Arquivo da categoría: Fuscalho

LECTURA CRONOLÓXICA DAS IMAXES DO TREGA EN PROXECTO SOCHEO

Presentamos un novo caso práctico de como proceder á lectura das imaxes de Proxecto Socheo,  desta vez enfiando o discurso con imaxes de distintos anos do monte Trega. Neste video se poden ver as diferencias e similitudes á hora de abordar co cinema o territorio.

Traballo realizado para a presentación do Proxecto Socheo no CS Fuscalho.

“O Trega e o cinema”, nova visita do Proxecto Socheo ao Fuscalho

O sábado, 25 de xaneiro de 2014, os amigos do CS Fuscalho volven convidarnos as súas instalacións fronte a Atalia da Guarda. Ás 20:00 horas haberá un coloquio con proxeccións arredor da relación do Monte Trega e o cinema. Grazas ao Fuscalho e noraboa polo seu traballo!

coloquio o trega e o cinema

E, de anticipo, unha curiosa galería con imaxes de Franco visitando o Monte Trega…

O PROXECTO SOCHEO PRESÉNTASE E AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NO CS O FUSCALHO DA GUARDA

Proxecto Socheo Imaxe histórica 2

A sesión terá lugar este sábado 15 de decembro, ás 20:00 horas no Centro Social Fuscalho, Rúa Colón 2 A Guarda

O Proxecto Socheo é un esforzo conxunto que quere sacar á luz o patrimonio audiovisual da Guarda e do Baixo Miño coa colaboración de todo aquel que garde imaxes

O próximo sábado, o Centro Social Fuscalho da Guarda, acolle unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de dous dos seus promotores: Beli Martínez e Xurxo González. A cita é ás 20:00 horas, no local da Rúa Colón 2, ben preto da Praza do Reló.

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública dos seus pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual local; recoñecida coa presenza na programación do Festival Cineuropa 2012 de Santiago ou na exposición Plan de Rescate na Coruña, entre outros.

O Centro Social Fuscalho da Guarda, dende o seu nacemento  en xuño deste ano, está a desenvolver un notable esforzo sociocultural na vila.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 11.000 visitas. Pódense visionar máis de cincuenta películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.