Arquivo da categoría: escoitar

MANUEL GONZÁLEZ “MANEQUIS-BULINA”

Unha nova entrevista que forma parte do proxecto Memoria Acústica Europea realizado en Galicia por Escoitar.org. Esta gravación feita no verán do 2012 na Guarda contou co apoio de Proxecto Socheo.

Advertisements

ANTONIO MARTÍNEZ MARTÍNEZ “MORRUDO”

Entrevista que forma parte do proxecto Memoria Acústica Europea realizado en Galicia por Escoitar.org. Esta gravación feita no verán do 2012 na Guarda contou co apoio de Proxecto Socheo.

O PROXECTO SOCHEO COLABOROU CON ESCOITAR.ORG NO PROXECTO MEMORIA ACÚSTICA EUROPEA

  • Un grupo de Escoitar.org fixo recollidas orais na Guarda sobre como inciden os sons na xente que vive a carón do mar
  • “Memoria acústica europea” quere pór en valor a paisaxe sonora como patrimonio cultural inmaterial, ao tempo que se afonda na súa contribución á diversidade cultural

O pasado verán un grupo de compoñentes de Escoitar.org trasladouse á Guarda para facer recollidas orais sobre a incidencia do son nos habitantes que viven ao carón do mar. Nestas xornadas de gravación, o Proxecto Socheo colaborou a nivel de produción.

No canle de Youtube do Proxecto Socheo poderase acceder a algúns deses materiais, como a entrevista a Emilio González “O Muchila”, xa dispoñible por xentileza de Escoitar.org

“Memoria acústica europea” ten como obxectivo de poñer en valor a paisaxe sonora como patrimonio cultural inmaterial, ao tempo que se afonda na súa contribución á diversidade cultural europea.

Enmarcado no Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea, trátase dunha iniciativa a tres anos na que tamén participa a AGADIC, así como outras tres entidades socias doutros tantos países: o centro para a investigación acústica Cresson de Francia, a Academia Austríaca das Ciencias e a Universidade de Tampere en Finlandia.

‘Memoria acústica europea’ conta con grupos de estudo e traballo en cada un dos países participantes integrados por especialistas en paisaxe sonora, entendida esta como o conxunto de sons que forman parte do imaxinario colectivo e definen a personalidade dun lugar ou contorna concreta.

Na primeira fase da iniciativa, os diferentes grupos encargáronse da gravación dos sons representativos da cidade e do ámbito doméstico co obxectivo de analizaren os signos distintivos da paisaxe sonora contemporánea e histórica de cada unha das áreas xeográficas definidas.

Ademais de rexistrar e sinalar aqueles sons actuais que estean en risco inminente de desaparición ou absorción, realizarase un amplo rexistro sonoro por categorías (sons naturais, oficios tradicionais, mecánicos, industriais, sinais acústicos, interacción social, silencios, eventos sonoros e outros) a partires do que se buscará identificar e definir a “memoria acústica europea”.

Os resultados deste labor de recollida, estudo e análise desenvolvido por cada un dos cinco grupos –que nunha segunda fase traballarán conxuntamente como parte dun único grupo europeo– serán compartidos coa sociedade a través de diferentes canles de difusión. Neste sentido, buscarase a implicación de diferentes museos dos catro países participantes no deseño dunha exposición audiovisual itinerante arredor da memoria acústica europea e dos seus signos distintivos. Esta mostra acompañarase da celebración de conferencias e seminarios arredor deste mesmo concepto, así como da publicación dun libro multimedia que será distribuído en bibliotecas e centros de ensinanza destes países.

Parte do material gravado na Guarda xa se puido ver en exposición en Tampere e Grenoble. Actualmente estase a preparar a exposición en Galicia e, para apoiar este evento, Escoitar.org colabora con Proxecto Socheo cedéndolle os brutos das entrevistas para a súa difusión.

O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. O apoio institucional é, polo momento, inexistente. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 17.000 visitas. Pódense visionar máis de noventa películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

http://www.escoitar.org

http://europeanacousticheritage.eu