradicionais da zona. Non obstante estes cambios na técnica de construción dos muros da leiras da Guarda hai que pensalos non como unha perturbación senón como o último chanzo na tradición que desde os seus orixes busca a maneira máis funcional de modificar a paisaxe para beneficiar os seus intereses.

Por último dicir que na execución desta práctica está afianzada polo transcorrer do tempo. Nesa longa marcha de transformación do terreo as terrazas puideron sedimentar moitos vestixios: xacementos prehistóricos, túmulos, petróglifos, castros, salinas, salazóns, tumbas, capelas, minas, inscricións, marcas, agochos…

20170819_172425

Agora so queda inverter a tendencia: pararse no camiño, ver o que nos rodea, evitar o esquecemento, fixarse neste patrimonio soterrado en silencio e deixar á luz as moitas sorpresas que pode deparar. Algunhas autoridades xa están tomando cartas no asunto, agora so falta que as autoridades locais fagan o propio e realicen un inventario e un estudio sobre este patrimonio para conservar o existente e para poñelo en valor. A estas alturas xa podemos dicir que temos un elemento máis a considerar no patrimonio da Guarda.

Xurxo González

Advertisements