Arquivo da categoría: Cuba

Teresa Mlawer: unha camposina no cumio do mundo editorial

teresa Mlawer

Hai que recoñecelo, desde o principio moi pouca xente na Guarda, nós entre eles, escoitara falar de Teresa Mlawer. A súa morte, fai unhas semanas, levou a que se publicaran varias semblanzas da súa figura en varios xornais galegos. Entre os seus incribles datos biográficos sinalaban o seu lugar de nacemento: A Guarda. Este feito provocou moita curiosidade e intentouse investigar algo desta, para nós -os seus veciños-, enigmática muller. Porén, seu apelido non axudaba: Mlawer… Un apelido estraño para estas latitudes e que tiña unha reminiscencias xudías e polacas. 

Uns días máis tarde un coñecido editor galego, Xosé Ballesteros, fixo unha semblanza da súa figura na Voz de Galicia e especificou máis aínda a súa procedencia: Camposancos. Este foi un dato moi importante xa que permitía acoutar a procura. Nese último escrito contaba unha anécdota persoal de que cando era pequena montou no burro da súa tía Isabel. Malia a situación de alarma polo coronavirus o poder de pesquisa polas redes sociais púxose de novo en evidencia e foi así, como pouco a pouco, coa axuda de moitos veciños, foise tecendo a biografía que quedaba oculta de Teresa Mlawer.

O apelido orixinal de Teresa foi Rodríguez. O seu pai chamábase José, unha familia con sete irmáns, tres homes e catro mulleres. El era o menor dos homes. O seus irmáns maiores, Agustín e Benito, marcharon emigrados a Cuba. José imitounos con 14 anos e púxose a traballar nas empresas dos seus irmáns. Mentres, en Camposancos ficaron as súas irmáns Adoración, Avelina, María e Isabel. Esta última foi a propietaria do burro Domingo, protagonista da anécdota da nenez á que sempre se refería Teresa. A casa familiar aínda está en pé, preto das Casa das Torres, uns cen metros polo camiño do Lugar Salgueiro.

José Rodríguez casou cunha cubana chamada Francisca Mistral. Teresa naceu o 24 de xuño de 1944. Mais o lugar do seu nacemento todo nos apunta á Habana. Neste punto é onde xurde algo de controversia en como no primeiro artigo no xornal Nós apuntaban o seu nacemento na Guarda e como as biografías oficiais sinalan á capital de Cuba. O cura e os veciños de Camposacos corroboran esta última opción.

Teresa tivo unha irmán maior chamada Inés. Malia nacer en La Habana hai que dicir de que, cando tiña 3 anos, cruzou o Atlántico e veo a Galicia a ver a familia paterna e ficou en Camposancos case 9 meses. É nese momento cando se fixan as lembranzas da Teresa “galega” e os recordos co burro Domingo. Volvería unhas cantas veces máis a Camposancos o que lle axudaría a consolidar as súas lembranzas. De adolescente volvería outra vez.

teresa casa 2

Casa familiar de Teresa Mlawer en Camposancos.

 

Coa chegada da Revolución Teresa deixou Cuba no ano 1961, tras un paso por España emigrou aos EE. UU., concretamente a Nova York. Casouse en 1964 co cubano René Gayol e tivo una filla que se chamou Vivian. O matrimonio non durou moito, separáronse unha década despois, no ano 1974. Comezou a súa andaina no mundo editorial como tradutora de libros. En 1976 casou en segundas nupcias con William Mlawer do que colleu o seu apelido. Entre os dous fundaron a librería Lectorum, especializada en libros infantís para nenos. A súa figura tivo moito predicamento e consolidouse como unha das persoas de referencia na literatura infantil. A súa gran aportación fo introducir a literatura traducida a español no mercado norteamericano onde hai unha gran presenza latina. A crise do libro de papel fixo reconducir a súa carreira cara a distribución de libros mais aínda así, esta reformulación acrecentou o prestixio internacional de Teresa.

A última vez ue visitou Camposancos foi no ano 1996. Segundo din algunhas fontes Teresa Mlawer volveu de maior a Camposancos, para ver como cambiara a terra onde nacera o seu pai. En Camposancos estaba a súa familia e tamén parte das súas primeiras lembranzas. Non se saberá a estima que lle tiña a Galicia mais os que a coñeceron din que sempre que podía presumía de galega.

A NY Public Library, unha das bibliotecas máis importantes do mundo, fíxose eco do seu pasamento, podedes leela nova premendo aquí.