Arquivo da categoría: asociación

O PROXECTO SOCHEO AMOSA ALGÚNS DOS SEUS TESOROS EN CAMINHA ESTE SÁBADO 10 DE AGOSTO

O Proxecto Socheo presentará unha escolma dos seus arquivos o vindeiro sábado 10 de agosto en Caminha, concretamente no Auditorio do Museu Municipal de Caminha, a partires das 21:45 horas portuguesas (22:45 horas galegas).

En particular, artellarase unha mirada a Portugal “dende a outra marxe”, da man de Xurxo González, co fío conductor dalgúns dos tesouros compilados e abrirase un diálogo cos asistentes.

O Proxecto Socheo, a iniciativa que recupera e saca á luz gravacións do audiovisual do Baixo Miño, dá o salto así á outra beira do Río.

Trátase dunha ocasión moi especial, tanto pola condición de Caminha como concello veciño como por acontecer durante o tempo das Festas do Monte, datas marcadas para todos os guardeses e miñotos que este ano cumpren 100 anos.

Precisamente, entre os arquivos de Socheo visibles no Youtube ou no portal web pódense rememorar imaxes das Festas do Monte de edicións dos anos 60 ou 70.

Con anterioridade o Proxecto Socheo amosou a riqueza audiovisual da súa bisbarra e mereceu a atención do público en lugares como Estonia, Barcelona, Santiago, A Coruña, Pontevedra…

Para atopar estas imaxes é precisa a colaboración de quen teña gardada algunha gravación. Festas, emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

O Proxecto Socheo continuará sacando á luz materiais, como as videobitácoras gravadas ao borde de barcos durante marés, imaxes tomadas por turistas, aparicións en películas… 

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través do seu portal ou dunha canle en Youtube que superou as 28.000 visitas. Pódense visionar 129 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

NP Proxecto Socheo en Caminha

A Guarda: icona de catástrofes

Tralo traballo feito polo Proxecto Socheo durante este ano estamos capacitados para soster que na Guarda o foco máis importante de imaxes está centrado na figura do Monte Trega: vistas turísticas, filmacións cinematográficas e imaxes da Festa do Monte.

Existen outros grupos de imaxes como as videobitácoras, escenas de lecer ou celebracións relixiosas, pero quedan ben lonxe do continxente principal.

Mais coa descuberta fortuíta destas imaxes dun NO-DO de 1960 onde aparece A Guarda, dámonos conta de que existe outra liña por explorar: a formada polas recorrentes imaxes da Guarda que empregan nos medios audiovisuais para ilustrar temporais.

Nestas imaxes de 1960, nas que so identificamos un plano da Guarda, o locutor, coa voz en over, fai referencia o porto da Guarda “que ha sufrido grandes destrucciones a causa del temporal”. Vemos como as imaxes de inclemencias meteorolóxicas boureando na Guarda son as mellores para ilustrar temporais e galernas. Hai presenzas da Guarda no NO-DO con maior peso mais tamén sostemos de que estas micropresenzas deberon ser abondosas.

Hai que caer na conta de que este tipo de imaxes aínda regresan hoxe en día aos contidos dos telexornais para ensinar o efecto destrutor do mar. A isto cómpre sumar que esta violencia marítima foi atraendo, cada vez máis, a moitos afeccionados da fotografía e a curiosos para veren e documentaren esta espectacularidade da natureza.

Vemos, xa que logo, que estas imaxes do NO-DO poden ser a orixe desta tendencia de procurar por un arquetipo visual. Lembremos que estes noticiarios se baseaban nunha rede de cineastas-delegados e que remitían as filmacións a Madrid, lugar onde se procesaban no laboratorio e despois se editaban.

Este proceso tamén foi copiado nos centros territoriais de TVE até os primeiros anos da década dos 80. Por exemplo, en Galicia contaba cunha rede de cineastas repartidos polas provincias que abranguían o territorio. Sabemos da existencia dunha nova no arquivo de RTVE-G sobre os “Destrozos do porto da Guarda polo temporal en 1979”. Tanto os pasados camarógrafos como os modernos unidades móbiles de televisión saben a ciencia certa de que se queren boas imaxes de temporais teñen que desprazarse até A Guarda porque, pola experiencia, erixiuse como unha icona de catástrofe.

Xurxo González

Proxecto Socheo

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

O COLEXIO AS SOLANAS ACOLLE UNHA PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOCHEO ESTE SÁBADO 25, NO MARCO DO SEU ANIVERSARIO

  • O Proxecto Socheo está sacando á luz gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro nas últimas semanas
  • En Internet pódese acceder a este patrimonio audiovisual recuperado da Guarda e do Baixo Miño

O próximo sábado 25 de maio, o CEIP As Solanas de A Guarda vive unha xornada de celebración por mor do seu XXV aniversario.. Dentro das actividades programadas para ese día, está unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de unha dos seus promotores: Beli Martínez, ex alumna do centro. A cita é ás 17:00 horas,

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes. Entre eles estará A Gaiteira de Camposancos, unha curtametraxe realizada por estudantes do centro en 1993 dentro da sección “Galicia de escola a escola” do programa de TVE en Galicia “Fiadoiro”.

Nas últimas semanas, o Proxecto Socheo está sacando á luz unhas valiosísimas gravacións dos anos 70 de Enrique Barreiro, con imaxes da zona das Eiras ou un desfile da Festa do Monte daquela altura. Como moitos dos seus arquivos, xa están dispoñibles en Internet.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública de pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual do Baixo Miño.

Esta mesma semana Socheo foi protagonista dunha sesión no Cineclube de Pontevedra Foi unha nova chamada ao traballo do Proxecto Socheo, que tamén mereceu presenza e atención en citas e institucións como Festival Cineuropa 2012 de Santiago, exposición Plan de Rescate na Coruña, Centro Galega de Artes da Imaxe, Proxecto Grand Treasures en Estonia, Memoria Acústica Europea, Memorybytes en Barcelona… entre outros

Para seguir nesta liña, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

O PROXECTO SOCHEO AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NA BIBLIOTECA DE PONTEVEDRA, DA MAN DO CINECLUBE PONTEVEDRA

O PROXECTO SOCHEO AMOSA UNHA ESCOLMA DOS SEUS ARQUIVOS NA BIBLIOTECA DE PONTEVEDRA, DA MAN DO CINECLUBE PONTEVEDRA

  • A sesión terá lugar mañá, xoves 23 de maio, ás 19:00 horas na Biblioteca Pública do Estado – Antonio Odriozola
  • O Proxecto Socheo é un esforzo conxunto que quere sacar á luz o patrimonio audiovisual da Guarda e do Baixo Miño coa colaboración de todo aquel que garde imaxes

O Cineclube Pontevedra organiza unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de Beli Martínez, unha dos seus promotores. A cita é mañá, ás 19:00 horas, na Biblioteca Antonio Odriozola (rúa Alfonso XIII, 3).

Na cita amosaranse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abrirase un tempo de diálogo cos asistentes.

O Proxecto Socheo prosegue así coa difusión pública dos seus pequenos tesouros e co traballo de dinamización da súa recuperación do patrimonio audiovisual local da Guarda e o Baixo Miño.

Proxecto Socheo, traballo compartido

O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.

A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 22.000 visitas. Pódense visionar máis de 100 películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota e fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

NP Proxecto Socheo no Cine Clube Pontevedra

A forza do arquivo

Ao longo de todo o século XX fóronse precipitando defuncións: a morte de Deus, seguiulle a do home, a da Historia, a da Arte, a do cinema, a da Modernidade… Un sentimento de loito procedente da incerteza na que se envolvían os distintos conceptos e disciplinas. Mais a comezos do século XXI eses óbitos transformaron o modo de pensar e agora todo se move por atinxir o esvaecente, de conter o voluble. Vivimos nunha época onde predominan as resurrecións das mortes, emerxencias esporádicas de ausencias, fantasmas que fan gala da súa forma etérea, premonicións que nunca chegan a cumprirse, utopías novas que reforzan as pasadas e revisitacións selectivas do pasado.

Neste contexto hai que situar a especial preponderancia que está tendo o arquivo nos nosos días. Nestes anos están agromando unha serie de iniciativas e proxectos que teñen como obxectivo rescatar a memoria de distintos tipos de comunidade. Este interese polo arquivo ven derivado sobre un cambio no paradigma no mundo obxectuable. A desconfianza cara a forma e a natureza do obxecto que alumeou espíritos transgresores tanto no eido social como artístico deu paso á emerxencia doutro paradigma consistente na valoración do arquivo como consecuencia do conformismo social, especialmente o burocrático, e da organización do traballo. Agora, ademais de crear imaxes, precísase rexistrar, coleccionar e almacenar.

Na historia do cinema sempre houbo interese polo manexo consciente do arquivo; desde que se alteraban o sentidos das recreacións na época dos pioneiros, se remontaban filmes por cuestións ideolóxicas por mandato da censura, se alteraban refugallos de celuloide para constatar a súa materialidade, se incorporaban fragmentos por evidenciar procesos lingüísticos ou se intentaban novos camiños narrativos xurdidos da acumulación ou da dialéctica. Mais é actualmente cando vivimos un tempo onde predomina a hipertrofia da lembranza e do almacenamento. A isto axudou a democratización e acceso as novas tecnoloxías non so na produción de imaxes senón no seu almacenamento. Non falo do aumento de capacidade de discos duros senón da posibilidade de situar os arquivos na rede (o megaarquivo) por medio de mercar espazo en servidores dispostos para tal efecto ou ferramentas xa existentes e de balde.

A memoria é o tema estrela da última década na eido heurístico, un protagonismo que se recrudece no cinema xa que é unha manifestación onde o tempo ten unha extraordinaria importancia. A nova creación cinematográfica galega aborda sen disimulos esta cuestión por medio do arquivo con frecuencia xa que permite adecuarse a formas máis baratas de produción, unha valoración da intimidade e maior grado de reflexividade e experimentación: JEDN, Manuscristos Pompeianos ou La brecha de Marcos Nine, CCCV ou O proceso de Artaud de Ramiro Ledo, Varona ou Territorios de Lara Bacelo, Cousas, de Kulechov de Susana Rey, Pantasmas #1 e #2 de Ángel Santos, Eclipse ou A realidade de Alberte Pagán, Fóra de Pablo Cayuela e Xan G. Viñas, Palabras secretas de Diana Toucedo…

A forza do arquivo esta no punto de mira do futuro. Actualmente estanse a perfilar novas fórmulas narrativas amparándose nas posibilidades da linguaxe da rede baseadas na falta de linearidade e nunha maior interactividade co espectador. Mais até que estas propostas se fagan cotiás hai fórmulas conscientes das súas limitacións que posúen unha maior incidencia na comunidades. Proxectos como La memoria de Lavapiés, ou o Territorio-archivo no Condado-Curueño nos Montes de León, Proxecto Socheo na Guarda ou Proxecto Buserana en Muxía teñen como obxectivos parecidos: a recuperación de patrimonio dun territorio, coa axuda da tecnoloxía e mediante a implicación das súas xentes.

Tanto imaxes fotográficas como audiovisuais converxen nestes vértices para facer un milladoiro de sinais de identidade. Cada contribución ten razón de ser posta ao carón das outras. Para iso, por enriba de todo, ten que existir unha necesidade de concienciación e de posta en valor dese material “desprazado”. Tamén ten que existir unha metodoloxía de traballo clara e efectiva que volva interpretar cientificamente (e con garantías) estas mostras de coagulación do pasado. E todo este proceso culmina coa cristalización de resultados na exposición nunha galería ou museo, na realización dun documental, na construción dunha web ou no seguimento do proceso a través das redes sociais.

Xurxo González

Proxecto Socheo

VIDEOBITÁCORAS: MARIÑEIROS NA PROCURA DE VISIBILIDADE

Proxecto Socheo. Playa de Somo. Videobitácora.

Fai tempo pasoume unha revelación parecida á que conta Slavoj Zizek nun artigo do seu libro Lacrimae Rerum. O filósofo checo estaba nunha sala de cinema de Praga vendo Matrix, dos Irmáns Wachowsky, cando un espectador próximo a el interrogouse sobre a natureza da realidade. A miña anécdota foi máis ou menos semellante cando asistín á unha sesión de La tormenta perfecta, de Wolfgang Petersen, no meu saudoso e benquerido cinema Avenida da Guarda. Unha vila que posúe un porto pesqueiro que destaca pola súa numerosa flota do palangre. A sala, destruida fai uns poucos anos despois, escentilaba coas luces do espectáculo hollywoodiense en todo o seu atrevemento e esplendor. O filme “navegaba” por secuencias onde había unha descrición do traballo do mariñeiro dedicado á pesca do peixe espada. A economía narrativa clásica deambulaba por unha serie de imaxes impresionistas alimentadas polas elipses das distintas fases nas que se daba conta da pesca do palangre (ao modo americano). A tripulación intentaba encher desesperadamente as adegas descoñecedores do fenómeno climático que se lle botaba ameazadoramente enriba. Xusto, nese momento, unha voz xurdiu da escuridade do patio de butacas e recriminou a pouca exactitude laboral do actor principal, que facía de patrón do barco: “George, iso non se fai así!”. As gargalladas resoaron na vella sala, mais os meus miolos interrogáronse xa non sobre o grado de representación da realidade senón pola negación de realidade dun oficio practicado sen testemuñas, no medio do océano Atlántico.

O mundo do mar por sí xa é un elemento altamente cinematográfico. Por un lado temos os elementos narrativos dun barco que sae do porto cunha determinada misión e ir a outro ou volver ao porto de orixe. O grupo de persoas que conforman a tripulación son unha especie de microcosmos onde os perfís psicolóxicos afloran con facilidade. Normalmente o seu traballo é bastante duro mais conviven momentos de dificultade con outros máis relaxados. E todo isto en medio da inmensidade do mar onde o semblante eríxese como un telón mínimal, case teatral, que fai destacar até o insospeitable todas as vicisitudes que lle acontece á figuración en primeiro plano.

Desta potencialidade soubo tamén a literatura que situou no mar peripecias de distintos homes e barcos que encarnaban, como se fora un microcosmos, o destino da humanidade. Desde a Iliada de Homero sabíase que as viaxes polo mar converxían todo un tecido de elementos épicos. Unha serie de aventuras nunha natureza extrema nas que emerxían preguntas transcendentes dun existencialismo arrebatador que por medio -ou non-, de deidades respondían a preguntas sobre a orixe e o destino dos homes. Este romanticismo recuncou en sobremaneira, no xénero literario das viaxes marítimas, das historias acontecidas no mar. E así, cunha extensa xenealoxía, volveu a emerxer a excelencia literaria co Moby Dick de Herman Melville. Unha obra na que destaca a hibridación do seu modo enciclopédico sobre a pesca dos cetáceos conxuntando, dunha maneira altamente moderna, a ficción arcaica e homérica e apuntamentos radicalmente documentais.

Este logro da literatura deuse en gran medida á vivencia de Melville como afanado mariñeiro. A súa experiencia vital impregnouna nas numerosas páxinas da súa obra escrita. Mais o interesante é que a materialización desta narrativa débese en grande medida ao regusto por parte dos membros do gremio dos mareantes pola retórica na oralidade. A maioría dos mariñeiros, dentro da súa concepción arquetípica de “lobos de mar”, son uns excelentes axentes de rememoración e comunicadores de experiencias. Este virtuosismo na oralidade débese en que na taberna ou no barco non dispoñían máis que da palabra para poñer en imaxes experiencias vividas, episodios acontecidos, fenómenos estraños ou historias fantasiosas. Mais o grande logro por parte da oralidade mariñeira está en saber enmarcar o acontecemento, contar as cousas cun empaque que pode ir acrecentándose en cada transmisión. A pesar do que o motivo que suscita a narración pode ser do máis nimio e insignificante este pode trascender cuns preámbulos, cunha escenificación, cunha presentación na que se produce unha decantación omnímoda pola descrición. Probablemente este control da historia débese ao excelente manexo do tempo. Unha característica que se debe á constatación da abundancia deste parámetro na vida no mar.

Ao longo da historia do cinema as viaxes marítimas tamén tiveron o seu protagonismo. Dende moi cedo as películas náuticas tiveron a súa presenza nas pantallas. As recreacións pioneiras de batallas como El estallido del Maine, o barco de guerra americano que deu orixe a contenda entre España e os EE.UU., noticiarios onde había desfiles nacionais de marinas (elementos do exército claves na configuración do colonialismo), imaxes propagandísticas que despois se reutilizarían noutros filmes como O acorazado Potemkin. Dentro do documentalismo e o cinema de vangarda xorden obras onde emerxe a vida nos barcos ou nas ribeiras (Finisterre, L´Atalante, Douro faina fluvial, Almadrabas…). O clasicismo sería quen estructuraría as imaxes do mar en xéneros como o de aventuras, piratas ou o bélico, habendo cristalizacións de maior realismo como en Capitáns intrépidos de George Stevens, describindo como era a pesca do bacallau nos anos 30, ou o Ala Arriba, de Leitao de Barros, sobre a comunidade e pescadores da Póvoa de Varzim nos anos 40.

Mais o cinema comercial tocou tanxencialmente o mundo do mariñeiro, case sempre era a escusa para poñer en liza outro interese, por exemplo, A tormenta perfecta non é unha película de mariñeiros senón que é máis ben un filme de catástrofes, xénero que reverdeceu na década dos 90. Esta deturpación débese ao custoso que era para un equipo cinematográfico filmar no mar. Sería o cinema independente o que faría mellores aproximacións ao mundo do mar: proxectos singulares como In fading light (1989), de Murray Martin, obras de cineastas-mariñeiros como Petter Hutton (At the sea), traballos de artistas como Allan Sekula (Space forgotten) ou de cineastas etnógrafos como Verenna Paravel e Lucien Castaing-Taylor (Leviathan).

Sen embargo, os mariñeiros non ían a agardar polos cineastas para que contaran as súas historias. A chamada democratización da tecnoloxía fixo que as cámaras entrasen nos barcos e primeiro foron os Super 8, despois os distintos formatos de vídeo e a día de hoxe as cámaras dixitais. Estas imaxes foron feitas para un consumo propio, privado e ficaron gardadas sen darlle moito valor. Na actualidade este material emerxeu grazas a proxectos cinematográficos puntuais que manipularon este material como Imágenes secretas (2012), de Diana Toucedo.

Mais este tipo de materiais viron a luz con dinámicas de arquivo científico como pode ser o Proxecto Socheo desenvolvido na vila da Guarda. Nel produciuse unha descuberta excepcional, unha chea de gravacións en vídeo de “marés” de barcos de pesca que dan xogo para pensar que estamos diante dun subxénero documental que se deu por chamar “videobitácoras”. Estas gravacións teñen vinculación coa vila da Guarda ou ben barcos do seu porto ou de mariñeiros guardeses enrolados noutros barcos. Este énfase territorial é unicamente porque Proxecto Socheo acoutou a súa zona de actuación a esta vila, non obstante é un subxénero que se repetiu noutros portos. Dentro deste material hai gravacións mais coidadas que outras; están as que recollen imaxes puntuais, gravacións de toda unha “maré” ou imaxes de expedicións científicas.

A videobitácora paradigma é a do Tánia Maria pola súa consciencia de filmación. Estas gravacións están tituladas co sobrenome “Vídeo Fox”, á semellanza do famoso estudio de Hollywood da Twentieth Century Fox, teñen unha cortinilla de entrada, hai elementos de puntuacións de resalte significativo (especialmente o peche de iris), aparecen lendas automáticas gravadas na memoria da cámara, virados a branco e negro, cambio de formato… Esta análise imaxes pódese completar de que están ordenadas en presuntas secuencias, séguese unha liña narrativa parella á evolución da “maré”, hai alusións (miradas, falar, xestos) á cámara, hai elementos de profilmia (gran, tracking, raias), emerxen outras gravacións (neste caso debuxos das Bolas do Dragón). Tamén hai imaxes e secuencias enteiras que teñen semellanzas entre distintas videobitácoras. Existen coincidencias en motivos sobre todos en aqueles que están nas rutas (cortar o pelo, preparar aparello, ronsel do barco) ou nos momentos de descanso (cociñando, comendo, fumando). Tamén hai unha necesidade de describir fase por fase o traballo, de amosar a engranaxe do seu procedemento. E así, cando a cámara tórnase curiosa e meticulosa extremando, con enorme coidado, o proceso de reflectir todo o ritual do traballo. Como curiosidade, hai que dicir que os momentos de pesca, a pesar da súa espectacularidade, están algo reducidos. Isto pódese explicar en como cando hai traballo arreo non había tempo para o luxo de documentalo xa que había máis prioridade pola pesquería.

Así pois, estas videobitácoras é o modo axeitado que atoparon os mariñeiros para amosar aos seus achegados en que consistía o seu traballo. Nestas gravacións nótase unha necesidade perentoria por parte dos homes que traballan nos barcos de intentar empregar a canle audiovisual para testemuñar a súa vida no mar. Os mariñeiros buscan así acabar coa invisibilidade e o ostracismo aos que secularmente se viron marxinados en terra. A maioría dos oficios están integrados na sociedade e non precisan de botar man de boureis para probar a súa existencia. Agora, pois, resulta oportuno a recriminación que se lle fixo a George Clooney no cinema Avenida. Os xeradores de imaxinarios do cinema non foron quen de atinxir a realidade da vida nos barcos. Tivo que ser o propio mariñeiro quen se gravara nesta especie de diarios cinematográficos para acabar definitivamente coa tradicional realidade negada. Así, coa revelación deste material podemos dicir que o mariñeiro ven a conseguir a súa alteridade, a presenza máis auténtica da súa existencia,

Xurxo González

Proxecto Socheo

O PROXECTO SOCHEO ACADOU O SEGUNDO PREMIO NO CONCURSO DE IDEAS PARA A XESTIÓN CULTURAL E PRESENTOUSE NO CGAI DA CORUÑA

 

  • O sábado 9 de febreiro foi protagonista dunha sesión no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dentro do ciclo OFF Galicia
  • O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións

O Proxecto Socheo acaba de ser recoñecido co segundo premio no “I Concurso de Proxectos e Ideas para a Xestión Cultural”, organizado polo portal Xestión Cultural. O primeiro premio foi para o Proxecto Buserana e o terceiro recaeu no Galería Mulleres, ambos os dous artellados e firmemente apoiados polo Concello de Muxía.

O Proxecto Socheo quere agradecer á organización do certame o interese na súa proposta e felicitar ás outras dúas iniciativas gañadoras.

Ademais o Centro Galego de Artes da Imaxe CGAI, na Coruña, acolleu o pasado sábado unha presentación do Proxecto Socheo, a cargo de dous dos seus promotores: Beli Martínez e Xurxo González, dentro do ciclo Off Galicia. Na cita amosáronse algúns dos traballos compilados no Proxecto Socheo ata o momento e abriuse un tempo de diálogo cos asistentes.

Unha vez máis, o Proxecto Socheo recibe atención e parabéns polo seu traballo como aconteceu, entre outras citas, no Festival Cineuropa 2012, de Santiago; a iniciativa Memorybites, en Barcelona; ou a exposición Plan de Rescate na Coruña, entre outros.

Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. O apoio institucional é, polo momento, inexistente. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que superou as 15.000 visitas. Pódense visionar máis de noventa películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.

Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral… todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen custe para o particular.

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén grava tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural baixomiñota.