Arquivo da categoría: Anos 90

O Curro da Valga (anos 90)

Outra gravación de curros. Filme caseiro feito en vídeo no que se rexistra unha visita familiar ao curro da Valga, Concello de Oia, Serra da Groba. A gravación pode situarse a comezos da década dos anos 90.

Esta viaxe pódese facer grazas a Iván Fernández que nos cedeu as imaxes. Se queres colaborar, contacta: proxectosocheo(arroba)gmail.com

Advertisements

A gaiteira de Camposancos, por Xurxo González e Beli Martínez

A gaiteira de Camposancos

Artigo elaborado por Beli Martínez e Xurxo González para o libro das Festas da Guía 2014

En 1993 a TVE-G emitía un programa magazine que se titulaba O Fiadeiro onde había unha sección que se titulaba Galicia de Escola a escola, un apartado patrocinado pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia onde se pretendía dar a coñecer os distintos centros educativos repartidos polo territorio galego. Nun serán dese ano a quenda tocoulle ao Colexio das Solanas da Guarda. O espazo protagonizouno cunha curtametraxe feita pola comunidade educativa: unha curtametraxe de ficción titulada A gaiteira de Camposancos.

O proxecto materializouse no curso 1992-93. A dirección das Solanas deu luz verde á presentación dun traballo para o programa televisivo. A profesora Rosa Darriba fíxose cargo da actividade xa que tiña experiencia na realización de distintos traballos videográficos como O último cordeleiro e Os muiños, dous documentais de carácter etnográfico. A realización d ́A Gaiteira de Camposancos levou moitos preparativos polo que viuse necesario a participación de nais e de avoas dos alumnos para facer o vestiario. Nunha especie de “como se fixo” da curtametraxe hai unha presentación do centro, ensaios, tomas falsas e, sobre todo, filmouse a extraordinaria actividade na realización dos preparativos.

A gaiteira de Camposancos ven sendo unha adaptación sui generis do conto infantil dos Irmáns Grimm O frautista de Hammeling. A historia acontece na escola d ́As Solanas. O edificio sufre unha curiosa invasión dun andazo de ameazadores Pelegríns, a afamada mascota do Xacobeo Unha revisión dunha fábula clásica con aires de ciencia ficción e cun final irónico e crítico.

Toda a duración da historia sucede nunha mañá. Un reloxo vai marcando as distintas horas e pautando os distintos actos na que se estrutura a historia.

06h00. Canta un galo. Uns inquietantes pelegríns invaden as dependencias baleiras d ́As Solanas. Os bonecos están feitos en pequena escala e colocados sobre coches de radiocontrol que ao tomarse os planos ao ras do chan parece que son de maior escala. Todo ten un carácter moi naïf reforzado polas constantes alusións ao cinema mudo. A música de pianola anima

10h00. Sona o timbre de comezo da xornada escolar. Chegan os alumnos á escola. No interior  de dúas clases vemos como aparecen de súpeto as figuras dos malvados pelegríns. Os profesores, interpretados polos alumnos dos cursos superiores, asustados fan unha xuntanza co director e deciden recorrer aos servizos d ́A gaiteira de Camposancos. Personaxe que aparece descendendo polas escadas que hai a carón do centro educativo onde o Muño de vento, coa súa música é capaz de xuntar todos os pelegríns e facelos desaparecer.

12h00. Sona o timbre do recreo. Os rapaces lánzanse polas escaleiras para xogar no patio de terra. A Gaiteira de Camposancos fala co director para cobrar a súa factura mais o centro non ten cartos para facer fronte a ese gasto. Este punto da trama pode verse como unha alusión aos recortes intemporais na ensinanza pública. Molesta, a gaiteira asómase a fiestra e comeza a sonar a súa gaita convertendo aos rapaces do patio en pelegríns. Probablemente aquí este  o recurso máis espectacular da narración da curtametraxe, un corte seco coa cámara que permite cambiar de plano e facendo a máxica transfiguración. Un recurso que xa ven desde os albores do cinema, concretamente dos filmes do francés George Mèliés. Ao director non lle queda outra que intentar xuntar os cartos. Como na colecta que fan entre os profesores non é suficiente decídese por pedir esmola á porta da capela da Virxe da Guía. Os transeuntes danlle moedas que introduce no peto con forma de porquiño. Nesa altura vólvese ao cinema mudo introducindo uns intertítulos. Concretamente son cinco preguntas: “Encherá o peto?, Esperará a gaiteira?, Os pais volverán a ver os fillos?, os seus filliños serán para sempre mascotas do Xacobeo 93?, Haberá emprego para tanto pelegrín?” Preguntas irónicas e retranqueiras sobre o futuro dos estudantes e a política cultural e educativa da Xunta de Galicia. Finalmente o director d ́As Solanas xunta os cartos suficientes e llos entrega á gateira.

13h00. Sona o timbre de novo. Desta vez para saír do colexio. Temos o suspense de como se resolverá a elipse temporal. A gaiteira volvería a converter aos alumnos aos seu estado natural? A cámara fica na porta. Os alumnos comezan a saír a rúa para marchar as súas casas. Outra vez os orixes do cinema, as saídas de fábricas dos filmes dos Irmáns Lumiére. Desta maneira todos os alumnos do colexio participan na curtametraxe. Finalmente ata as imaxes decorren máis a modo para remarcar o feito de que os colexios non son nada sen os seus

 Os vídeos

A curtametraxe: 

O como se fixo:

Imaxes de As Solanas:

Vídeo realizado pola comunidade do Colexio As Solanas da Guarda para presentar as súas instalacións. Esta película formaba parte dos “extras” da curtametraxe.

A Banda Negra no desfile da Festa do Monte (1998)

Vídeo da Banda Negra rematando o desfile do sábado na Festa do Monte no ano 1998, preto xa do Porto guardés. A Banda Negra, a máis antiga, e a que desfila tradicionalmente como primeira de entre as bandas mariñeiras.

Xa que as Festas do Monte 2014 se aproximan, dende o Proxecto Socheo recomendamos o visionado dos nosos arquivos sobre a celebración.

Videobitácora do Costa do Ceo

Presentamos a videobitácora do Costa do Ceo, un barco de pesca da Guarda. Este barco faenaba no océano Atlántico e se dedicaba ao palangre co que pescaba sobre todo peixe espada e marraxos. O que vemos é un diario de abordo realizado con moita intención por parte dos protagonistas para testemuñar as incidencias e peculiaridades do seu traballo.

As imaxes son de 1992.

Pódense seguir todos os vídeos no canle youtube do Proxecto Socheo…