Arquivo da categoría: Barrioteka

BARRIOTEKA | A CRUZADA #4

Seguimos coa Barrioteka da Cruzada. Desta vez visitamos o calexón dos Teares, do Músico e os Alcielo.

Advertisements

QUE É A VIDEOCARTOGRAFÍA?

videocartografíaA videocartografía é a técnica de trazar mapas de xeografías empregando o vídeo. A igual que en calquera mapa se pode facer aproximación tendo en conta a escala, mais para abranguer territorios máis amplos é preciso botar man dunha rede de vídeos que conformen un conxunto ordenado por algún tipo de criterio ou plataforma de visionado. Cada vídeo é unha representación selectiva dunha realidade mais non esquemática nin simbólica como acontece cos mapas tradicionais. Tampouco están resoltos na dimensión dun só plano senón que adquiren as virtudes da natureza propia das imaxes audiovisuais. Mais cando a videocartografía está ben feita e atopa un “viaxeiro” activo é capaz de proxectarse alén do encadre e, incluso, do tempo.

A imaxe do vídeo permite unha descrición fidedigna da realidade e debe complementarse con distintas bandas de son que enfíen un discurso. A estes elementos tamén se lle pode sumar elementos gráficos de posprodución ou hipervínculos para buscar máis información na rede. Esta predisposición non é nova por que existen ferramentas de xeo-representación en Google (Maps, Earth, Street), aplicacións en telefonía mobil, servidores de vídeos (Youtube) ou expresividade dos web-docs. Obviamente vivimos un contexto tecnolóxico que propicia este tipo abordaxes da realidade, mais todo esta parcelado, sobredimensionado e confuso, síntomas da inercia do progreso tecnolóxico. Hai que procurar unha recapitulación e facer unha taxonomía do inherente.

O mesmo termo videocartografía xa se bosquexou dunha maneira feble en artes como na creación arquitectónica ou na danza. Existe tamén o que se dá en chamar videomapping arquitectónico: proxectar vídeos en fachadas, espazos ou territorios. A videocartografía sería a súa inversión: “mapear” o territorio en vídeos. Mais estes precedentes convén redefinilos para auspiciar un novo alumear. Con esta reflexión preténdese facer un re-enfoque, rozar o campo e que fiquen á luz as posibilidades que se poden conseguir coa videocartografía.

A videocartografía posúe unha natureza interdisciplinar, pode ser unha ferramenta útil para distintas ciencias xa que permite unha análise do territorio segundo a óptica máis acaída. Igual que a variedade dos mapas existe variedade da videocartografía dependendo da temática que interese. Obviamente as ciencias sociais son as mais receptivas a este tipo de estudios e así poderían ser de grande axuda para disciplinas como a historia, historia da arte, xeografía, etnografía, economía… Mais hai quen pensa que para iso xa están os documentais de difusión cultural ao uso e que xa non hai moito máis que dicir. Non obstante hai que dar un xiro de torca e ver como se artella unha videocartografía desde a sinxeleza da imaxe.

A videocartografía permite depurar a compoñente enunciativa para que o traballo de campo sexa máis directo e explícito para o espectador. Reducindo as fases do proceso científico vemos como os contidos adquiren máis significados. Neste proceso de depuración inflúen propostas cinematográficas afastadas das grellas televisivas, máis de vangarda e de experimentación. Un cinema baseado no empirismo, no número, na duración, na estrutura e na contemplación o que permite a formación de series, recollidas, mostras, coleccións, inventarios e arquivos.

Este distanciamento permite ao espectador ir directo ás fontes da investigación e valorar a natureza do aportes desa información. A primeira fase sería de documentación do territorio e dos posibles intérpretes. Posteriormente se estudiaría o terreo para buscar o mellor emprazamento para cámara. Os planos a facer terán que ser sinécdoques da información a proxectar. Para que teñan esta calidade os encadres terán que ter un claro compoñente pictórico onde o atractivo da imaxe converxa co suxerinte do discurso. Despois esas imaxes serán interpretadas por un protagonista dese territorio. E ese acto de lectura terá un alto compoñente performático que se debe incluír na proposta e, deste xeito, redobramos significantes. É dicir, a videocartografía permite unha lectura dos estratos que conforman a realidade e como son os procesos para discernilos.

A maneira de presentar as videocartografías é amosando esa fragmentación, intentando atopar unidades mínimas de significado. Malia isto non se pode ocultar a súa pertenza a un conxunto maior, dunha estrutura típica de como están configurados os organismos sociais. Para iso os vídeos terán que ser presentados en relación, en listaxes de reprodución e estas a súa vez divulgalas en redes sociais ou, se fora oportunas, deseñar aplicacións para móbiles. E aquí se produce unha nova plusvalía da videocartografía xa que se produce un coñecemento dun territorio que oportunamente divulgado pode ser unha certeira ferramenta educativa ou turística.

Desde Proxecto Socheo propoñemos como primeira achega a este tipo de videocartografía este piloto de Barrioteka onde se fixo unha serie de vídeos sobre o barrio da Cruzada na Guarda. A serie está incompleta mais aquí vai este primeiro feixe de vídeos, unha aproximación ao retrato dun barrio que esmorece no seu escintileo.

Xurxo González